Tribunal de Xustiza da Unión Europea
Este artigo ou sección precisa dunha revisión do formato que siga o libro de estilo da Galipedia. Pode axudar a mellorar este artigo e outros en condicións semellantes. |
Tribunal de Xustiza da Unión Europea | |
---|---|
Información xeral |
Tribunal de
Xustiza da Unión Europea | |
Establecido en | 1952 (TXCE) / 2009 (TXUE) |
Tipo | Institución da UE |
Sede | Luxemburgo |
Órganos | Tribunal de Xustiza(TXUE) |
Presidente | Koen Lenaerts |
Sitio web | www.curia.europa.eu |
O Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) é unha Institución da Unión Europea (UE) á que está encomendada a potestade xurisdicional ou poder xudicial na Unión. A súa misión é interpretar e aplicar o Dereito da Unión Europea, e caracterízase pola súa natureza orgánica composta e o seu funcionamento e autoridade supranacionais. Até a entrada en vigor, o 1 de decembro de 2009, do Tratado de Lisboa a súa denominación era a de «Tribunal de Xustiza das Comunidades Europeas».
Na Institución conviven dous órganos necesarios: o Tribunal de Xustiza (TXUE) e un Tribunal Xeral (TX), creado en 1989. O Tratado de Lisboa permite tamén a creación dos chamados Tribunais especializados, que coñecen en primeira ou única instancia de materias concretas. Nese sentido, existiu un Tribunal da Función Pública, creado en 2005, que operou até 2016, momento en que as súas competencias reverteron ao Tribunal Xeral.
As sentenzas do TXUE e do TX teñen carácter vinculante nos Estados membros. Como xa se expuxo en prontas sentenzas (Costa vs. ENEL): o Tribunal de Xustiza da Unión Europea é o garante dun ordenamento xurídico propio que se ve asistido e aplicado tamén polos sistemas xurídicos nacionais.
O TXUE ten a súa sede en Luxemburgo, diferenciándose doutras institucións da Unión, como o Parlamento Europeo ou a Comisión Europea, que están situados nas cidades de Estrasburgo e Bruxelas, respectivamente.
O Tribunal acepta recursos de particulares e de Estados. Encárgase de comprobar a compatibilidade dos actos das institucións europeas e gobernos coas fontes do Dereito da UE. Tamén pode pronunciarse, a petición dun tribunal nacional, sobre a interpretación ou validez das disposicións do Dereito da Unión, mediante a chamada «cuestión prexudicial». Coa desaparición da Comunidade Europea e a súa substitución pola Unión Europea, operada polo Tratado de Lisboa, a expresión «Dereito comunitario» xa non ten sentido, substituíndose por «Dereito da Unión Europea». Tamén coñece do «recurso de anulación», no que controla a legalidade dos actos do Parlamento e Consello, así como os da Comisión que non sexan recomendacións e ditames. Igualmente coñece do «recurso por omisión», que é unha especie de recurso contra a inactividade dunha institución previamente requirida para que actúe (véxase infra, Xurisdición e procedementos).
Historia
[editar | editar a fonte]- 1952, creación do Tribunal da Comunidade Europea do Carbón e do Aceiro (CECA) en virtude do Tratado de París (1951).
- 1957, transformación en Tribunal de Xustiza das Comunidades Europeas.
- 1999, as competencias do TXCE amplíanse tras a entrada en vigor do Tratado de Ámsterdam.
- 2009, pasa a denominarse Tribunal de Xustiza da Unión Europea.
Impacto sobre a integración europea
[editar | editar a fonte]Tratado de Lisboa
[editar | editar a fonte]Funcións e poderes
[editar | editar a fonte]Funcións
[editar | editar a fonte]A natureza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) foi configurada a través dos tratados, tendo así carácter obrigatorio e permanente para as institucións europeas e os Estados membro. É unha xurisdición interna inserida no ordenamento xurídico creado en base ao Dereito da Unión Europea, que aglutina en especial combinación unha serie de características propias dun Tribunal Constitucional, unha xurisdición administrativa, unha xurisdición civil e unha xurisdición internacional.[1]
Acorde ás peculiaridades do ordenamento xurídico europeo, o Tribunal de Xustiza segue un modelo exclusivo que nada ten que ver cos tribunais internacionais propios do Dereito Europeo alleo á Unión Europea. Pola contra, o TXUE posúe unha natureza supranacional grazas á parcela de soberanía cedida polos Estados membro, algo que lle permite utilizar non só as fontes do Dereito da Unión e o Dereito internacional, senón tamén o Dereito interno dos Estados.
Así pois, trátase dunha xurisdición de creación orixinaria, con carácter obrigatorio e exclusividade para os casos que se prevexan nos Tratados, casos nos que o Tribunal nacional en cuestión resultaría incompetente.
