Unión Monárquica Nacional
A Unión Monárquica Nacional (UMN) foi un partido político español, fundado en 1930 por ex-dirixentes da ditadura de Primo de Rivera, ao desaparecer esta, e no que se volverían reunir os antigos membros da Unión Patriótica,[1][2] o partido único da ditadura.
Historia
[editar | editar a fonte]
O partido xa estaba formado o 24 de marzo de 1930, oito días despois do falecemento do ditador Miguel Primo de Rivera, aparecendo José Antonio, fillo do ditador, como vicesecretario segundo na Xunta Nacional xa constituída.[3] Posteriormente, ao reunírense moitos dos exministros da ditadura no enterro de Primo de Rivera, o 3 de abril de 1930, dous meses despois de perderen o poder, aproveitaron para asinar un manifesto do novo partido.[1] Del saíu o programa que se publicou na prensa o día 5 e no que xunto á defensa de Primo de Rivera e maila súa obra, se precisaba a defensa de "unha España grande, gloriosa, culta, cristiá, tolerante, ordenada, traballadora, progresista, respectada no estranxeiro e con fonda fe nos seus altos destinos".[4]
As figuras máis destacadas eran José Calvo Sotelo, Ramiro de Maeztu, José de Yanguas Messía, Eduardo Callejo de la Cuesta, Galo Ponte y Escartín, o marqués de Quintanar, Manuel Delgado Barreto -director de La Nación-, o expresidente do comité executivo de Unión Patriótica, José Gavilán, José Antonio Primo de Rivera e Rafael Benjumea, conde de Guadalhorce, que se converteu no xefe do partido por desexo do falecido ditador e Santiago Fuentes Pila como secretario xeral.[5] A súa ideoloxía, a parte de defender o legado da ditadura, consistía nun nacionalismo católico como o expresado por Ramiro de Maeztu.[6]
Durante todo o ano 1930, meses antes da proclamación da Segunda República Española, foron practicamente a única formación organizada politicamente que reivindicou o réxime monárquico. Seguirá funcionando até abril de 1931 cando se disolveu[3] por mor dos pésimos resultados obtidos nas eleccións municipais do 12 de abril, que acabaron traendo a Segunda República.
Ao proclamarse a República, unha gran parte dos seus dirixentes foron procesados e encarcerados. Outros como José Calvo Sotelo ou o conde de Guadalhorce tiveron que se exiliar. En 1934, durante o Bienio radical-cedista, trala amnistía concedida, os seus dirixentes foron rehabilitados e iranse reintegrando na vida política a través dun novo partido fundado por José Calvo Sotelo, Renovación Española.
Tralo golpe de estado de 1936, algúns dos seus dirixentes foron vítimas da represión producida no bando republicano.
Notas
[editar | editar a fonte]Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Álvarez Chillida, Gonzalo (1996) José María Pemán, pensamiento y trayectoria de un monárquico. (1897-1941), Cádiz: Servizo de Publicacións da Universidade de Cádiz. ISBN 8477863059
- Avilés Farré, Juan; Elizalde Pérez-Grueso, Mª Dolores; Sueiro Seoane, Susana (2002). Historia política de España, 1875-1939 (en castelán) XVII. Madrid: Istmo. ISBN 84-7090-320-9.
- González Cuevas, Pedro Carlos (2003). Maeztu: biografía de un nacionalista español. Madrid: Marcial Pons Historia. ISBN 84-95379-65-1.
- Robles Muñoz, Cristóbal (2013). La Santa Sede y la II República (1931) . De la conciliación al conflicto (en castelán). Madrid: Visión Libros. ISBN 978-84-15965-20-6.
- Sanz Hoya, Julián (2006). De la resistencia a la reacción: las derechas frente a la Segunda República (Cantabria 1931-1936) (en castelán). Santander: Universidad de Cantabria. ISBN 84-8102-420-1.
- Thomàs, Joan María (2017). José Antonio: Realidad y mito (en castelán). Barcelona: Debate. ISBN 9788499927503.