Saltar ao contido

Tortura na España franquista

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Escudo da policía franquista

A tortura na ditadura franquista ocupou «un lugar central dentro dos procedementos policiais e carcerarios», e respondeu ao armazón penal que foi «á vez vingativo e redentorista, militarista e con claras pulsións totalitarias».[1] Como destacou César Lorenzo Rubio, durante a ditadura franquista a práctica da tortura non só continuou como ocorrera noutros períodos da historia contemporánea de España, «senón que levou a extremos nunca coñecidos en canto a extensión e intensidade». «A tortura a mans de funcionarios do Estado foi unha realidade incontestábel, sistemática». A súa extensión e tipoloxía foi cambiando ao longo do tempo, «pero nunca desapareceu do todo».[2] Francisco Moreno Gómez chegou a afirmar que o franquismo creou un «estado xeral de tortura».[3] Unha valoración compartida por César Lorenzo Rubio:

«A práctica da tortura e os malos tratos non foi a excepción, senón a norma. Non foi obra duns poucos axentes da orde, senón dos diferentes corpos policiais, militares, de vixilancia penal... Os seus autores non actuaron ao seu libre albedrío, senón dentro dun sistema que lles daba amparo e cobertura. A Brigada Político-Social, epítome da represión política, contou coa colaboración de médicos forenses, secretarios, xuíces e fiscais; quen, á súa vez, aplicaron leis e normativas ditadas por uns gobernos conscientes e responsables do uso que se lles deu».[4]

A tortura na zona rebelde da Guerra Civil Española (1936-1939)

[editar | editar a fonte]
Milicianos republicanos caídos prisioneiros dos sublevados durante a Batalla de Guadarrama

Na zona sublevada da guerra civil española a tortura tivo «un uso endémico e firmemente enraizado na práctica policial ―especialmente na policía política― e, por extensión, no funcionamento da maquinaria de enxuizamento criminal».[5] Chegouse a afirmar que na zona rebelde se practicou a tortura xudicial, xa que en ocasións se recorría a ela durante o proceso de instrución e por indicación do xuíz militar. As torturas máis frecuentes foron os golpes aos detidos en distintas partes do corpo e o emprego de diversas formas de humillación. Tamén se recorreu a colocar achas baixo as uñas ou a arrincalas, ou o uso de eléctrodos nas partes máis sensíbeis do corpo como os xenitais. Este último tipo de tortura foi introducido, ao parecer, polos axentes da Gestapo que asesoraron á policía franquista. As mulleres, pola súa banda, sufriron formas específicas de tortura. Estas incluían a mutilación do clítoris ou a violación, e a humillación, como as rapaduras de pelo.[6]

As torturas e os malos tratos fóronse estendendo conforme o bando rebelde foi ocupando territorios da zona leal á República. Realizábanse non só en comisarías, cuarteis e cuartelillos da Garda Civil (estes últimos especialmente en zonas rurais) e centros de detención provisionais, senón tamén nos locais da Falange. Os verdugos eran os membros dos distintos organismos policiais e parapoliciais baixo a autoridade suprema do Exército, entre os que se atopaba o Servizo de Información e Policía Militar (SIPM). Todo iso foi posíbel porque desde o golpe de estado na zona rebelde «suspendéronse as garantías procesuais e impúxose un réxime arbitrario de detencións».[7]

Tamén se produciron torturas e malos tratos nas prisións e nos campos de concentración. Os internos ―moitos deles sen seren acusados formalmente de ningún delito― soportaron unhas condicións de vida deplorábeis marcadas pola «carestía, a enfermidade, o amoreamento e a corrupción». Non era infrecuente que quen propinaban as malleiras aos presos fosen falanxistas ou familiares de vítimas a quen se deixaba entrar no estabelecemento. As mulleres, pola súa banda, eran obxecto de humillacións e de agresións sexuais. De feito, nalgunhas prisións os falanxistas sacábanas do recinto para violalas. Os internos eran obxecto de brutais castigos propinados polos funcionarios, moitos deles excombatentes, excautivos ou familiares de vítimas da represión na retagarda republicana, ou polos cabos de vara que reapareceron no mundo penal, quen tamén actuaron nos campos de concentración. Os prisioneiros dos campos de concentración cualificados como «desafectos» tamén foron obrigados a realizar traballos forzados en batallóns formados para o efecto.[8]

Primeiro franquismo (1939-1959)

[editar | editar a fonte]

Desde o seu inicio «a ditadura franquista estaba marcada polo signo da violencia represiva, dentro da cal a tortura, como forma extrema de aniquilación do inimigo... foi un elemento fundamental».[9] Nada máis acabar a guerra civil, o cónsul británico en Barcelona xa advertía do estendido que se atopaba o seu uso. No seu informe do 24 de agosto de 1939 expuña o seguinte:

