Trocófora
Unha trocófora é un tipo de larva mariña, que posúe dúas bandas de cilios. Debido ao movemento destes cilios crea remuíños na auga que posibilitan o control na dirección dos seus movementos. adicionalmente, estes movementos da auga serven para o achegamento de comida, que pode deste xeito ser máis facilmente capturada, sendo a base principal da súa alimentación o plancto.
O nome de trocófora procede da súa forma de peón, tendo unha clara simetría bilateral e distinguíndose nela as seguintes partes:
- Episfera. Hemisferio superior, por riba da prototroca.
- Hiposfera. Hemisferio inferior, por baixo da prototroca.
- Ganglio nervioso. Masa de células nerviosas da que parten oito nervios meridianos.
- Placa sincipital. Penacho de cilios no extremo superior da episfera.
- Prototroca. Anel de cilios por riba da boca; a súa vibración contribúe ao movemento da larva.
- Metatroca. Anel de cilios por baixo da boca; tamén con función motriz.
- Tubo dixestivo. A boca abre aproximadamente no centro da larva e corresponde ao blastóporo embrionario; a continuación hai unha curta farinxe que da ao estómago en forma de saco, ao que segue o intestino e o ano, que abre no polo oposto á placa sincipital.
- Protonefridios. Un par de nefridios (órganos excretores).
- Blastocele. A cavidade xeral da larva é o blastocele embrionario.
Esta larva atópase tipicamente en varios filos dentro do grupo dos Lophotrochozoa, como os moluscos, anélidos, sipuncúlidos etc. Hai formas parecidas, máis ou menos asimilables á larva trocófora, como a larva pilidio dos nemertinos ou a larva de Müller dos platelmintos (con aparato dixestivo incompleto).
Bibliografía
[editar | editar a fonte]
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Commons ten máis contidos multimedia sobre: Trocófora |