Saltar ao contido

Tribunal Supremo de España

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Tribunal Supremo español»)
Tribunal Supremo de España
AcrónimoTS
Tipocorte suprema
Data de fundación1812
Presidente/aIsabel Perelló (2024-) Editar o valor en Wikidata
SedePalacio de Justicia
PaísEspaña
Na rede
http://www.poderjudicial.es/cgpj/es/Poder_Judicial/Tribunal_Supremo
BNE: XX134080 Dialnet: 3039083
editar datos en Wikidata ]
Sede na praza da Villa de París, en Madrid.

O Tribunal Supremo é o órgano constitucional de España que se atopa na cúspide do Poder Xudicial. É o tribunal superior en todas as ordes, salvo o disposto en materia de garantías constitucionais cuxa responsabilidade descansa no Tribunal Constitucional, alleo ao Poder Xudicial.

A sede do Tribunal Supremo atópase en Madrid, na Praza da Villa de París, ocupando dependencias do que foi o Palacio e convento das Salesas Reais, fundado pola raíña Bárbara de Bragança no século XVIII.

Atribucións

[editar | editar a fonte]

O Tribunal Supremo é o tribunal de última instancia (final) en todos os casos e as súas decisións só poden ser deixadas sen efecto cando o Tribunal Constitucional atopa lesión dos dereitos e liberdades constitucionais. En todos os demais casos, non é posible apelar ou recorrer unha decisión firme do Tribunal Supremo.

No entanto, no ámbito penal, o Rei pode deixar sen efecto ata as condenas impostas ou ratificadas polo Tribunal Supremo, en exercicio do dereito de graza que a Constitución lle recoñece, a proposta do Consello de Ministros que é o órgano que decide, decisión que posteriormente formaliza o Rei como acto debido.

Coñece e decide en única instancia os procesos de responsabilidade civil ou penal contra o Presidente e os ministros do Goberno da Nación, os senadores e deputados das Cortes Xerais, o Presidente e os maxistrados do propio Tribunal Supremo e vogais do Consello Xeral do Poder Xudicial, o Presidente e os maxistrados do Tribunal Constitucional e outros integrantes de altas institucións do Estado e das comunidades autónomas.

Así mesmo, coñece e decide os procesos de ilegalización de partidos políticos, a instancia exclusiva do Ministerio Fiscal ou do Goberno, requirido a iso polo Senado ou o Congreso dos Deputados.

Tamén coñece e decide os recursos ordinarios e extraordinarios previstos pola Lei contra as resolucións dos tribunais inferiores.

Para rematar, coñece e decide os demais procesos que a Constitución ou a Lei reservan á súa competencia.

Garantías constitucionais

[editar | editar a fonte]

O Tribunal Supremo goza dunha posición análoga á das Cortes Xerais e o Goberno da Nación, por mor de posición equivalente como cabeza dun dos tres Poderes do Estado.

En garantía da súa liberdade de funcionamento, o Tribunal Supremo conta coa prerrogativa de executividade dos seus actos en virtude do principio de obediencia ás resolucións xudiciais firmes consagrado pola Constitución, en conxunción co feito de que a maioría das resolucións deste Tribunal son firmes por tratarse de solucións a recursos contra actos dos Tribunais inferiores.

Ademais, o Tribunal Supremo é o único que pode ordenar a detención dos seus propios membros e só el pode procesalos e separalos por responsabilidades civís e penais no desempeño das súas funcións.

Adicionalmente, o Consello Xeral do Poder Xudicial tamén supervisa o funcionamento do Tribunal Supremo, aínda que todos os actos deste Consello poden ser anulados polo propio Tribunal Supremo en vía contencioso-administrativa.

Organización e funcionamento

[editar | editar a fonte]

O Tribunal Supremo está composto por un Presidente e por un número indeterminado de Maxistrados adscritos ás diversas Salas que o integran, todos eles nomeados polo Rei a proposta do Consello Xeral do Poder Xudicial.

No seo do Tribunal Supremo existen órganos xurisdicionais, é dicir, encargados de administrar xustiza en nome do Rei xulgando e facendo executar o xulgado, e órganos gobernativos e administrativos, é dicir, aqueles con función de goberno e dirección ou de simple administración e auxilio aos outros dous grupos.

Órganos xurisdicionais: as salas

[editar | editar a fonte]

O Tribunal Supremo está dividido en cinco Salas, que entenden dos recursos que se presenten contra as resolucións dos Tribunais inferiores e en primeira ou única instancia dos procesos sobre responsabilidade do Presidente e os Ministros do Goberno da Nación, dos Senadores e Deputados das Cortes Xerais, do Presidente e os Maxistrados do Tribunal Supremo, dos Vogais do Consello Xeral do Poder Xudicial, do Presidente e os Maxistrados do Tribunal Constitucional e doutros integrantes de Órganos Constitucionais do Estado e as comunidades autónomas, sempre segundo as respectivas ordes xurisdicionais:

Ademais, dentro do Tribunal Supremo existen uns órganos xurisdicionais especiais:

