Tupolev Tu-144
Tupolev Tu-144 | |
---|---|
Tipo | avión de pasaxeiros supersónico |
Fabricante | Tupolev |
Primeiro voo | 31 de decembro de 1968 |
Introducido | 26 de decembro de 1975 |
Principais usuarios | Aeroflot NASA |
Produción | 1967 - 1983 |
Unidades construídas | 16 |
O Tupolev Tu-144 (ruso: Tyполев Ту-144; designación OTAN: Charger) é un avión de pasaxeiros supersónico sovitético que voou entre 1968 e 1999.[1]
O Tu-144 foi o primeiro avión comercial supersónico en voar, realizando o seu voo de estrea dende o aeroporto de Zhukovskiy o 31 de decembro de 1968, dous meses antes do primeiro voo do anglo-francés Concorde.[2] [3] O Tu-144 foi un produto da oficina de deseño Tupolev, un OKB liderado polo pioneiro aeronáutico Aleksey Tupolev, e a Asociación de Produción de Aeronaves de Voronezh fabricou 16 unidades.[2] O Tu-144 realizou 102 voo comerciais, dos cales só 55 levaron pasaxeiros, a unha altitude media de servizo de 16 000 metros e a unha velocidade duns 2 200 quilómetros por hora (Mach 2).[4][5] O Tu-144 voou a veocidades supersónicas por primeira vez o 5 de xuño de 1969, catro meses antes que o Concorde, e o 26 de maio de 1970 converteuse no primeiro transporte comercial en superar Mach 2.[5]
Problemas de fiabilidade e desenvolvemento, xunto coas repercusións do accidente do Tu-144 do Paris Air Show de 1973 e o aumento dos prezos do combustible, restrinxiron a viabilidade do Tu-144 para o seu uso habitual. O Tu-144 foi introducido no servizo comercial con Aeroflot entre Moscova e Almati o 26 de decembro de 1975 e a partir do 1 de novembro de 1977 comezaron os voos de pasaxeiros; retirouse menos de sete meses despois tras o accidente dunha nova variante do Tu-144 nunha aterraxe durante un voo de proba o 23 de maio de 1978. O Tu-144 seguiu operando comercialmente como avión de carga ata a cancelación do programa en 1983. O modelo foi utilizado posteriormente polo programa espacial soviético para adestrar pilotos da nave espacial Buran, e pola NASA para a investigación supersónica ata 1999. O Tu-144 fixo o seu voo final o 26 de xuño de 1999 e os avións superviventes foron expostos en todo o mundo ou almacenados.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Prisco, Jacopo (2017-09-28). "How the Soviet Concorde crashed and burned". CNN (en inglés). Consultado o 2024-05-09.
- ↑ 2,0 2,1 Gordon, Yefim; Rigmant, Vladimir (2005). Tupolev Tu-144. Hinckley, Leicestershire, UK: Midland. ISBN 978-1-85780-216-0
- ↑ Kaminski-Morrow, David. "RETROSPECTIVE: Tu-144 beats Concorde to first flight". Flight Global (en inglés). Consultado o 2024-05-10.
- ↑ "The Soviet Union’s flawed rival to Concorde". www.bbc.com (en inglés). Consultado o 2024-05-10.
- ↑ 5,0 5,1 "Tu-144 — Туполев". web.archive.org. 2018-08-17. Arquivado dende o orixinal o 17 de agosto de 2018. Consultado o 2024-05-10.