Vaso linfático
Os vasos linfáticos (TA: vas lymphaticum) son vasos tubulares de paredes delgadas, cunha estrutura parecida á dos vasos sanguíneos, que transportan a linfa e que se estenden por case todo o corpo, formando, xunto cos ganglios linfáticos, o sistema linfático. Os vasos linfáticos conteñen válvulas que impiden o retroceso da linfa. Como parte do sistema linfático son complementarios do sistema cardiovascular. Os vasos linfáticos están tapizados internamente por células endoteliais, e teñen unha fina capa de músculo liso, e unha adventicia que os une co tecido que os rodea. Os vasos linfáticos teñen a misión de propulsar a linfa desde os capilares linfáticos, que principalmente se dedican á absorción (drenaxe) do fluído intersticial que se acumula nos tecidos. Os capilares linfáticos son lixeiramente máis grandes que os capilares sanguíneos. Os vasos linfáticos que transportan linfa aos ganglios linfáticos denomínanse vasos linfáticos aferentes e os que o transportan desde o ganglio linfático denomínanse eferentes, desde os cales a linfa pode viaxar a outro ganglio linfático ou pode viaxar a un conduto linfático maior e volver ás veas. Os condutos linfáticos drenan a linfa ás veas subclavias, que volve así á circulación xeral. Despois das comidas verten nas veas subclavias as substancias absorbidas nos vasos quilíferos linfáticos intestinais que pasan a formar parte da linfa.
Os vasos linfáticos aferentes que chegan aos ganglios linfáticos, desembocan no seo subcapsular do ganglio.[1] A linfa dos vasos linfáticos eferentes que saen dos ganglios acaba chegando ao conduto linfático dereito ou ao conduto torácico, este último é o vaso linfático máis grande do corpo. Estes dos vasos drenan finalmente nas veas subclavias dereita e esquerda, respectivamente. Hai moitos máis vasos aferentes que eferentes, o que facilita que os linfocitos e macrófago realicen o seu labor inmunitario.
Estrutura
[editar | editar a fonte]A estrutura xeral dun vaso linfático maior consta de tres capas con límites pouco definidos. A máis interna é un endotelio de células epiteliais aplanadas e unha delgada capa de fibras elásticas, despois hai unha capa ou dous de fibras musculares lisas e a capa máis externa está formada por fibras elásticas e de coláxeno.[2] O endotelio dos capilares linfáticos é moi fino e con membrana basal descontinua, o que permite que se filtren líquidos facilmente.[3] A capa intermedia de músculo liso que rodea o endotelio dos vasos grandes, permite a vasoconstrición e vasodilatción (cambio do calibre ou diámetro do vaso). A capa máis externa ou adventicia consta de tecido fibroso. Os vasos linfáticos máis pequenos teñen menos capas. Os capilares linfáticos carecen de capa de músculo liso e de adventicia fibrosa. Forman unha rede e únense a outros capilares formando vasos máis grandes e adquirindo primeiro a capa adventicia e despois a muscular lisa.
A misión dos capilares linfáticos é a drenaxe de líquido intersticial, mentres que a dos vasos linfáticos maiores é a condución da linfa cara a adiante. O sistema empeza por unhas canles linfáticas iniciais, que dan lugar aos capilares linfáticos con extremos cegos e estes únense formando os vasos linfáticos maiores, que conectan cos ganglios linfáticos. As válvulas dos vasos maiores aparecen en parellas cos bordos libres dos dous elementos apuntando na dirección do fluxo de linfa; están formadas por endotelio reforzado por tecido conxuntivo. Detrás da válvula o vaso adoita estar algo ensanchado, o que lle dá aos vasos un aspecto característico. As válvulas linfáticas aparecen nos vasos en intervalos máis curtos que as válvulas das veas.[2]
A diferenza do sistema cardiovascular, o sistema linfático non é pechado e non ten unha bomba impulsora central. A pesar da baixa presión, o movemento da linfa ocorre nalgúns pequenos mamíferos debido á peristalse (propulsión da linfa debido á contracción e relaxación alternante do músculo liso), pero isto no home non ocorre[2] e débese ao peche das válvulas cando a linfa se move cara atrás, o que impide o seu retroceso, e a compresión durante a contracción dos músculos esqueléticos adxacentes e a pulsación arterial.[2]
Se o líquido dos tecidos se acumula neles prodúcese un edema. Os capilares linfáticos absorben este líquido e transportan este fluído aos vasos maiores. Ao seu paso polos ganglios linfáticos, a linfa pasa entre os numerosos leucocitos que se encontran alí e é limpada de elementos estraños á vez que se detectan os antíxenos alleos que causarán a produción de anticorpos.[4]
Capilares linfáticos
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Capilar linfático.