A maioría dos presos son maltratados. Isto sempre parece ter lugar durante o interrogatorio cando se sospeita que cometeron crimes de sangue durante a revolución. Houbo moitos suicidios: algúns homes saltan polas ventás na comisaría de Policía e outros na propia prisión.
Sede da Dirección Xeral de Seguridade na Porta do Sol en Madrid. Foi o centro de torturas máis importante do franquismo

O 5 de xaneiro de 1939, en plena ofensiva de Cataluña, o goberno franquista reunido en Burgos creara o Servizo Nacional de Seguridade, posterior Dirección Xeral de Seguridade (DGS). Ocuparía o lugar do Servizo de Información e Policía Militar (SIPM) que actuara durante a maior parte da guerra. No inicio o seu xefe foi o coronel José Ungría Jiménez, director do SIPM, e dende o 23 de setembro, José Finat y Escrivá de Romaní, conde de Mayalde. Ese día aprobouse a organización da DGS en catro grandes comisarías (Fronteiras, Información, Orde Pública e Identificación). Partindo da información solicitada durante a guerra por diversos organismos franquistas, a DGS comezou a elaborar un enorme ficheiro de antecedentes político-sociais que en 1944 xa abarcaba uns tres millóns de persoas fichadas. Tamén creou o Corpo de Policía Armada, formado inicialmente por excautivos e excombatentes. A reorganización do aparello policial franquista completouse coa Lei de Policía de marzo de 1941, que creou o Corpo Xeral de Policía. O preámbulo da lei dicía que a «nova policía» non debía rexerse polo «apoliticismo» e que debía ter como obxectivo «a vixilancia permanente e total indispensable para a vida da Nación, que nos estados totalitarios se logra mercé a unha acertada combinación de técnica perfecta e lealdade». O preámbulo tamén facía referencia á «policía política, como órgano máis eficiente para a defensa do Estado».[10]

José Finat y Escrivá de Romaní, xefe da DGS, en Donostia co líder nazi Heinrich Himmler e Gerardo Caballero, gobernador civil de Guipúscoa

Da función específica de perseguir os «delitos sociais e políticos» ocupouse a Brigada Político-Social (BPS). Desde un principio recibiu asesoramento de axentes da Gestapo, dirixidos por Paul Winzer, destinado na embaixada alemá en Madrid. Especialmente foi instruída no uso de diversos métodos de tortura para obter información ou confesións dos detidos (lategazos, afogamentos mediante «a bañeira», descargas eléctricas, esmagamento de testículos e dedos, queimaduras nas plantas dos pés e noutras partes do corpo) e en técnicas de espionaxe e infiltración en grupos de oposición. O propio José Finat, director xeral de Seguridade, viaxou á capital alemá para reunirse con Himmler.

A colaboración entre a policía franquista e a Gestapo remontábase á guerra civil. En novembro de 1937 asinouse un protocolo secreto polo cal policías do bando sublevado irían a Berlín para seren adestrados. Ese protocolo secreto foi ampliado por un novo acordo de colaboración asinado o 31 de xullo de 1938.[11]

En Madrid as torturas tiñan lugar na sede da DGS na Porta do Sol, onde entre outros destacou o comisario Roberto Conesa, e en comisarías como a de Buenavista (tamén sede do SIPM), cuxos axentes tamén participaron nas torturas aos detidos. En Barcelona o centro principal de torturas foi a sede da Xefatura Superior de Policía da Vía Laietana, onde destacaron como torturadores os inspectores da Brigada Político-Social Pedro Polo Borreguero e os irmáns Antonio e Vicente Juan Creix, ás ordes do comisario Eduardo Quintela Bóveda. Os policías, singularmente os membros da Brigada Político-Social, asañáronse especialmente cos membros de partidos políticos de esquerda (PCE, PSOE) e de organizacións obreiras (CNT, FAI, UXT, Mocidades Libertarias) que tentaban reorganizarse na clandestinidade. Foi o caso, entre moitos outros, dos anarquistas Esteban Pallarols Xirgu ou Enrique Marco Nadal, que tentaron reorganizar a CNT ―foron detidos até 11 dos 14 comités nacionais da CNT que se formaron na década de 1940―. Tamén sufriron torturas os membros das Mocidades Libertarias Fausto González Alonso e José Martínez Guerricabeitia, ou os comunistas Gregorio López Raimundo, Heriberto Quiñones, Pedro Vicente, Antonio Palomares, Bonifacio Fernández, Eduardo Sánchez Biedma ou Casto García Roza (mortos este tres últimos por mor das torturas), que tentaron reorganizar o PCE ou o PSUC, ou o socialista Tomás Centeno.[12]

A policía actuaba con total impunidade e coa complicidade dos xuíces. Estes non só nunca imputaron a ningún axente (aínda que as probas das torturas fosen evidentes), senón que procesaban por desacato ou por desobediencia á autoridade os detidos que ousaban denuncialas. A falta de garantías procesuais durante a detención e o interrogatorio facían o resto; os detidos carecían de asistencia legal, non existía límite de facto para presentar unha acusación formal e menosprezábase a presunción de inocencia.[13]