Respecto ao método interpretativo que segue o Tribunal de Xustiza, cabe sinalar a inmensidade de principios que pode seguir para resolver, así como o labor dos avogados xerais de extraer os principios comúns ou estendidos nos ordenamentos xurídicos internos para aqueles casos nos que a solución do conflito non poida acharse no Dereito comunitario.
Estrutura e organización
[editar | editar a fonte]O Comité de avaliación
[editar | editar a fonte]O Tratado de Lisboa introduciu unha novidade no procedemento de designación de xuíces e avogados xerais, xa que o artigo 255 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea (TFUE) prevé a creación dun comité para ditaminar sobre a idoneidade para o posto dos candidatos propostos polos Estados antes do seu nomeamento.
Estará composto por sete personalidades elixidas de entre antigos membros do Tribunal de Xustiza e do Tribunal Xeral, membros dos órganos xurisdicionais superiores dos Estados membros e xuristas de recoñecido prestixio, uno dos cales será proposto polo Parlamento Europeo.
O Tribunal de Xustiza
[editar | editar a fonte]Composición
[editar | editar a fonte]O Tribunal de Xustiza está composto por tantos xuíces como Estados membros da Unión Europea, e está así mesmo asistido por once avogados xerais, un secretario e varios asistentes. O Tribunal pode actuar en Pleno (coa totalidade dos xuíces), e en Gran Sala (quince xuíces). Tamén poden constituírse Salas de tres ou cinco xuíces que haberán de actuar nalgunhas dilixencias de instrución, así como coñecer dunha serie de categorías de asuntos, tal como indique o Regulamento de Procedemento. É o propio Tribunal o que fixa as competencias de cada Sala, ademais da adscrición dos xuíces a estas. O Diario Oficial da Unión Europea, tamén coñecido como DOUE, deberá reflectir a composición das Salas. Finalmente, ademais de en Salas e en Pleno, tamén poderán reunirse en Gran Sala.
Hoxe, o Tribunal está composto por 28 xuíces (un por cada Estado membro) e 9 avogados xerais. Por Decisión do Consello (2013/336/UE) de data 25 de xuño de 2013, pola que se aumenta o número de avogados xerais do Tribunal de Xustiza da Unión Europea, o número de avogados xerais aumentou a partir do 1 de xullo de 2013 a nove, pola adhesión de Croacia. A partir do 7 de outubro de 2015 aumentou a once.
Os xuíces e avogados xerais son elixidos de mutuo acordo polos gobernos dos países membros, outorgándolles un mandato prorrogable de 6 anos; por tanto, serán reelixibles. Cada 3 anos prodúcese unha renovación parcial destes membros. Son seleccionados de entre un conxunto de expertos xuristas que haberán de posuír as aptitudes requiridas para formaren parte do máis alto tribunal dos seus respectivos Estados, ou ben ter un prestixio profesional amplamente recoñecido.
Xunto aos xuíces e avogados xerais, existe unha multitude de colaboradores, especialistas en Dereito ou outra materia —que serán nomeados e destituídos polo propio xuíz ou avogado— que se encargarán dos aspectos técnicos e a procura da información e documentación necesarias para resolver o proceso en cuestión.
Doutra banda, o Tribunal dotouse dun servizo lingüístico que trata de salvar as barreiras idiomáticas, incorporando un corpo de tradutores expertos en Dereito que dominen as linguas oficiais da Unión Europea.
O presidente
[editar | editar a fonte]O seu nomeamento prodúcese cada 3 anos, por e entre os xuíces e terá un mandato renovable.
Entre as funcións do presidente, cabe destacar a dirección dos traballos e servizos do Tribunal, así como a presidencia das audiencias e deliberacións da Gran Sala.
Ano | Presidentes do Tribunal de Xustiza da UE |
---|---|
1952–1958 | Massimo Pilotti |
1958–1964 | Andreas Matthias Donner |
1964–1967 | Charles Léon Hammes |
1967–1976 | Robert Lecourt |
1976–1980 | Hans Kutscher |
1980–1984 | Mertens de Wilmars |
1984–1988 | John Mackenzie-Stuart |
1988–1994 | Ole Due |
1994–2003 | Gil Carlos Rodríguez Iglesias |
2003–2015 | Vassilios Skouris |
2015–act | Koen Lenaerts |
Os xuíces
[editar | editar a fonte]Cada Estado membro ten capacidade para nomear un xuíz, de maneira que o número destes coincide co número de Estados a maior parte das veces. Os xuíces son elixidos por un período de 6 anos, e renóvase a metade do seu persoal cada tres.
Os xuíces, como os avogados xerais, deberán ser seleccionados entre individuos totalmente independentes, que reúnan os requisitos para acceder ás máis altas funcións xurisdicionais do seu país, ou ben xurisconsultos de recoñecida competencia.