A circulación linfática empeza con capilares de extremos cegos, formados por células endoteliais finas que se unen entre sí en unións de tipo botón, que permiten o paso do fluído a través deles cando a presión intersticial é suficientemente alta.[5] Estas unións similares a botóns constan de filamentos proteícos como a PECAM-1. Nestes puntos hai un sistema que funciona como se fose unha válvula que impide que a linfa absorbida saia de novo ao líquido intersticial, formado por fibras de coláxeno unidas ás células endoteliais que responden ao incremento da presión do fluído intesticial separando as células endoteliais e permitindo a entrada de líquido no vaso.[6] Os capilares linfáticos teñen moitas interconexións (anastomoses) entre eles e forman unha rede moi fina, pero en xeral son cilíndricos, aínda que de forma e calibre máis variado que os capilares sanguíneos.[4][2]
Vasos linfáticos
[editar | editar a fonte]Os vasos linfáicos maiores constan das tres capas mencionadas: endotelial, muscular lisa e conxuntiva, presentan válvulas e poden considerarse constituídos por unidades funcionais chamadas linfanxions, que son segmentos separados por válvulas semilunares. A lonxitude, radio e grosor da parede do linfanxion determina a presión, fluxo e eficiencia da condución da linfa.[7]
Vasos aferentes
[editar | editar a fonte]Os vasos linfáticos aferentes entran por todas partes da periferia dos ganglios linfáticos, e despois de ramificárense no seu interior, perden as capas externas, menos a endotelial, e forman un denso plexo na substancia da cápsula, ábrense aos seos linfáticos da parte cortical do ganglio. Transportan a linfa inalterada ao ganglio.
Vasos eferentes
[editar | editar a fonte]Os vasos linfáticos eferentes son os que saen dos ganglios desde os seos linfáticos da porción medular do ganglio e abandonan o ganglio polo hilum, xunto coas veas no caso dos ganglios grandes. Transportan a linfa filtrada fóra do ganglio.
Tamén se encontran vasos linfáticos eferentes en asociación co timo e o bazo.
Condutos linfáticos
[editar | editar a fonte]Os vasos linfáticos conflúen e forman vasos cada vez maiores que acaban formando finalmente dous grandes condutos principais: conduto linfático dereito e conduto torácico, que drenan a súa linfa na vea subclavia (no punto onde conflúen outras veas). A parede dos condutos linfáticos ten unha túnica media maior que a das veas e unha diferenciación clara en tres capas. A parede do conduto torácico incluso ten pequenos vasos sanguíneos como os vasa vasorum dos vasos sanguíneos grandes.[2]
Importancia clínica
[editar | editar a fonte]Un linfoedema é o inchamento dos tecidos debido a unha drenaxe insuficiente do líquido intersticial por parte dos vasos linfáticos. Pode ser o resultado da ausencia de vasos linfáticos ou de que estean subdesenvolvidos ou sexan disfuncionais. No linfaedema hereditrio (ou primario) os defectos nos vasos débense a razóns xenéticas. No linfoedema adquirido (ou secundario), os vasos linfáticos están danados por lesións ou infeccións.[8][9] A linfanxiomatose é unha enfermidade na que se producen múltiples quistes ou lesións formadas nos vasos linfáticos.[10][11]
A formación de novos vasos sanguíneos (anxioxénese) e linfáticos (linfoxénese) é importante no crecemento dos cancros. Os vasos linfáticos e sanguíneos utilízanse como vías de transporte polas células cancerosas para crearen metástases noutros órganos.[12]
Galería
[editar | editar a fonte]-
Sistema linfático
-
Sección a través da canle portal de porco. A 250 aumentos.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "19.2B: Distribution of Lymphatic Vessels". Medicine LibreTexts (en inglés). 22 de xullo de 2018. Consultado o 28 de novembro de 2021.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 D. W. Fawcett. Tratado de histología. 11ª ed. Interamericana.McGraw Hill. 1987. Páxinas 403-407. ISBN 84-7605-361-4 .
