Saltar ao contido

Vasco de Puga e Vaamonde

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Doutor Vasco de Puga (Códice de Osuna, 1565)

Vasco de Puga e Vaamonde, nado en San Cristovo de Regodeigón, Ribadavia c. 1525, e finado en Sevilla en 1576, foi un doutor en dereito canónico e Oidor na Real Audiencia de México. Encargouse de elaborar unha das primeiras compilacións de rexistros cedularios de Nova España baixo o título de “As Cédulas de Puga” (1563). Este traballo é considerado unha das primeiras obras impresas da Historia do continente americano.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Vasco de Puga naceu no entorno de Ribadavia, sendo fillo menor do Bacharel Lope García Varela "O Vello" (†1536), Contable e Mordomo Maior da Condesa de Ribadavia, e de Violante Mosquera de Puga, filla do Rexedor da Vila Pedro Vázquez de Puga (†c.1515). A familia posuía numerosas propiedades na contorna, destacando unha granxa-soar en San Cristovo de Regodeigón, nas proximidades da igrexa parroquial, así como a coñecida "Casa dos Tornos", un edificio de carácter urbano situado na contorna da praza maior de Ribadavia. Todos os seus irmáns gozaron dunha formación académica destacada e ocuparon cargos relevantes durante os reinados dos Austrias Maiores. O irmán maior, Alonso López de Baamonde (†1570), foi Alcalde e Xustiza Maior da fortaleza e Marquesado de Sarria, e tamén consta como Xuíz na Vila de Vigo no ano 1529. O seguinte irmán, o Bacharel Gonzalo Gómez de Puga (†c.1560), cursará estudos de Teoloxía na Universidade de Salamanca e posteriormente consta como crego na Diocese de Compostela. No Ribeiro foi reitor dos beneficios de Santo Adrao de Vieite (Leiro), Santa María de Salamonde (San Amaro) e San Martiño de Mugares (Toén). O seu irmán, o Licenciado Lope García Varela “O Mozo” (†c.1595) estudou Cánones en Salamanca e desempeñou varios cargos na administración durante o reinado de Felipe II. Foi Corrixidor en varias vilas e cidades, incluíndo Medina del Campo, Gipuzkoa, Murcia, Lorca e Cartaxena. Viviu tamén no sur da península onde foi Cabaleiro veinticuatro en Sevilla e Xuíz Oidor na Real Audiencia de los Grados. E finalmente estará o Bacharel Bartolomé García de Bahamonde (c.1519-†1583), estudante tamén de Teoloxía en Salamanca, coñecido fundamentalmente polo seu poder en Ribadavia, onde foi reitor en tres das catro parroquias da vila. Diversos autores atribúen a súa man a autoría de pinturas murais nas bóvedas de Santa Baia de Banga (O Carballiño) e Santa María de Mugares (Toén). Todos os imáns, especialmente tralo óbito temperá do seu pai, estiveron moi influenciados pola figura do seu tío materno, o Licenciado Fernán Bello de Puga (†1563). Este consta como Colexial do Maior de Oviedo de Salamanca e Catedrático de Dereito Canónico. Tamén exerceu como Oidor nas Reais Audiencias de Granada e Valladolid, así como ocuparía o posto de Corrixidor na cidade de Toledo.[1]

Formación

[editar | editar a fonte]

Consta que Vasco de Puga iniciaría os seus estudos en Cánones na Universidade de Valladolid, sufragado polo seu irmán, o abade Gonzalo Gómez de Puga e outro tío materno, chamado tamén Vasco de Puga, morador na pousa de Trasariz, Ambos aportan en 1543 a cantidade de 35 Ducados de ouro e 4.000 marabedís para o seu estudo durante catro anos. O título de Licenciado obteríao na Universidade de Sigüenza (Guadalajara)[2], onde entrará en contacto con grupos da elite do poder de Castela o que lle permitirá poder ocupar diferentes cargos de goberno e xustiza no sur peninsular.

Vasco de Puga comezaría a ocupar cargos públicos entorno aos 25 anos, no ano 1551[3]. Durante a primeira metade da década dos 50s consta como Xuíz en Cazorla, Alcalde Maior de Vélez-Málaga e posteriormente Alcalde Maior da cidade de Granada, adxunto ao Corrixidor García de Sarmiento. Este último era descendente do I Conde de Santa Marta e parente dos Condes de Ribadavia.