Sede da Xefatura Superior de Policía na Vía Laietana de Barcelona. Foi o principal centro de torturas en Cataluña durante a ditadura franquista

Un informe da embaixada de Gran Bretaña en España de 1949 remitido á Foreign Office dicía:[14]

Os arquivos da DGS están baseados no modelo nazi. Están cabal e extremadamente ben organizados, asegurando unha vixilancia sistemática sobre todos os inimigos sospeitosos do Estado. Debe ser resaltado que os puntos negros da Xustiza española son por norma as comisarías, máis que as propias prisións. Todos os casos políticos caen dentro da Brigada Político-Social que actúan por orde do xefe superior de Policía. O interrogatorio dun prisioneiro pode incluír o uso de crueis artefactos, tendentes a forzar as declaracións posteriormente chamadas “confesións”. Como reciben un extra, os mal pagados policías tenden a usar métodos cada vez máis violentos e a prolongar canto sexa posíbel o illamento dos prisioneiros para obter unha confesión. Tanto as mulleres como os homes reciben este trato. Poden estar detidos durante semanas antes de que se formule formalmente calquera cargo contra eles. Cando o «dosier» é terminado, o prisioneiro é trasladado a unha das prisións do Estado e pasa á xurisdición militar.

Tamén recorreron á tortura e a outros métodos de «guerra sucia» a Garda Civil e o Exército na súa loita contra a guerrilla antifranquista, especialmente durante o denominado «trienio do terror» (1947-1949). Non só foron torturados os guerrilleiros apresados ―que en moitas ocasións acabaron sendo fusilados sen xuízo ou aplicándolles a «lei de fugas»―, senón tamén as súas familias e os presuntos «colaboradores» das montañas e zonas rurais. A actuación da Garda Civil e o Exército foi revalidada polo Decreto Lei para a Represión da Bandidaxe e o Terrorismo, de 18 de abril de 1947. De feito, pouco despois o xeneral Franco proclamou o estado de guerra na provincia de Teruel, onde actuaba a Agrupación guerrilleira de Levante e Aragón.[15]

Nas prisións tamén houbo torturas e malos tratos aos reclusos. Deuse especialmente nos centros de retención provisionais que se habilitaron na inmediata posguerra, aos que tiñan fácil acceso falanxistas e outros grupos paramilitares. Estes sacaban os presos para darlles malleiras, como lle ocorreu ao poeta Miguel Hernández. Porén, ao suceder en menor medida que nas comisarías e cuartelillos, moitos detidos consideraban un alivio ingresar no cárcere. Con todo, as condicións de vida nas prisións eran extremas. «A masificación, a miseria, a insalubridade, a fame, o terror, o traballo forzado e o adoutrinamiento relixioso e político foron os trazos distintivos dun sistema que máis aló de vixiar e castigar, pretendía a transformación existencial completa dos capturados e, por extensión, das súas familias».

Os principais responsables das torturas e os malos tratos aos reclusos foron os cabos de vara e os novos funcionarios de prisións. Moitos deles eran excautivos, excombatentes ou familiares de vítimas da represión na «zona roxa», moitos movidos por un afán de vinganza e pola «rabia e os resentimentos», como se recoñece nun informe oficial da Dirección Xeral de Prisións de 1951. Cando un preso se atrevía a denunciar o caso pechábase xeralmente co sobresemento e o arquivo do mesmo. Doutra banda, os malos tratos e as torturas nos cárceres comezaron a remitir a partir de 1943, ano en que se inaugurou o cárcere de Carabanchel que substituíu a vella prisión de Porlier. O obxectivo era mellorar a imaxe exterior do réxime nun momento en que as potencias fascistas empezaban a perder a Segunda Guerra Mundial. Esta remisión tamén se explica pola actitude máis solidaria e contestataria (plantes, folgas de fame e denuncias que canalizaban os exiliados fóra de España) entre os colectivos de presos políticos.[16]As mulleres detidas e presas sufriron formas específicas de torturas e malos tratos que tiñan como obxectivo negarlles a condición de cidadás que lles recoñecera a República e humillalas e anularlas pola súa condición feminina (o que Irene Abad definiu como “represión sexuada”).[17] Recibiron as mesmas torturas cós homes (descargas eléctricas, queimaduras…) mais, obrigadas a espirse, ían dirixidas especialmente aos xenitais e aos peitos. Con todo, o elemento diferencial máis importante foi a violación. «Ben como ameaza ou consumada, a violación representou o máximo nivel de humillación das perdedoras e de demostración do poder masculino dos vencedores»[18], xunto coas cerimonias públicas en que lles rapaban o pelo, eran obrigadas a tomar aceite de ricino ou fusiladas. Moitas das mulleres violadas cando ingresaban en prisión estaban embarazadas e alí tiñan aos seus fillos nunhas condicións espantosas até os tres anos de idade en que llos quitaban. Estes feitos son coñecidos polos centos de testemuños recollidos por Tomasa Cuevas, torturada na sede da Xefatura Superior de Policía da Vía Laietana de Barcelona.[19] Isto é o que lembraba, por exemplo, María Valdés:[20]

A min pegáronme con esas porras que teñen gume de ferro e abríronme as carnes, toda a parte do cu aberta. Como eu poñía os brazos para tapar os peitos, tiñaos cheos de sangue; e non se conformaron con iso, logo puxéronme nunha cadeira cos peitos colgando.

