Saltar ao contido

Toxicidade dos sales de litio

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Aviso médico
Aviso médico
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos.
Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico.
Citrato de litio

A toxicidade dos sales de litio é causada polo uso excesivo ou sobredose dos sales de litio, fármacos utilizados na terapéutica xa que posúen fins estabilizadores dos estados anímicos alterados e son axentes diagnósticos usados para a mediación in vivo do gasto cardíaco (cantidade de sangue que bombea o corazón por minuto). Sábese que o litio é responsable de significantes ganancias de peso, acne, adelgazamento do pelo e fortes tremores adoito nas mans pero chegando tamén aos beizos e a lingua cando a persoa está estresada ou tras un uso prolongado[1][2][3][4][5].

Cloruro de litio

[editar | editar a fonte]
Véxase tamén: Cloruro de litio.

O cloruro de litio inxectado como solución só se usa con fins diagnósticos e baixo control médico, polo que as intoxicacións con este tipo de sal son moi escasas.

Carbonato de litio

[editar | editar a fonte]
Estrutura do citrato de litio.

O carbonato de litio, así como o citrato e mais o sulfato son psicofármacos que serven para tratar unha crise maníaco-depresiva ou un trastorno bipolar, presentándose en forma de comprimidos para vía oral de cesión sostida.

As intoxicacións con carbonato de litio son máis frecuentes cás de cloruro. Isto débese a que é un medicamento de uso crónico (doses repetidas durante moito tempo) cun índice terapéutico baixo (de 0,8 a 1,2 mEq/L), é dicir, a dose eficaz terapéutica e a dose tóxica están moi próximas, polo tanto é relativamente fácil que se produza unha sobredosificación accidental. Ademais, os pacientes con trastornos mentais deste tipo sofren depresións frecuentes, polo cal tamén se dan casos de sobredosificacións voluntarias como intento de suicidio.

Características farmacocinéticas

[editar | editar a fonte]

Os ións de litio absórbense de forma completa ao longo do tracto gastrointestinal e elimínanse inalterados por vía renal, onde os túbulos proximal e distal do ril reabsorben (devolven ó sangue) o 80% do litio. En estados de hiponatremia (baixa concentración de sodio en sangue) a cantidade reabsorbida no ril aumenta, polo que tamén sobe a súa concentración no sangue. O seu tempo de permanencia medio no organismo é de 6 a 12 horas, podendo acadar as 24 horas. Os efectos terapéuticos aparecen ao cabo de varios días de tratamento.

Toxicidade

[editar | editar a fonte]

Os síntomas tóxicos do carbonato de litio aparecen a partir dunha concentración plasmática de 1,2 mEq/L. Por riba dos 2mEq/L aparece a toxicidade con risco para a vida do individuo[6]. O cadro clínico varía dependendo de moitos factores: a dose inxerida, o estado do paciente[7], a inxestión simultánea con outros axentes[8], o estado de hidratación[9] e o tempo transcorrido dende a sobredosificación.

Os síntomas maniféstanse fundamentalmente no sistema nervioso central, os riles e o corazón. A intoxicación temperá, que se corresponde cunha litemia (concentración de litio en sangue) superior a 1,2mEq/L, cursa con: tremores, náuseas, diarrea, sequidade bucal, sensación de sabor metálico, confusión, visión borrosa, hiperreflexia, vertixe, poliúria, polidipsia (moita sede), hipotermia ou hipertermia. Se a intoxicación persiste e se acadan litemias superiores a 2,5mEq/L aparecen síntomas neurolóxicos máis graves como delirios, convulsións, espasticidade e ata o coma, podendo producirse dano neurolóxico permanente (alteracións da memoria e déficit neurolóxico). Estes síntomas neurolóxicos poden permanecer aínda que se revirta a intoxicación e se acaden de novo os niveis terapéuticos, xa que o litio se elimina de forma máis lenta do sistema nervioso central. Se persisten despois de dous meses ou máis dende a retirada do tratamento con litio pódese producir a chamada Síndrome Neurotóxica Irreversible Secundaria ao Litio (SILENT), que son as secuelas neurolóxicas resultado da intoxicación. A manifestacións desta síndrome son o trastorno do cerebelo de tipo vermiano[10], a síndrome extrapiramidal persistente[11], a disfunción do talo cerebral[12] e a demencia. A súa aparición está relacionada con febres, uso de antipsicóticos típicos, lesión cerebral e aumentos rápidos das doses. Non está moi claro o mecanismo polo que se produce esta síndrome, pero pénsase que pode estar relacionado coa desmielinización dos nervios periféricos en múltiples lugares do SNC.

