Saltar ao contido

Adenosín trifosfato

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Trifosfato de adenosina»)
Adenosín trifosfato
Fórmula esquelética do ATP
Modelo de bólas e paus, baseado en datos de difracción de raios X
Modelo de esferas macizas no que se omitiron os átomos de hidróxeno
Identificadores
Número CAS 56-65-5
PubChem 5957
ChemSpider 5742
UNII 8L70Q75FXE
DrugBank DB00171
KEGG C00002
ChEBI CHEBI:15422
ChEMBL CHEMBL14249
Ligando IUPHAR 1713
Imaxes 3D Jmol Image 1
Image 2
Propiedades
Fórmula molecular C10H16N5O13P3
Masa molar 507,18 g mol−1
Densidade 1,04 g/cm3 (sal disodio)
Punto de fusión 187 °C (sal disodio; descomponse)
Acidez (pKa) 6,5

Se non se indica outra cousa, os datos están tomados en condicións estándar de 25 °C e 100 kPa.

O adenosín trifosfato (ATP) é un composto de grande importancia biolóxica, xa que actúa como mecanismo de control en certas reaccións bioquímicas que se dan na célula. Coñécese tamén coma a moeda de enerxía celular, debido a alta enerxía de hidrólise de enlaces fosfoanhidro de fácil acceso.

O ATP forma parte do grupo bioquímico dos nucleósidos trifosfato. En moitos libros de bioqímica considérase un nucleótido, pero a IUPAC só considera nucleótidos aos que teñen un só fosfato, como os que forman parte do ADN. A súa base nitroxenada é a adenina e o seu monosacárido é a ribosa. Como o seu nome indica, no carbono 5 posúe unha cadea de tres fosfatos unidos, o primeiro, únese ao carbono 5 mediante enlace fosfodiéster moi estable, e os outros dous aos fosfatos por medio de enlace anhidro (ou fosfoanhidro) de alta enerxía e máis facilmente hidrolizables.

A hidrólise dun dos dous enlaces anhidro (xeralmente o do último fosfato), ten un incremento de enerxía libre de Gibbs de 30,5 kJ/mol. Esta enerxía é aproveitábel para formar enlaces cuxa formación sería endergónica se non estiver acoplada a dita hidrólise, un claro exemplo desta enerxía é a síntese de ácidos nucleicos.

Cómpre mencionar a súa importancia como mecanismo de control proteico, xa que o feito de ter un fosfato nun lugar determinado, activa ou inactiva unha proteína; habitualmente dito fosfato é achegado por unha molécula de ATP ou GTP.

Produto da hidrólise do ATP son ou ben o fosfato inorgánico (Pi) e o adenosín difosfato (ADP), ou ben o pirofosfato (PPi) e o adenilato (AMP). Esta última reacción cara a pirofosfato e AMP é de especial importancia na sinalización intercelular acoplada aos receptores de membrana. Neste proceso a adenilato ciclase produce adenilato cíclico (cAMP) e PPi). Dito adenilato cíclico controla as numerosas PKA, proteínas quinases dependentes do adenilato cíclico, que fosforilan a outras proteínas inducindo así a súa activación ou inhibición.