Saltar ao contido

Umbrisol

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O termo umbrisol deriva do vocábulo latino "umbra" que significa "sombra", facendo alusión á cor escura do seu horizonte superficial. É un dos 32 grupos de solo recollidos na Base de Referencia Mundial para os Recursos do Solo (WRB). O código WRB de Grupo de Solo é UM e o perfil é de tipo AC, con horizonte B ocasional.

É un tipo de solo característico de climas fríos e húmidos, frecuentemente montañosos, con ningún ou escaso déficit de humidade. Desenvólvense principalmente sobre materiais de alteración de rocas silíceas. Caracterízanse por un horizonte superficial groso escuro, ácido e moi rico en materia orgánica. Soportan vexetación de bosque ou pasteiro extensivo. A predominancia de terra en pendente e as condicións climáticas húmidas e frescas restrinxen a utilización de moitos Umbrisoles ao pastoreo extensivo. O manexo céntrase na introdución de pastos mellorados e a corrección de pH do solo por encalado.

Esténdense por unha superficie aproximada de 100 millóns de hectáreas da edafosfera e están presentes en todos os continentes. En Europa son frecuentes no noroeste do litoral atlántico, como Islandia, Illas Británicas e no noroeste de Portugal e España. En Galicia, xunto aos Cambisoles, son os máis habituais[1].

Subclasifícanse en: Tiónico, Gélico, Léptico, Gléyico, Arénico, Estágnico, Albico, Húmico, Ferrálico, Esquelético, Antrico e Háplico.

Os Umbrisoles tamén se denominan Cambisoles húmicos ácidos.

  1. Instituto Geográfico Nacional. "Regiones biogeográficas" (PDF). España a través de los mapas. 2º Bachillerato. Consultado o 7/11/2015. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]