Os xuíces deberán prestar o seguinte xuramento, na primeira audiencia pública do Tribunal á que asistan, e antes de entrar a asumir as súas funcións:
«Xuro exercer a miñas funcións en conciencia e con toda imparcialidade; xuro que gardarei o segredo das deliberacións».
Os avogados xerais
[editar | editar a fonte]A figura do avogado xeral desempeña un papel especial no Tribunal de Xustiza, achegando aos xuíces a súa opinión con total imparcialidade e independencia. Non forman parte das deliberacións do Tribunal, cuxos xuíces serán os que finalmente acheguen a decisión final.
Cabe resaltar que a pesar da súa denominación, nada teñen que ver cos avogados, fiscais ou avogados do Estado, pois as súas funcións sitúanos máis preto da órbita xudicial. A pesar de que o seu asesoramento adoita ser tido moi en conta, cabe a posibilidade de que o Tribunal resolva nunha dirección distinta á que os avogados xerais expuxeran.
Seis dos once avogados xerais son elixidos respectivamente por Alemaña, España, Francia, Italia, Polonia e Reino Unido. Os outros cinco son elixidos polos restantes 22 países, seguindo unha quenda de orde alfabética.
Os avogados xerais noméaos o Consello por unanimidade. En 2018 son os seguintes:
- Eleanor Sharpston (Reino Unido).
- Juliane Kokott (Alemaña).
- Niilo Jääskinen (Finlandia).
- Paolo Mengozzi (Italia).
- Pedro Cruz Villalón (España).
- Yves Bot (Francia).
- Melchior Wathelett (Bélxica).
- Nils Wahl (Suecia).
- Maciej Szpunar (Polonia).
O secretario
[editar | editar a fonte]Cargo similar ao de secretario xudicial dos tribunais ordinarios, que é elixido polo Tribunal por un período de seis anos con posibilidade de reelección. Tamén desempeña as funcións de secretario xeral da institución, actuando ademais como fedatario público dos procesos. O Tribunal pode asignarlle un ou varios secretarios asistentes.
O secretario axuda ao Pleno, as Salas, o presidente e os xuíces en todas as súas funcións oficiais. É o responsable da secretaría do Tribunal, encargándose da recepción, transmisión e custodia dos documentos e solicitudes que entren na institución. Tamén é o custodio do selo do Tribunal, e responsabilízase dos arquivos e publicacións deste. Ten outras tarefas asignadas, como pode ser a xestión financeira da institución, función que desempeña apoiándose nun administrador.
Organización
[editar | editar a fonte]Pleno
[editar | editar a fonte]Reúnense os 28 xuíces de cada Estado membro que hai neste tribunal, e trátase dunha formación moi infrecuente. Este tribunal está presidido polo presidente do TXUE e o quórum para que haxa unha deliberación é de 17 maxistrados.
O Pleno reúnese en casos de especial transcendencia, como a posible destitución do Defensor do Pobo Europeo ou o cesamento dos membros da Comisión Europea.
Gran Sala
[editar | editar a fonte]A Gran Sala estará composta, para cada asunto, polo presidente do Tribunal, o vicepresidente do Tribunal, os presidentes das Salas de cinco xuíces, o xuíz relator e o número de xuíces necesario para alcanzar un total de quince. Terán un mandato de 3 anos.
Salas
[editar | editar a fonte]Reúnense en formación de tres ou cinco xuíces do Tribunal de Xustiza da Unión Europea
Xurisdición e procedementos
[editar | editar a fonte]O Tribunal de Xustiza coñece fundamentalmente de sete clases de recursos, excepción feita das medidas provisionais. Estes recursos son os seguintes:
Recurso por incumprimento (art. 258 do TFUE)
[editar | editar a fonte]En virtude deste recurso, a Comisión Europea ou un Estado membro poden demandar a outro Estado membro se consideran que este incumpriu as obrigacións que lle veñen impostas en virtude dos Tratados sobre os que a Unión se funda.
Recurso de anulación (art. 263 do TFUE)
[editar | editar a fonte]Os Estados membros, determinadas institucións da Unión e as persoas físicas e xurídicas —baixo certos requisitos— poden interpor este recurso para que o Tribunal declare nula calquera medida adoptada por unha institución da Unión que aqueles consideren que viola os seus dereitos.
O Tratado de Lisboa introduciu, ademais, nun dos seus Protocolos (o núm. 2) un recurso por violación do principio de subsidiariedade que, na práctica, é un recurso de anulación.
Recurso por omisión (art. 265 do TFUE)
[editar | editar a fonte]A través deste recurso as institucións da Unión, os Estados membros, e as persoas físicas e xurídicas —baixo determinados requisitos— poden demandar a certas institucións e órganos por non adoptaren un acto xurídico a que viñan obrigados en virtude dos Tratados. A diferenza do recurso por incumprimento, a violación dos Tratados consiste neste caso nunha abstención, nun non facer, cando había obrigación de actuar.