O tratamento crónico con este medicamento afecta ós riles, de forma que produce unha diminución gradual do índice de filtración glomerular, é dicir, que o ril filtra o sangue con menos eficiencia, o que pode producir deshidratación e agravar así o cadro de sobredosificación. A nivel cardíaco, os síntomas máis comúns son arritmias, hipotensión e alteracións no electrocardiograma (aplanamento da onda T, prolongación do QT e ondas U).

O mecanismo polo cal se produce este cadro de intoxicación non está claro, xa que tampouco se coñece ben o mecanismo de acción terapéutica. Existe a teoría de que o litio se pode comportar como o potasio no organismo debido á súa similitude química, e por iso se producen as alteracións electrolíticas e da condución que desembocan nos síntomas antes descritos.

Tratamento

[editar | editar a fonte]

Debido á gravidade das secuelas neurolóxicas que poden quedar no paciente é fundamental realizar o diagnóstico e comezar o tratamento o máis axiña posible. O cadro de intoxicación por sales de litio non ten unha manifestación clara e igual en tódolos casos. Deste xeito, ás veces se pode confundir cunha disfunción neurolóxica como pode ser unha crise epiléptica non convulsiva, unha síndrome neuroléptica maligna ou unha síndrome serotoninérxica; como estas síndromes tamén poden estar relacionadas coa intoxicación por litio, é fundamental identificar a súa orixe para poder aplicar un tratamento eficaz.

A actuación inicial nun cadro deste tipo é deter a absorción do litio que poida quedar no tracto gastrointestinal. Para isto lévase a cabo un baleirado gástrico administrando unha resina de intercambio, sulfonato sódico de polistireno, que fixa o litio e impide que se absorba, aínda que presenta algúns efectos adversos, tales como a sobrecarga de sodio, hipopotasemia, hipocalcemia, náuseas, vómitos e constipación. Tamén se pode realizar un lavado gástrico cunha solución de polietilenglicol, que disolve o litio e reduce a súa absorción, ou unha disolución de cloruro potásico para forzar o seu desprazamento. O carbón activado non é moi eficaz neste caso, e só se usa se se produciu unha inxestión simultánea con outros fármacos co obxectivo de diminuír a absorción destes.

Unha vez detida a absorción do litio o seguinte paso é eliminar o litio que xa se absorbeu e que está no sangue. É importante acelerar a excreción de litio do organismo porque este non o metaboliza, e polo tanto continúa exercendo efecto ata que se elimina. O primeiro paso é administrar soro fisiolóxico intravenoso ou solución salina ó 0,45%, estabilizando con isto o paciente xa que se corrixe a deshidratación e mais o déficit de sodio e permite manter unha diurese normal (o litio elimínase por vía renal). Despois procederase a unha hemodiálise, que consiste en filtrar o sangue nun circuíto de membrana semipermeable cun líquido isotónico co plasma, desta forma elimínase o litio que está en exceso e devólvese sangue limpo ao doente. Este tratamento está indicado en sobredosificacións graves (con litemias superiores a 2,5mEq/L) ou en pacientes con problemas renais, aínda que teñan litemias máis baixas.

O tratamento con carbonato de litio prescríbese cando os beneficios da medicación superan aos riscos derivados dela.

  1. "Bipolar disorder patients - experiences with lithium - weight gain". Arquivado dende o orixinal o 21 de marzo de 2009. Consultado o 16 de xuño de 2009. 
  2. "Whoa, FAT! - Theories why lithium causes weight gain". Arquivado dende o orixinal o 21 de marzo de 2009. Consultado o 16 de xuño de 2009. 
  3. "Side Effects - Lithium / Various Brand Names - Bipolar Disorder Medications". Arquivado dende o orixinal o 03 de marzo de 2007. Consultado o 16 de xuño de 2009. 
  4. "Bipolar Medications and Weight Gain". Arquivado dende o orixinal o 04 de xuño de 2009. Consultado o 16 de xuño de 2009. 
  5. "Nutrition Articles - The Relationship between Weight Gain and Medications for Depression and Seizures". Arquivado dende o orixinal o 19 de febreiro de 2007. Consultado o 16 de xuño de 2009. 
  6. "Toxicidad del Litio". telepolis.com. Arquivado dende o orixinal o 08 de maio de 2004. Consultado o 16-06-09. 
  7. Se o doente ten outras enfermidades, a súa idade e o seu estado renal e cardíaco.
  8. Por exemplo os fármacos psicodepresores como benzodiacepinas ou barbitúricos que dificultan a entrada de litio nas células.
  9. Importante polo efecto que causa a hiponatremia sobre a reabsorción do litio.
  10. Incapacidade para controlar os movementos musculares voluntarios.
  11. Con síntomas similares aos producidos pola enfermidade de Parkinson.
  12. Que é o que controla a respiración, a frecuencia cardíaca e a presión arterial.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Toxicología Fundamental de Manuel Repetto (Barcelona, 1988). 3º edición. Ed. Díaz de Santos. Editorial Centífico-Médica.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]