Tricrómico de Gomori nun paso
O Tricrómico de Gomori nun paso é un método idóneo para colorear fibrina, tecido muscular e citoplasmas, onde destaca esencialmente o condrioma como un fino granulado avermellado. Porén, polo seu pH, que se atopa entre 2.5 e 2.7 (lixeiramente por riba do óptimo para a tinguidura do coláxeno), preséntase coma unha tinguidura incompleta e difusa do compoñente fibrilar máis fino (membrana basal e finas fibras reticulares).
Fundamento[editar | editar a fonte]
Esta técnica combina un colorante plasmático (Cromotropo 2R) e un colorante de fibras conectivas (verde luz/azul de anilina) nunha solución de ácido fosfotúngstico e ácido acético glacial. O tratamento previo das seccións con solución de Bouin quente intensifica a tinguidura. O ácido fosfotúngstico favorece a coloración vermella de músculo e citoplasmas. As fibras de coláxeno toman os ións de tungstato, formando un complexo ó que se une o verde luz. O baño de ácido acético fai as cores máis transparentes pero non altera o balance de cor.
Tecido control e diana[editar | editar a fonte]
Calquera tecido con compoñente conectivo será positivo con este método. O fixador máis utilizado para esta técnica é o Bouin, pero calquera outro tamén é válido. O grosor do corte ideal é de 6 micrómetros para tecidos incluídos en parafina.
Reactivos[editar | editar a fonte]
Para levar a cabo esta técnica necesitamos as seguintes solucións:
- Solución de Bouin: tras a fixación, débese lavar a mostra en abundante alcohol de 70º ata a decoloración da mesma, para asegurar a total eliminación do ácido pícrico. Unha vez fixado pódese almacenar o tecido en etanol de 80º.
- Solución tricrómica:
- 0,6gr Cromotropo 2R.
- 0,3gr Verde luz.
- 1cc Ácido acético glacial.
- 100cc Auga destilada.
- 0,8gr Ácido fosfotungstico.
- Solución verde luz (o verde luz pode ser substituído polo azul de anilina):
- 0,5gr Verde luz.
- 250cc Auga destilada.
- 2cc Ácido acético.
- Solución acuosa de ácido acético ó 0.5%.
- Solución diaria de hematoxilina férrica de Weigert.
- Solución matriz A:
- 1.0gr de hematoxilina de Weigert en 100.0 ml de etanol ó 95%.
- Solución matriz B:
- 4.0gr de cloruro férrico ó 29%.
- 95.0ml de auga destilada.
- 1.0ml de ácido clorhídrico concentrado.
Utilizar a partes iguais cada unha das solucións matrices. A solución diaria da hematoxilina de Weigert pode reutilizarse durante aproximadamente 2 semanas. A hematoxilina de Weigert pode ser substituída pola hematoxilina de cromo de Gomori.
Procedemento[editar | editar a fonte]
- Desparafinar e hidratar.
- Realizar mordentaxe en líquido de Bouin durante 1 hora a 56 °C ou 24 horas a temperatura ambiente.
- Lavar en auga destilada ata que desapareza a cor amarela.
- Tinguir con hematoxilina de Weigert (ver variantes) durante 10-13 minutos.
- Realizar un lavado prolongado con auga corrente.
- Tinguir coa solución tricrómica durante 15 minutos.
- Diferenciar na solución de ácido acético ó 0.5% durante 15 segundos; pódese utilizar tamén ácido acético ó 1%.
- Se as seccións son moi vermellas, diferenciarase cunha solución de ácido acético ó 1%, a cal se lle engadiron 0.7gr de ácido fosfotungstico.
- Lavar en auga destilada.
- Tinguir coa solución de verde luz durante 20 ou 30 segundos (ver variantes).
- Deshidratar con alcohois, aclarar con xileno e montar.
Variacións aplicables[editar | editar a fonte]
- A solución acuosa de ácido acético ó 0.5% pode ser substituída por unha solución de ácido acético glacial ó 1%.
- A solución de verde luz pode ser substituída por azul de anilina; o coláxeno, a cartilaxe, as mucinas e as membranas basais serán azuis no canto de verdes.
- A hematoxilina férrica de Weigert pode ser substituída pola hematoxilina cromo de Gomori, e incluso pódese suprimir o paso da coloración con hematoxilina; se se fai isto, os núcleos quedarán igualmente tinguidos de azul mouro pero menos intenso que se se tingue con hematoxilina.
Resultados[editar | editar a fonte]
- Fibras musculares, fibrina e citoplasma: vermello.
- Coláxeno, cartilaxe, mucinas e membranas basais: verde.
- Núcleos: azul mouro.
Posibles problemas[editar | editar a fonte]
- O resultado da tinguidura é demasiado pálido. Se o coláxeno se tingue de azul pálido, pero se se tingue nun ton vermello, reducir o tempo no aclarado ácido (paso 7).
- A tinguidura é dunha cor inesperada. Se ten un ton amarelento, comprobar se se utilizou fixador Bouin. Neste caso lavar as seccións hidratadas con auga corrente para eliminar o ácido pícrico residual. O balance de cores está alterado pola acidez da tinguidura. Se o resultado é moi vermello, comprobar que o pH sexa 2 ou menor. Se é necesario, acidificar con ácido clorhídrico (0.1 M). O balance de cor está alterado polos tempos prolongados de tinguidura. Reducir os tempos. O balance de cor está alterado pola concentración do colorante.
- Resultado inusual da tinguidura. Certas patoloxías alteran o coláxeno (queimaduras), polo que pode tinguirse de vermello no canto de azul. Se as fibras de coláxeno ou a lámina basal aparecen difusas, incrementar a acidez do colorante engadindo o ácido clorhídrico ó 1%.
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
Bibliografía[editar | editar a fonte]
- García del Moral, Raimundo (1993). Interamericana Mc Graw Hill, ed. Laboratorio de anatomía patológica (1 Ed ed.).
- ARP, ed. (1992). Métodos Histotecnológicos. Instituto de patología de las Fuerzas Armadas de los EEUU (AFIP).
- Sheehan, Dezna; Hrapchak, Barbara (1980). Theory and practice of Histotechnology. The C.V. Mosby Company (2 Ed ed.).