Este recurso vai precedido por unha fase precontenciosa, na que se insta á Institución de que se trate a que actúe. Se pasados dous meses a omisión persiste, pódese pasar á fase xudicial noutros dous meses.
Recurso de indemnización por danos (arts. 268 e 340.2 do TFUE)
[editar | editar a fonte]Este recurso permite ás persoas físicas e xurídicas, pero tamén aos Estados membros, a posibilidade de esixir unha indemnización cando sufran un prexuízo por mor dun erro cometido polos servizos da Unión Europea.
Recurso de casación (art. 256.2 do TFUE)
[editar | editar a fonte]O Tribunal de Xustiza pode coñecer en casación de recursos interpostos contra sentenzas ditadas polo Tribunal Xeral. Este recurso debe estar limitado a cuestións xurídicas, non de feito.
Parecido recurso existe para que o Tribunal Xeral poida revogar sentenzas ditadas polos tribunais especializados que poidan crearse dentro do Tribunal de Xustiza da Unión Europea.
Recurso dos funcionarios (art. 270 do TFUE)
[editar | editar a fonte]Este recurso permite aos funcionarios da Unión Europea ou ás súas causahabientes litigar contra as institucións comunitarias se consideran que os seus dereitos foron vulnerados. Destes recursos coñecía en primeira instancia o Tribunal da Función Pública, un órgano especializado agregado ao Tribunal Xeral, até que foi disolto en 2016.
Cuestión prexudicial (art. 267 do TFUE)
[editar | editar a fonte]Un dos labores máis activos e importantes levados a cabo polo Tribunal de Xustiza é o que se desenvolve a través das cuestións prexudiciais.
Debe terse en conta que, aínda que o Tribunal de Xustiza da Unión Europea é o supremo intérprete do Dereito da Unión Europea, non é, con todo, o único órgano xudicial que debe aplicar ese Dereito. Pola contra, en virtude dos principios de primacía e aplicabilidade directa, todos os xuíces dos Estados membros deben aplicar directamente as normas comunitarias, converténdose así en xuíces de Dereito común.
Por tanto, a través deste procedemento, calquera órgano xudicial dun Estado membro da Unión, ao aplicar un acto xurídico adoptado polas institucións da Unión, pode dirixirse ao Tribunal de Xustiza para formularlle unha dúbida sobre a validez ou a correcta interpretación do mesmo. O seu carácter prexudicial deriva de que o xuíz nacional expón esta cuestión no marco dun proceso que estea a coñecer, e que será suspendido até que o Tribunal de Xustiza se pronuncie.
O obxectivo primordial deste recurso é garantir unha interpretación uniforme do Dereito da Unión Europea, baixo a autoridade do Tribunal de Xustiza.
Aínda que todos os órganos xudiciais da Unión Europea teñen dereito a presentar unha cuestión prexudicial, algúns teñen, ademais, a obrigación de facelo. Así ocorre cando a decisión do xuíz nacional será definitiva, por non existir ulterior recurso no Dereito interno dese Estado membro (por exemplo, as decisións tomadas por un Tribunal Supremo ou un Tribunal Constitucional). A excepción a este principio é que o xuíz nacional considere que o acto xurídico da Unión non reviste dúbidas en canto á súa validez ou interpretación (doutrina do acto claro) ou porque o Tribunal de Xustiza xa se pronunciou con anterioridade sobre a mesma cuestión. Do mesmo xeito, estará obrigado a expor a cuestión prexudicial todo xuíz que parta da ineficacia do acto da Unión, xa que só o Tribunal de Xustiza é competente para decidir sobre esa ineficacia (é dicir, o control da legalidade dos actos da Unión está concentrado no Tribunal de Xustiza).
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Polo Tratado de Lisboa, esta xurisdición tamén inclúe o respecto dos dereitos humanos protexidos pola Carta Europea. Consultar (en italiano) Sanzioni ed elusioni, in Mondoperaio, marzo 2015.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Carlos Francisco Molina do Pozo, Manual de Dereito da Comunidade Europea, ed. Dijusa, 2002, ISBN 84-95748-21-5.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- eur-lex.europa.eu Tratado da Unión Europea
- eur-lex.europa.eu Tratado de Funcionamiento da Unión Europea
- eur-lex.europa Protocolos a os Tratados da Unión Europea; Protocolo 3º sobre o Estatuto do Tribunal de Xustiza da Unión Europea
- curia.europa.eu Tribunal de Xustiza da Unión Europea
- Miembros do Tribunal de Xustiza da UE en curia.europa.eu.
- O fondo arquivístico do Tribunal de Xustiza da Unión Europea é depositado no Arquivo Histórico da Unión Europea