Trygve Rovelstad
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 27 de setembro de 1903 Elgin, Estados Unidos de América (pt) |
Morte | 8 de xuño de 1990 (86 anos) Elgin, Estados Unidos de América (pt) |
Educación | Instituto de Arte de Chicago. Universidade de Washington. |
Actividade | |
Campo de traballo | Escultura, medalla e moeda. |
Ocupación | escultor |
Familia | |
Cónxuxe | Gloria Germaine Michel. |
Trygve A. Rovelstad, nado en Elgin, Illinois, o 27 de setembro de 1903 e finado na mesma cidade o 8 de xuño de 1990, foi un escultor, medallista e deseñador de moeda estadounidense.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Rovelstad naceu en Elgin, condado de Kane, Illinois, fillo dos inmigrantes noruegueses Anna Evasen e Theodor Rovelstad.[1]
Recibiu a súa educación na Lowrie Grade School e na Elgin High School, onde comezou a expresar os seus dotes artísticos. Logo da súa graduación en secundaria, formouse en Arte no estudio de Nellie Fabyan en Geneva, Illinois, e despois foi aceptado para traballar prestixioso estudio Midway, do escultor Lorado Taft,[2][3] ao tempo que asistía a clases nocturnas no Instituto de Arte de Chicago.[1][4] Logo marchou a Nova York para ampliar estudos no Beaux Arts.[5]
Ao seu regreso a Elgin, inicialmente modelou relevos en miniatura para o seu antigo mestre Lorado Taft e logo viaxou ao Oeste para estudar na Universidade de Washington,[1][4] entre 1926 e 1928,[6] onde se graduou en Escultura.[5]
Posteriormente viaxou a París para perfeccionar os seus estudos de escultura e artes afíns no Louvre.[5]
Obras
[editar | editar a fonte]Durante a segunda guerra mundial, Rovelstad foi medallista na División Heráldica de Washington do Departamento de Guerra dos Estados Unidos,[2] e a el débeselle a creación de varias condecoracións militares,[5] entre elas a Insignia de Infantaría de Combate, a Lexión ao Mérito, a Estrela de Bronce, a Medalla da Ocupación de Alemaña ou a insignia de Women's Army Corps (ACS).[4][5] E tamén foi autor de diversas medallas civís, como a conmemorativa do 50 aniversario do Chicago Coin Club en 1969,[1] a dos Bombeiros de Chicago ou a do Sesquicentenario de Illinois.[5]
Un dos traballos polos que é máis recoñecido é o medio dólar do Centenario de Elgin, Illinois, unha moeda de prata conmemorativa desa efeméride,[1] e que lle serviu para recadar fondos cos que financiar outro dos seus traballos senlleiros, o Pioneer Memorial, un conxunto escultórico sito na ponte da rúa Kimball e o río Fox, en Elgin, en homenaxe aos primeiros pioneiros asentados en Illinois, que non foi inaugurado ata o 11 de novembro de 2001, 11 anos despois do falecemento do seu creador.[1][5][7][8]
Rovelstad tamén foi o autor do American Roll of Honor ("Lista de Honra Estadounidense"), un gran manuscrito con decoración de acuarelas no que están escritos á man os nomes dos 28.000 militares estadounidenses que morreron na defensa de Gran Bretaña antes do Día D, que lle foi entregado á Raíña Isabel II polo xeneral Dwight Eisenhower para a súa exhibición na capela americana da catedral de St. Paul en Londres.[5]
Entre outras obras escultóricas, cabe citar tamén a estatua do senador Barr, na rotonda do Capitolio de Illinois.[5]
Vida familiar
[editar | editar a fonte]Rovelstad casou o 8 de xullo de 1950 con Gloria Germaine Michel (1926-1999), de Elgin, con quen tivo unha filla.[1][9]
Trygve A. Rovelstad faleceu en Elgin o 8 de xuño de 1990, aos 86 anos de idade.[1] O seu corpo foi soterrado no cemiterio Bluff City, en Egin.[9]
Os seus arquivos consérvanse na Universidade de Illinois.[10]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 1,7 "Trygve A. Rovelstad". Find a Grave.
- ↑ 2,0 2,1 "Trygve A. Rovelstad Papers, 1922-90". The University of Illinois at Urbana-Champaign.
- ↑ Mayer, L. (1995). "Monument to a Veteran Artist". En Chicago Tribune. 26 de novembro.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 Mayer, L. (1995). "Monument to a Veteran Artist". En Chicago Tribune. 26 de novembro.
- ↑ 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 5,5 5,6 5,7 5,8 "Trygve A. Rovelstad Biography". U-46.org
- ↑ "Trygve A. Rovelstad Papers, 1922-90". The University of Illinois at Urbana-Champaign.
- ↑ Ferrarin, E. (2011). "Elgin residents gather to celebrate memorial". En Daily Herald. 12 de novembro.
- ↑ "1936 Elgin Centennial Half Dollar". Earlycommemorativecoins.com
- ↑ 9,0 9,1 Smith, P. (2012).
- ↑ "Trygve A. Rovelstad Papers, 1922-90". The University of Illinois at Urbana-Champaign.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Smith, P. (2012). "Rovelstad, Trygve". En American Numismatic Biographies. Páxina 361.