Tras a sinatura do acordo das bases con Estados Unidos de 1953, varios policías da Brigada Político-Social viaxaron a ese país para seguiren cursos da FBI e da CIA sobre contraespionaxe e novos métodos de interrogatorio. O inspector Antonio Juan Creix utilizou en abril de 1958 o que aprendera en Nova York da FBI no interrogatorio e tortura do dirixente comunista Miguel Núñez González. Porén, nunca estivo do todo satisfeito. «Aquí veñen os americanos, que se as correntes eléctricas… Como o pau non hai nada», dixo Creix, segundo lembraba o propio Miguel Núñez. O dirixente comunista resistiu as torturas ás que foi sometido durante un mes na comisaría da Vía Laietana e non delatou a ninguén, o que o converteu nun símbolo da loita antifranquista. Outro policía que viaxou a Estados Unidos foi o propio xefe da BPS Vicente Reguengo, que recibiu formación da CIA sobre «métodos, material e técnicas de investigación policial». Tamén o comisario Roberto Conesa asistiu a cursos de formación da CIA sobre «sabotaxe e anticomunismo».[21]

Segundo franquismo (1959-1975)

[editar | editar a fonte]

Durante este período produciuse un cambio na oposición ao franquismo. Deixou de estar protagonizada polas organizacións políticas clandestinas para pasaren ao primeiro plano os movementos sociais, como o movemento obreiro (columna vertebral da oposición, e por tanto o máis represaliado e o que máis sufriu a violencia gubernativa), o estudantil ou o veciñal. Os seus activistas «actuaban ―na medida do posible― publicamente, forzando os límites da legalidade e esgrimindo reivindicacións concretas que podían conectar cunha ampla parte da poboación. Por mor deste cambio produciuse tamén a aparición de novos perfís de detidos, con obreiros e estudantes á cabeza, pero tamén os acompañarían profesionais liberais, intelectuais e sacerdotes de base».[22]

Para estes anos existe un estudo documentado sobre as torturas, aínda que referido ao territorio do País Vasco. Este traballo, encargado polo goberno autonómico e publicado por primeira vez en 2016, relata 770 casos de torturas entre 1960 e 1977, con picos destacados en 1968 (103 casos) e 1975 (268 casos). Outros estudos sinalan 1969 como o ano en que se produciron máis casos de malos tratos (890 casos), como resposta ao atentado contra o comisario Melitón Manzanas, xefe da Brigada Político-Social en Donostia, asasinado por ETA.[23]