Vasco de Puga establécese en Granada, cidade na cal residía por aquel entón o seu tío Fernán Bello de Puga, Oidor da Real Chancelaría ata 1558. Alí casaría con Francisca Muñiz, filla de Hernando de Baena, un destacado membro da fidalguía granadina. O matrimonio morará na rúa “de los Molinos”, gozando de gran poder e prestixio social. No ano 1557 sería nomeado polo monarca Felipe II como Oidor da Real Audiencia e Chancelaría da Nova España, sita na actual Cidade de México. Deste xeito embarcará en Sanlúcar de Barrameda no ano 1559 xunto coa súa familia e varios criados, para partir cara o seu novo destino no México Vicerreinal[4]. Unha vez alí doutoraríase en Dereito Canónico na recentemente creada Universidade Real e Pontificia de México, adquirindo así a xerarquía máis elevada no seu campo académico. Pouco despois o Vicerrei, Luís de Velasco, encargaralle a recompilación de tódalas Reais cédulas existentes nese momento na Nova España, as cales serían agrupadas na coñecida “As Cédulas de Puga” (1563), unha das primeiras obras impresas da historia do continente americano. Esta obra publicaría baixo o título de “Provisiones cedulas Instrucciones de su Magestad: ordenanzas de difuntos y audiencia, para buena expedición de los negocios, y administración de justicia; y gobernación de esta nueva España; y para el buen tratamiento y conservación de los yndios dende el año 1525 hasta el presente 63".

Durante a súa estanza mexicana será coñecido tamén por realizar certos actos abusivos sobre a poboación indíxena. Algúns destes feitos quedarán inmortalizados no chamado «Codice Osuna» (1565), no cal se reproducen a través de pinturas e textos sucesos e temas conflitivos entre os españois e os nativos americanos acaecidos durante o goberno do Vicerrei Luís de Velasco y Ruiz de Alarcón (1550-1564). Nestes tamén aparecerá representada a súa muller, Francisca Muñiz. Tras diversos procesos sería condenado por 15 casos de maltrato a indíxenas e abuso de servizos. Isto tróuxolle a suspensión temporal do seu cargo de Oidor e cargas pecuniarias por valor de 1300 ducados.

Do matrimonio con Francisca consta a existencia de dúas mulleres, a primoxénita Mayor de Puga, nacida en Granada, casará cun fidalgo chamado Juan Martín Gomera e non consta descendencia, a máis nova nacida xa en México, Melchora de Puga, contraerá matrimonio co rico terratenente Pedro de Quesada, fillo de Luís de Quesada, neto por tanto da famosa Dona Marina, mais coñecida como a “Malinche”. Estes contarán con encomenda en Xilotepec (Toluca) e terras con gando no termo de Cuautitlán[5].

Falecemento

[editar | editar a fonte]

Vasco de Puga realizaría varios viaxes de ida e volta á metrópole nos que dará conta dos servizos prestados á Coroa. O primeiro que realizará será no ano 1565, regresando dous anos máis tarde en 1567. Finalmente volverá de novo xa enfermo no ano 1575, falecendo en en 1576 aos 50 anos. O seu corpo sería sepultado nunha igrexa non identificada da cidade de Sevilla. As súas posesións e dereitos na Ribeira do Avia acabarán anos antes en mans do seu tío Fernán Bello de Puga, e posteriormente no seu irmán Bartolomé García de Bahamonde. En canto ao resto do patrimonio será herdado pola súa filla Melchora de Puga, nomeada como herdeira universal[6]. A súa muller, a cal quedaría en México, recibiría unha mercé Real pola cal recibiría 500 pesos anuais de paga trala morte temperá do Oidor.

  1. Sabucedo Santos, Pablo (2024). Bartolomé García de Bahamonde: un fidalgo e crego ilustrado no Ribeiro do século XVI. Amigos do Patrimonio de Toén. ISBN 978-84-09-61768-5. 
  2. Rodriguez Sala, María Luisa (2019). Alonso de Zorita, Vasco de Puga y Tomás López Medel, sus trayectorias y obras como integrantes del estamento de los oidores de la Nueva España: 1552-1565. Instituto de Investigaciones Sociales de la Universidad Nacional Autónoma de México (UNAX). 
  3. Muro Orejón, Antonio (1976). "Régimen legal de los Indios de la Nueva España según el Cedulario del Doctor Vasco de Puga (1563)". Revista de la Facultad de Derecho de México, Volumen dedicado al IV Congreso de Historia del Dere- cho Indiano: 485–520. 
  4. ROMERA IRUELA, L., GALBIS DÍEZ, M.C. (1980). Catálogo de Pasajeros a Indias durante los siglos XVI, XVII y XVIII, Volumen V (1567-1577). Archivo General de Indias de Sevilla. 
  5. Rubio Mañé, Jose Ignacio (1983). El Virreinato II: expansión y defensa, primera parte. Instituto de investigaciones Históricas UNAM. 
  6. Sabucedo Santos, Pablo (2024). Bartolomé García de Bahamonde: un fidalgo e crego ilustrado no Ribeiro do século XVI. Amigos do Patrimonio de Toén. ISBN 978-84-09-61768-5.