Unidad Comunera Castellana
Unidad Comunera Castellana (UNCC) (Unidade Comuneira Castelá en galego) foi un partido político nacionalista de carácter castelanista. Tivo a súa sede en Frómista.
Inscribiuse como partido o 14 de febreiro de 1983, e foi fundado polos palentinos José Antonio Mata Martín, Juan Bautista Martín de la Torre, José María Valladolid Manzano, Blas Esteban Carrillo Pérez e Jesús Núñez Domingo. Aínda que o ámbito de actuación do partido abranguía todo o territorio castelán, na práctica UNCC apenas estaba estendido fora da provincia de Palencia. Contou con escasa actividade.
Ideoloxicamente, Unidad Comunera Castellana era un partido de centro e nacionalista que buscaba o recoñecemento das singularidades que posuía a "nacionalidade castelá no seu conxunto", composta por Castela a Vella, Castela a Nova e a Rexión de León. Neste sentido, Unidad Comunera Castellana aceptaba en boa medida o concepto de Castela que se divulgaba dende a editorial castelanista Riodelaire, especialmente nos libros dos escritores Juan Pablo Mañueco e Antonio Hernández Pérez.
As ideas que recollía Unidade Comunera Castellana foron case totalmente compartidas por outros partidos posteriores como Unidad Nacional Castellana (UNC), partido co que UCC mantiña grandes afinidades, ou Tierra Comunera, partido este último que pode sen problemas considerarse herdeiro de UNCC e de UNC. Pero mentres que Tierra Comunera fixo do pendón morado o principal sinal do castelanismo político, Unidad Comunera Castellana sempre defendeu a bandeira acuartelada de Castela e León como lexítimo símbolo de Castela, desbotando por completo o pendón morado.
Aínda que UNCC nunca se disolveu oficialmente, dende a creación de Tierra Comunera a súa actividade foi diminuíndo ao tomar TC o seu relevo. Algúns dos fundadores de Unidad Comunera Castellana logo tomaron outros rumbos políticos. José Antonio Mata presentouse ás eleccións autonómicas de 1987 polo Partido Autonómico Nacionalista de Castilla y León (PANCAL) encabezando a candidatura pola provincia de Palencia. José María Valladolid foi un dos fundadores en 1990 de Unidad Palentina, un dos partidos que despois formarían Unidad Regionalista de Castilla y León (URCL).[1] En 1992, o último grupúsculo de UNCC participou na creación de Unidad Regionalista de Castilla y León, se ben non se integrou finalmente nesa formación. Pola súa banda Juan Bautista Martín de la Torre foi candidato de Tierra Comunera nas eleccións xerais de 1993, pasando así a formar parte a Unidad Comunera Castellana do partido Tierra Comunera.
Nas eleccións ás Cortes de Castela e León de 1983 presentouse só na provincia de Palencia, onde obtivo 1.953 votos.
Notas
[editar | editar a fonte]Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- M.González. "El proceso autonómico de Castilla y León". Fundación Villalar (2004).
- M.González, J.V.Pelaz, P.Perez. "Castilla y León en democracia. Partidos, elecciones y personal político 1977-2007". Xunta de Castela e León (2007).