A denuncia da tortura por Francisco Tomás y Valiente.
O 24 de marzo de 1971, pouco despois de concluír o Proceso de Burgos, Francisco Tomás y Valiente impartiu unha conferencia na Universidade de Salamanca baixo o título "La tortura judicial y sus posibles supervivencias". O texto foi incluído no seu libro "La tortura judicial en España" publicado en 1974, cuxo título foi cambiado por imposición da censura franquista polo de "La tortura en España. Estudios históricos". O libro foi reeditado co seu título orixinal en 1994 cun prólogo de Tomás y Valiente cunha segunda "introducción al cuadrado" en que explicaba os problemas que tivo coa censura franquista.[24]
Na conferencia Tomás y Valiente analizou dúas sentenzas do Tribunal Supremo do 15 e o 23 de marzo de 1965 relacionadas cun mesmo presunto caso de «brutal mal trato» cometido pola policía na Comisaría de Donostia sobre unha persoa detida o 21 de agosto de 1962 acusada de «actividades subversivas como Secretario dunha organización ilícita denominada Frente de Liberación Popular». Nas sentenzas, a sala do contencioso-administrativo suspendeu a multa imposta ao suposto torturado por denunciar os malos tratos. Porén, confirmou as multas de 25.000 pesetas impostas polo goberno aos dous asinantes do escrito do Consello Diocesano de homes de Acción Católica en que se lle pedía ao Ministerio da Gobernación que se abrise información sobre os presuntos malos tratos.[25]
Despois de analizar as sentenzas, Tomás y Valiente propuxo cinco medidas para asegurar que non se producisen casos de tortura extraxudicial en España. A primeira era que fose a autoridade xudicial, e non un funcionario do Ministerio da Gobernación como sucedera no caso referido por el, quen se encargase de investigar dende o primeiro momento as denuncias por malos tratos. En segundo lugar, que quedasen sometidos ao control xudicial as decisións do goberno, pois segundo a lexislación de entón os "actos políticos do Goberno" quedaban fóra do ámbito de actuación dos tribunais e esa fora unha das razóns esgrimidas polo Tribunal Supremo para non revogar a multa imposta aos denunciantes do presunto caso de tortura. En terceiro lugar, propoñía reintroducir a figura da "manifestación de persoas" do dereito aragonés, semellante ao habeas corpus, polo que un detido debería ser entregado –manifestado- inmediatamente á autoridade xudicial por petición do interesado, e incorrería en responsabilidade o funcionario que non o fixese. A cuarta era a creación dunha verdadeira Policía Xudicial dependente dos xuíces. A quinta e última medida era que se garantise a asistencia dun avogado dende o mesmo momento da detención, "sen que puidesen levarse adiante dilixencias que afectasen ao detido sen a presenza do seu avogado", unha petición que acababa de ser formulada tamén polo Colexio de Avogados de Madrid e que fora refrendada polo Congreso da Avogacía de León.[26]
Tomás y Valiente acabou a conferencia afirmando que "en último termo o problema da tortura é… o do límite do poder político". "Para renunciar á tortura, onde esta se dea, se é que se dá e na medida en que se dea, é preciso que o propio Estado recoñeza que por riba da eficacia represiva hai outros valores, que é preferíbel non investigar quen foi o autor dun delito que torturar un inocente, ou mesmo a quen logo resulte culpábel. […] Pero ¿estará o Estado decidido a renunciar para sempre á tortura en relación con posíbeis delitos de marcado cariz ou contido políticos? A historia ensínanos que xustamente foi nestes casos cando máis intensa e arbitrariamente se aplicou a tortura. ¿Haberá ser sempre así?".[27]

Dende o punto de vista da represión franquista, o período iníciase coa promulgación da Lei de Orde Pública de 1959, que veu substituír a Lei de Orde Pública da República. Mantiña a xurisdición militar para todos os delitos que afectasen á orde pública. Dita lei serviu para legalizar os estados de excepción que se decretarían nos anos 60 e 70, seis veces en determinados territorios e tres na totalidade do país.

En todos eles, agás nunha ocasión, suspendeuse o artigo 18 do Foro dos Españois, que fixaba o límite de 72 horas en que unha persoa podía estar detida antes de pasar a disposición xudicial. Así, durante os estados de excepción a policía podía actuar aínda con maior impunidade para acabar coas «actividades extremistas». Tratábase «dunha ditadura dentro de outra».[28]

Durante o estado de excepción de 1971 foron detidos moitos activistas antifranquistas, como Carlos Vallejo, militante das clandestinas Comisións Obreiras da fábrica SEAT de Barcelona. Vallejo, acusado de «propaganda ilegal», estivo retido dezasete días na comisaría de Vía Laietana até que ingresou no Cárcere Modelo de Barcelona. Ao pouco tempo perdeu o seu traballo polas súas «faltas de asistencia» ao mesmo «desde o día 17 dos correntes», que era a data da súa detención. Outros pasárono aínda peor, pois foron detidos de novo por «razóns ou motivos de Orde Pública» tras ser postos en liberdade polo xuíz.[29]Este é o testemuño de Carlos Vallejo da súa estadía na comisaría da Vía Laietana:[30]

En celas illadas, chamábante a deshora, continuamente. Non te deixaban durmir. Ameazábante facendo ver coa pistola que te ían disparar. Todo isto negro [sinálase a barriga] de pegar así [golpéase repetidamente a barriga coa punta dos dedos] que che fai unha dor terríbel. Vaia, aguantas, mais cáusache unha dor terríbel. Despois, en fin, todo tipo de vexacións, patadas, rodas, o bo e o malo… en fin, a escola da tortura
Protesta en París en 1963 contra os asasinatos de Julián Grimau, Manuel Moreno Barranco, Francisco Granados Gata e Joaquín Delgado Martínez

A finais de 1963 creouse o Tribunal de Orde Pública (TOP) para tentar «branquear» a imaxe exterior do franquismo. Era un momento en que Franco presentara a candidatura de España para o ingreso na Comunidade Económica Europea. Un ano antes un informe da Comisión Internacional de Xuristas denunciara a inexistencia do estado de dereito e de liberdades en España. Até entón a xurisdición militar era a que se encargaba de xulgar os delitos «políticos». Foi o que lle sucedeu, por exemplo, ao dirixente comunista Julián Grimau, detido en novembro de 1962 e sometido a terríbeis torturas na sede da DGS en Madrid. Os axentes da Brigada Político-Social tentaron encubrilas tirándoo ao patio interior do edificio, feito que foi presentado como un intento de suicidio. Grimau sobreviviu e, malferido, foi condenado a morte nun consello de guerra e fusilado.

