Torres Hejduk
As Torres Hejduk son unha obra arquitectónica do estadounidense John Hejduk que forman parte do complexo arquitectónico de Cidade da Cultura en Santiago de Compostela.
Historia
[editar | editar a fonte]Orixinalmente as torres foron deseñadas no ano 1992 para outra localización dentro da mesma cidade, o parque de Belvís. Neses primeiros anos noventa Santiago de Compostela estaba comezando a incluír a arquitectura contemporánea na súa paisaxe urbana chea de románico, barroco e neoclasicismo. Nun breve período de tempo levantan obra na capital galega, Álvaro Siza, Giorgio Grassi, César Portela ou Albert Viaplana e Helio Piñón.
As dúas torres pensadas orixinalmente para usos botánicos incluían un invernadoiro na torre acristalada e unha sala para diferentes usos na torre de pedra. Pero pouco antes de que comence a construción vaise cancelar o proxecto.
Peter Eisenman e John Hejduk formaban parte do grupo de arquitectos de Nova York coñecidos como The New York Five Architects e no ano 2000 vai coincidir o pasamento de John Hejduk coa elección do proxecto de Eisenman para Cidade da Cultura. Coma homenaxe ó seu compañeiro recentemente falecido, Eisenman vai rescatar o deseño de Hejduk para a cidade de Santiago e vai levantalo na aba oeste do monte Gaiás[1].
En Cidade da Cultura as torres perden a función orixinal e convértense nun espazo expositivo. Xeralmente son intervidas por artistas novos e as súas instalacións duran varios meses. Moitos dos proxectos que se realizan son de artistas que participaron no Encontro de Artistas Novos que comisaría Rafael Doctor e que organiza a propia Cidade da Cultura[2].
No ano 2013 a compañía Iberdrola financiou a instalación dun sistema de iluminación led na torre de cristal que lle permite iluminarse de diferentes cores durante a noite. A posición na aba da montaña fai que sexa visible dende boa parte da cidade[3].
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Torres Hejduk e contorna | Cidade da Cultura". www.cidadedacultura.gal. Consultado o 2020-05-12.
- ↑ "IX Encontro de Artistas Novos: #EAN9 | Cidade da Cultura". www.cidadedacultura.gal. Consultado o 2020-05-12.
- ↑ "Iberdrola inaugura la iluminación de las Torres Hejduk, en la Cidade da Cultura de Santiago de Compostela". Iberdrola (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 05 de xuño de 2020. Consultado o 2020-05-12.