  • A Sala Especial do artigo 61 da Lei Orgánica do Poder Xudicial, que coñece dos procesos de ilegalización de partidos políticos, dos procesos sobre declaración de erro xudicial e sobre responsabilidade en exercicio de funcións xurisdicionais das demais Salas do Tribunal Supremo e doutros procesos de especial importancia; está composta polo Presidente do Tribunal Supremo, os Presidentes das Salas e o Maxistrado máis antigo e o máis moderno de cada unha delas.
  • A Sala de Conflitos de Competencia, que resolve os conflitos positivos e negativos de competencia que se susciten entre órganos xudiciais pertencentes a distinta orde xurisdicional; está composta polo Presidente do Tribunal Supremo e por un Maxistrado de cada unha das Salas correspondentes ás ordes xurisdicionais en conflito.
  • A Sala de Conflitos de Xurisdición, que resolve os conflitos positivos e negativos de xurisdición que se susciten entre un órgano xudicial pertencente á xurisdición ordinaria e un órgano xudicial pertencente á xurisdición militar; está composta polo Presidente do Tribunal Supremo, por dous Maxistrados da Sala correspondente á orde xurisdicional da xurisdición ordinaria en conflito e por dous Maxistrados da Sala Quinta, do Militar.
  • O Tribunal de Conflitos de Xurisdición, que resolve os conflitos de positivos e negativos de xurisdición que se susciten entre un órgano xudicial da xurisdición ordinaria ou da militar e a Administración; está composto polo Presidente do Tribunal, por dous Maxistrados da Sala Terceira, do Contencioso-Administrativo, e por tres Conselleiros Permanentes do Consello de Estado.

Órganos gobernativos

[editar | editar a fonte]

Con subordinación ao Consello Xeral do Poder Xudicial, os órganos gobernativos do Tribunal Supremo son os encargados de coñecer e resolver as cuestións de índole administrativa e de funcionamento do Tribunal e os seus órganos xurisdicionais. Son órganos gobernativos:

  • O Presidente do Tribunal Supremo.
  • A Sala de Goberno do Tribunal Supremo, composta polo Presidente do Tribunal Supremo, os Presidentes de cada unha das súas Salas e un número de Maxistrados igual ao destes, elixidos polo procedemento arbitrado na Lei Orgánica do Poder Xudicial.

Órganos de administración

[editar | editar a fonte]

A Secretaría de Goberno do Tribunal Supremo, o Gabinete Técnico de Documentación e Información, o Departamento de Arquivo, Biblioteca e Información, o Departamento de Informática e o Rexistro Xeral son órganos administrativos e técnicos que posibilitan o funcionamento do Tribunal nos seus respectivos ámbitos de actuación.

Presidentes do Tribunal Supremo

[editar | editar a fonte]

Esta é a lista dos presidentes que tivo o Alto Tribunal. Desde 1980, ano da creación do Consello Xeral do Poder Xudicial, o presidente do Tribunal Supremo éo tamén deste.[1]

Nome Mandato
Ramón Posada-Soto y Rivero 1812 - 1814
Antonio Cano Manuel y Ramírez de Arellano 1820 - 1823
José Hevia y Noriega
1834
Vicente Cano Manuel y Ramírez de Arellano 1834 - 1838
Francisco Fernández del Pino 1838 - 1840
José María Calatrava Peinado 1840 - 1843
Nicolás María Garelly Batiffora 1843 - 1850
José María Manescu Saborío
1850
Lorenzo Arrazola García (Primeira vez) 1851 - 1853
Francisco Javier Olavarrieta 1853 - 1854
José Alonso Ruiz-Conejares 1854 - 1855
Claudio Antón de Luzuriaga 1855 - 1856
Lorenzo Arrazola García (Segunda vez) 1856 - 1864
Ramón López Vázquez 1864 - 1868
Joaquín Aguirre de la Peña 1868 - 1869
Pedro Gómez de la Serna 1869 - 1871
Cirilo Álvarez Martínez 1872 - 1878
Fernando Calderón Collantes 1879 - 1882
Eduardo Alonso Colmenares 1882 - 1888
Eugenio Montero Ríos
1888
Hilario Ygón y del Royst 1889 - 1892
Emilio Bravo Moreno 1892 - 1893
Juan Francisco Bustamante Martínez 1894 - 1895
Santos de Isasa y Valseca 1895 - 1901
Eduardo Martínez del Campo 1901 - 1909
José de Aldecoa y Villasante 1910 - 1917
José Ciudad y Aurioles 1917 - 1923
Buenaventura Muñoz Rodríguez 1923 - 1924
Andrés Tornos y Alonso 1924 - 1926
Rafael Bermejo Ceballos-Escalera
1926
Francisco García Goyena y Alzugaray 1929 - 1930
Antonio Marín de la Bárcena
1930
José María Ortega y Morejón 1930 - 1931
Diego Medina y García 1931 - 1936
Mariano Gómez González 1936 - 1939
Felipe Clemente de Diego 1938 /
1939 - 1945
José Castán Tobeñas 1945 - 1967
Francisco Ruiz-Jarabo y Baquero 1968 - 1973
Valentín Silva Melero 1973 - 1977
Angel Escudero del Corral 1977 - 1980
Federico Sáinz de Robles Rodríguez. Presidente do Consello Xeral do Poder Xudicial. 1980 - 1985
Antonio Hernández Gil. Presidente do Consello Xeral do Poder Xudicial. 1985 - 1990
Pascual Sala Sánchez. Presidente do Consello Xeral do Poder Xudicial. 1990 - 1996
Javier Delgado Barrio. Presidente do Consello Xeral do Poder Xudicial. 1996 - 2001
Francisco José Hernando Santiago. Presidente do Consello Xeral do Poder Xudicial. 2001 - 2008
Carlos Dívar Blanco. Presidente do Consello Xeral do Poder Xudicial. 2008 - 2012
Gonzalo Moliner Tamborero. Presidente do Consello Xeral do Poder Xudicial. 2012-
  1. Lista de Presidentes Arquivado 02 de setembro de 2011 en Wayback Machine., Tribunal Supremo de España.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]