Por esas mesmas datas foi detido o anarquista catalán Jordi Conill, que tras ser torturado e xulgado nun consello de guerra foi condenado a morte. A pena foille conmutada por 30 anos de prisión debido á campaña internacional que se organizou a favor del. Os anarquistas Francisco Granados Gata e Joaquín Delgado Martínez, detidos pouco despois, foron salvaxemente torturados na sede da DGS de Madrid. Foron condenador a morte nun consello de guerra sumarísimo e executados por garrote vil o 17 de agosto de 1963.[31]

Os delitos de «asociación ilícita», «propaganda ilegal», «reunión ilegal», «manifestación ilegal» ou «desordes públicas» pasaron a ser competencia do TOP. Porén, os máis graves, como os de «terrorismo» ou os que afectasen o Exército e á Garda Civil, continuaron baixo a xurisdición militar. O TOP, xa que logo, non acabou con ela, senón que a complementou. Así, entre 1964 e 1976 o TOP instruíu un total de 22.660 procedementos que afectaron a unhas 9.000 persoas, das que foron condenadas preto de 3.000. Pola súa parte, a xustiza militar condenou a 5.600 civís entre 1960 e 1977.[32]

Co TOP continuou a práctica da tortura, pois a Brigada Político-Social seguiu encargada dos delitos competencia do tribunal e o TOP nunca se ocupou de investigar as denuncias de malos tratos ou de torturas aos detidos. Así o subliñou o avogado Josep Solé Barberà nun escrito de 1977:

«Eu non coñezo nin un só sumario no cal a denuncia de malos tratos fose admitida como suficiente para abrirse unha investigación sobre uns feitos que podían alterar todo o contido sumarial e que, de non seren certos, era á autoridade mesma a quen lle conviña descubrilo».

A avogada Ascensión Solé lembraba algo similar:

« [...] cando se lle preguntaba abertamente [ao acusado] se fora presionado moral ou fisicamente polos funcionarios ou maltratado de obra ou de palabra, a campá do presidente, de Mateu, tocaba freneticamente rompendo o afeito ton educado e amable con que nos trataba».[33]

Nalgúns casos os malos tratos e as torturas ―como «a bañeira» (afogamentos), «a cegoña» (camiñar agochado coas mans esposadas por baixo das pernas), «o quirófano» (permanecer deitado nunha padiola coa cabeza no aire) ou «a torradora» (deitarse nun somier metálico conectado a cables eléctricos)― acababan coa morte do detido ao ser botado por unha xanela desde gran altura. Foi o caso do estudante Rafael Guijarro Moreno, cuxa morte inspirou a canción de Maria del Mar Bonet «Què volen aquesta gent» (1968), convertida nun himno antifranquista. Por outra parte, a morte de Enrique Ruano causou unha vaga de protestas que levaron ao réxime franquista a decretar o estado de excepción o 24 de xaneiro de 1969.

Máis sorte tiveron o estudante valisoletano José Luís Cancho e o albanel militante do PCE(i) Miguel Jiménez Hinojosa, que sobreviviron á caída. Este último recibira un tiro a queimarroupa do axente da BPS Atilano del Valle Oller, quen en 1975 foi condecorado coa Cruz ao Mérito Policial. Jiménez, pola súa banda, pasou cinco anos e medio en prisión tras ser condenado nun consello de guerra por insulto ás forzas armadas e «asociación ilícita».[34]

Ante o uso continuo e indiscriminado da tortura, algunhas organizacións antifranquistas clandestinas instruíron á súa militancia sobre como proceder en caso de detención e xuízo. En 1963 o PSUC fixo circular o opúsculo mecanografado «No quiero hablar. El deber de los comunistas frente a la policía y los tribunales franquistas», que cominaba aos militantes detidos a non falar, mesmo poñendo en risco a súa vida. «Para un comunista, a honra persoal, a honra revolucionaria, é máis importante que a vida mesma», dicía.[35]

Outra novidade da década de 1960 foi a aparición de escritos dirixidos ás autoridades franquistas nos que se denunciaban as torturas, promovidos por destacados intelectuais. O primeiro, de setembro de 1963, é unha carta dirixida a Manuel Fraga, ministro de Información e Turismo, con motivo da folga mineira de Asturias de 1962. Estaba asinado por 102 intelectuais encabezados por José Bergamín.[36] Enviouse unha segunda carta, esta vez con 188 sinaturas, mais a resposta furibunda do ministro Fraga foi a mesma: negar as denuncias de abusos, vexacións e malos tratos que aparecían nelas.[36] Os anos seguintes houbo máis cartas colectivas. Destaca a de finais de 1968, asinada por 1.120 intelectuais, profesionais liberais e mesmo eclesiásticos, que denunciaba os malos tratos inflixidos aos detidos durante o estado de excepción decretado en Biscaia e Guipúscoa. A resposta do réxime franquista foi de novo negar as acusacións e atemorizar e desprestixiar aos seus asinantes.

