Universidade do Zulia (en castelán: La Universidad del Zulia, tamén coñecida como LUZ; en wayuu: Ekirajiapülee Suuria), é unha universidade pública cuxo campus principal está situado na cidade de Maracaibo, Venezuela. LUZ é unha das universidades máis grandes e importantes de Venezuela.
A Universidade do Zulia conta con tres campus: dous no Estado Zulia, nas cidades de Maracaibo (sendo a máis grande e importante das tres) e Cabimas; e unha na cidade de Punto Fijo, situada no Estado Falcón.
A historia da universidade comeza cando o 29 de maio de 1891 se aprobou un decreto que converte o Colegio Federal de Maracaibo na Universidade do Zulia, sobre a base do que era o Colegio Seminario[1]. A propia universidade comezou as súas operacións o 11 de setembro dese mesmo ano. O seu primeiro reitor foi Francisco Ochoa.[2]
En 1909, o goberno de Cipriano Castro, cuxo ministro de Instrución Pública era Eduardo Blanco, ordenou o peche da universidade por razóns políticas. A decisión baseouse, entre outros factores, na particular concepción educativa de Blanco, quen defendía que en Venezuela só se debían aprender catro profesións no ensino superior: médicos, avogados, enxeñeiros e teólogos.
A LUZ permanecería pechada até o 1 de outubro de 1946. Este evento coñécese como La Reapertura. O primeiro reitor tras a reapertura foi Jesús Enrique Lossada.