Unión celular
Unha unión celular (ou unión intercelular ou ponte intercelular[1]) é un tipo de estrutura que existe nos tecidos animais que une as células coas súas veciñas ou cos compoñentes da matriz extracelular. As unións celulares constan de complexos multiproteicos que fan contacto coas células veciñas e as manteñen unidas ou coa matriz extracelular. Na parte citoplasmática poden estar unidas a compoñentes do citoesqueleto da célula. Tamén poden formar unha barreira impermeable á auga nos epitelios, que controla o transporte paracelular (polos laterais externos da célula) de auga e outros produtos. Algunhas permiten o paso de substancias dunha célula a outra e de sinais eléctricos, polo que son importantes no funcionamento coordinado dos tecidos. As unións celulares son especialmente abundantes nos tecidos epiteliais.
As moléculas responsables de formar as unións celulares denomínanse moléculas de adhesión celular, que son proteínas, como por exemplo, as cadherinas e integrinas.[2]
Tipos
[editar | editar a fonte]Desde un punto de vista funcional as unións comunicantes poden ser agrupadas en tres clases:[3] unións ocludentes (forman unha barreira), unións de ancoraxe (fixan as células con outras células ou coa matriz extracelular) e unións comunicantes (permiten o paso de moléculas ou sinais eléctricos entre as células).
Nos vertebrados, hai cinco tipos estruturais principais de unions celulares:
Unións comunicantes
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Unión comunicante.
Formadas por unhas proteínas chamadas conexinas que forman unha especie de tubos que comunican unhas células con outras, salvando o espazo intercelular e permitindo o intercambio de substancias.[4]
Unións herméticas
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Unión hermética.
As proteínas de adhesión claudinas unen tan estreitamente as células veciñas, que non deixan espazo intercelular e a unión é impermeable.
Unións adherentes (zonula adhaerens)
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Unión adherente.
Formadas por proteínas cadherinas que unen unhas células con outras e con filamentos de actina intracelulares, formando unha banda que rodea toda a célula.
Desmosomas (macula adhaerens)
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Desmosoma.
As cadherinas unen as dúas células no espazo intercelular e outrras proteínas forman unha placa no interior da célula, que se conecta aos filamentos de queratina do citoesqueleto. Están situadas nos laterais da célula illados sen formar bandas.
Unións coa matriz extracelular
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Hemidesmosoma.
Os hemidesmosomas son parecidos a desmosomas, formados por cadherinas, e conectan a célula con compoñentes da matriz extracelular e cos filamentos intermedios do citoesqueleto. As unións focais fan o mesmo, pero están formadas por integrinas e conectan con filamentos da actina do citoesqueleto, como por exemplo nas unións miotendinosas.[3]
En organismos non vertebrados
[editar | editar a fonte]Os invertebrados teñen outros tipos específicos de unións celulares, como as unións septadas (un tipo de unión ocludente) ou as unións apicais do verme Caenorhabditis elegans.
Nas plantas as funcións estruturais das unións celulares xa as proporciona a parede celular, polo que as únicas estruturas parecidas a unións celulares que teñen son os plasmodesmos.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Chapter 13, box on morphology of squamous cell carcinoma in: Mitchell, Richard Sheppard; Kumar, Vinay; Abbas, Abul K.; Fausto, Nelson. Saunders, ed. Robbins Basic Pathology. Philadelphia. ISBN 1-4160-2973-7. 8ª edición.
- ↑ Lodish; et al. (2007). Molecular Cell Biology (6th ed.). W. H. Freeman and Company. pp. 803. ISBN 1429203145.
- ↑ 3,0 3,1 NIH books. Molecular Biology of the Cell. 4th edition. Alberts B, Johnson A, Lewis J, et al. New York: Garland Science; 2002 [1]
- ↑ Andrew L Harris and Darren Locke (2009). Springer, ed. Connexins, A Guide. New York. p. 574. ISBN 978-1-934115-46-6.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- NIH Clasificación das Unións celulares.
- MeshName - Intercellular+Junctions [2]
- MeshName - Cell-Matrix+Junctions [3]