Doutra banda, certos sectores de base da Igrexa católica tamén denunciaron as torturas. Os pioneiros foron máis de 300 sacerdotes vascos que escribiron aos seus bispos unha carta na que dicían: «nas comisarías de Policía do noso país emprégase o tormento como método de exploración». O 11 de maio de 1966 varias decenas de curas cataláns manifestáronse fronte á sede da Xefatura Superior de Policía de Barcelona en Vía Laietana para protestar polos malos tratos que recibira o delegado da Escola de Enxeñeiros no clandestino Sindicat Democràtic d'Estudants da Universidade de Barcelona Quim Boix, participante na Capuchinada. O seu propósito era entregar unha carta ao comisario Creix, pero foron disoltos violentamente polos axentes da Policía Armada que custodiaban o edificio. Tres anos despois catro deles foron xulgados e condenados polo TOP, aínda que foron indultados polo Consello de Ministros. Pola súa banda, a nai de Boix presentou unha querela por malos tratos, pero foi arquivada.

En xaneiro de 1969 creouse a Comisión de Solidariedade de Barcelona, unha organización de axuda ás persoas represaliadas polo réxime e de denuncia da represión, cuxas primeiras reunións tiveron lugar en igrexas. O 14 de abril de 1971 o diario francés Le Monde publicaba unha carta asinada por 180 sacerdotes navarros na que se denunciaban as torturas que sufriran os detidos durante o vixente estado de excepción.[37]

Manuel Moreno Barranco morto en prisión en 1963 presuntamente por mor dos malos tratos recibidos

Como na posguerra, o ingreso en prisión tras pasar pola comisaría era vivido como unha especie de liberación. «Un día na comisaría é peor que cen días no cárcere», escribiu máis tarde un preso. Con todo, persistiron os malos tratos aos encarcerados, até o punto que algúns morreron en prisión. Foi o caso do donostiarra Vicente Lertxundi ou do escritor andaluz Manuel Moreno Barranco, quen se suicidou segundo a versión oficial. Porén, un grupo de intelectuais encabezados por José Manuel Caballero Bonald enviaron unha carta ao ministro de Información e Turismo Manuel Fraga na que relacionaban a morte de Moreno Barranco co recente caso Grimau. A furibunda resposta de Fraga, sen pretendelo, sementou máis dúbidas das que pretendeu despexar. Pola súa parte, a morte do preso común Rafael Sánchez Milla, «El Habichuela», provocou un violento motín no Cárcere Modelo de Barcelona no que tamén participaron presos políticos.

Doutra banda, cómpre destacar que, canto ao trato, os funcionarios de prisións tiñan máis coidado cos presos políticos que cos comúns. «Controlábannos moitísimo, pero ao mesmo tempo respectábannos máis... O desprezo que mostraban cara ao preso común non o tiñan cara nós», lembra un preso político.[38]

A Brigada Político-Social foi a principal unidade policial que actuou contra a oposición antifranquista. «Os seus axentes, os Creix, Conesa, Yagüe, Navales, Manzanas, Ballesteros, Solsona, González Pacheco, etc., ocupan un lugar de honra no panteón dos torturadores do franquismo. As súas comisarías ―a DGS da Porta do Sol de Madrid, a Vía Laietana en Barcelona, as das rúas Samaniego e Gran Vía en Valencia, ou a do paseo María Agustín en Zaragoza―, e os seus métodos, de sinistras connotacións, remiten a unha particular xeografía do terror». Pero tamén a Garda Civil practicou a tortura, con métodos «máis rudimentarios cós dos axentes da BPS», pero «as torturas que inflixían non tiñan nada que envexar unhas ás outras». O membro do FRAP Cipriano Martos ingresou no hospital de Reus en agosto de 1973 ao ser obrigado a inxerir ácido sulfúrico e faleceu pouco despois, aínda que a versión oficial indicase que se tratou dun suicidio.[39]

Nos últimos anos da ditadura franquista producíronse denuncias do uso xeneralizado e indiscriminado da tortura por parte dos corpos policiais. Nun informe de 1973, Justicia Democrática, o clandestino colectivo de membros da xudicatura favorables á democracia, denunciaba que «a tortura se segue empregando, aínda que é difícil determinar a súa frecuencia e hai moitos interesados en que non se determine. En particular na chamada loita contra a subversión». No mesmo informe, o colectivo sinalaba os obstáculos practicamente insalvábeis que enfrontaban os xuíces e fiscais que querían deter aos seus responsables.O fiscal de Barcelona e membro de Justicia Democrática Carlos Jiménez Villarejo, por exemplo, non puido procesar ao xefe da BPS de Manresa e pagou a súa ousadía co seu traslado a Huesca.[40]

Os gobernos estranxeiros tamén eran coñecedores da práctica da tortura en España. O de Estados Unidos, nun informe da Secretaría de Estado do 3 de maio de 1975 desclasificado posteriormente, dicía:

«[en España danse] diversos graos de torturas, tratos inhumanos ou degradantes; denegación de revisión xudicial de xuízos inxustos por tribunais militares a civís, arresto arbitrario e exilio, restricións de movemento e residencia».

Noutro informe o embaixador de Estados Unidos en España Wells Stabler expuña que lle comunicara ao goberno español as continuas violacións dos dereitos humanos. Así mesmo, destacaba a dificultade de obter información especialmente da xurisdición militar, «onde previsiblemente se atopan as maiores áreas de abuso».[41]

Ver tamén

[editar | editar a fonte]
  1. Oliver Olmo & Gargallo Vaamonde 2020, p. 84.
  2. Lorenzo Rubio 2020, p. 131.
  3. Moreno Gómez 2014, p. 246.
  4. Lorenzo Rubio 2020, p. 194.
  5. Oviedo Silva 2020, p. 107.
  6. Oviedo Silva 2020, p. 107-113
  7. Oviedo Silva 2020, p. 114-117
  8. Oviedo Silva 2020, p. 117-123
  9. Lorenzo Rubio 2020, p. 132-133.
  10. Lorenzo Rubio 2020, p. 133-135
  11. Lorenzo Rubio 2020, p. 136-138
  12. Lorenzo Rubio 2020, p. 139-143; 154-155
  13. Lorenzo Rubio 2020, p. 154.
  14. Lorenzo Rubio 2020, p. 144-145.
  15. Lorenzo Rubio 2020, p. 144
  16. Lorenzo Rubio 2020, p. 145-149
  17. Abad, Irene (2009). "Las dimensiones de la ‘represión sexuada’ durante la dictadura franquista" (PDF). Revista de historia Jerónimo Zurita (84): 65–86. 
  18. Lorenzo Rubio 2020, p. 152"Violábase á ‘roxa’ como método directo de castigo e violábase tamén á ‘muller do roxo’ nun intento por demostrar o desposuimiento ao que se quería someter ao preso político” (Irene Abad)
  19. Lorenzo Rubio 2020, p. 150-151.
  20. Lorenzo Rubio 2020, p. 151-153.
  21. Lorenzo Rubio 2020, p. 156-156.
  22. Lorenzo Rubio 2020, p. 175.
  23. Lorenzo Rubio 2020, p. 193.
  24. Tomás y Valiente 2000, pp. 5-10; 205.
  25. Tomás y Valiente 2000, pp. 227-229.
  26. Tomás y Valiente 2000, p. 224.
  27. Tomás y Valiente 2000, pp. 234-235.
  28. Lorenzo Rubio 2020, p. 158-160.
  29. Lorenzo Rubio 2020, p. 161-162.
  30. Lorenzo Rubio 2020, p. 161.
  31. Lorenzo Rubio 2020, p. 163-165
  32. Lorenzo Rubio 2020, p. 165.
  33. Lorenzo Rubio 2020, p. 166-168
  34. Lorenzo Rubio 2020, p. 179-181
  35. Lorenzo Rubio 2020, p. 168-169.
  36. 36,0 36,1 “Los intelectuales contra la tortura y por las libertades democráticas”
  37. Lorenzo Rubio 2020, p. 172-174; 177
  38. Lorenzo Rubio 2020, p. 184-188.
  39. Lorenzo Rubio 2020, p. 189-191”La brutalidad de la Guardia Civil en el caso de Martos pudo deberse a la presunta peligrosidad de la organización a la que pertenecía el detenido”
  40. Lorenzo Rubio 2020.
  41. Lorenzo Rubio 2020, p. 197.

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Lorenzo Rubio, César (2020). "La máquina represiva: la tortura en el franquismo". En Pedro Oliver Olmo. La tortura en la España contemporánea (en castelán). Madrid: Los Libros de la Catarata. pp. 131–198. ISBN 9788413520773. 
  • Moreno Gómez, Francisco (2014). La victoria sangrienta, 1939-1945: un estudio de la gran represión franquista, para el Memorial Democrático de España (en castelán). Madrid: Alpuerto. ISBN 9788438104811. 
  • Oliver Olmo, Pedro; Gargallo Vaamonde, Luis (2020). "Tortura gubernativa y Estado liberal". En Oliver Olmo, Pedro. La tortura en la España contemporánea (en castelán). Madrid: Los Libros de la Catarata. pp. 23–84. ISBN 9788413520773. 
  • Oviedo Silva, Daniel (2020). "Violencia masiva y tortura en la guerra civil". En Oliver Olmo, Pedro. La tortura en la España contemporánea (en castelán). Madrid: Los Libros de la Catarata. pp. 85–130. ISBN 9788413520773. 
  • Tomás y Valiente, Francisco (2000). La tortura judicial en España (en castelán) (2ª ed.). Barcelona: Crítica. ISBN 8484320294.