- ↑ Pepper MS, Skobe M (outubro de 2003). "Lymphatic endothelium: morphological, molecular and functional properties". The Journal of Cell Biology 163 (2): 209–13. PMC 2173536. PMID 14581448. doi:10.1083/jcb.200308082.
- ↑ 4,0 4,1 Rosse, Cornelius; Gaddum-Rosse, Penelope (1997). "The Cardiovascular System (Chapter 8)". Hollinshead's Textbook of Anatomy (Fifth ed.). Philadelphia: Lippincott-Raven. pp. 72–73. ISBN 0-397-51256-2.
- ↑ Baluk P, Fuxe J, Hashizume H, Romano T, Lashnits E, Butz S, et al. (outubro de 2007). "Functionally specialized junctions between endothelial cells of lymphatic vessels". The Journal of Experimental Medicine 204 (10): 2349–62. PMC 2118470. PMID 17846148. doi:10.1084/jem.20062596.
- ↑ Weitman E, Cuzzone D, Mehrara BJ (setembro de 2013). "Tissue engineering and regeneration of lymphatic structures". Future Oncology 9 (9): 1365–74. PMC 4095806. PMID 23980683. doi:10.2217/fon.13.110.
- ↑ Venugopal AM, Stewart RH, Rajagopalan S, Laine GA, Quick CM (2004). "Optimal Lymphatic Vessel Structure". The 26th Annual International Conference of the IEEE Engineering in Medicine and Biology Society. 26th Annual International Conference of the IEEE. Engineering in Medicine and Biology Society. pp. 3700–3703. ISBN 0-7803-8439-3. doi:10.1109/IEMBS.2004.1404039.
- ↑ Alitalo K (novembro de 2011). "The lymphatic vasculature in disease". Nature Medicine 17 (11): 1371–80. PMID 22064427. doi:10.1038/nm.2545.
- ↑ Krebs R, Jeltsch M (2013). "The lymphangiogenic growth factors VEGF-C and VEGF-D. Part 2: The role of VEGF-C and VEGF-D in lymphatic system diseases". Lymphologie in Forschung und Praxis 17 (2): 96–104.
- ↑ Marom, EM; Moran, CA; Munden, RF (abril de 2004). "Generalized lymphangiomatosis.". American Journal of Roentgenology 182 (4): 1068. PMID 15039189. doi:10.2214/ajr.182.4.1821068.
- ↑ Sheddy, Aditya; D'Souza, Donna. "Lymphangioma". Radiopaedia. UBM Medica network. Consultado o 22 de novembro de 2014.
- ↑ Shayan R, Achen MG, Stacker SA (setembro de 2006). "Lymphatic vessels in cancer metastasis: bridging the gaps". Carcinogenesis 27 (9): 1729–38. PMID 16597644. doi:10.1093/carcin/bgl031.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artitgos
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Nosek, Thomas M. "Role of Lymphatic Vessels". Essentials of Human Physiology. Arquivado dende o orixinal o 2016-03-24.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Lymphatic Vessels Medical Subject Headings (MeSH) na Biblioteca Nacional de Medicina dos EUA.
- Efferent lymph vessel - BioWeb no Sistema da Universidade de Wisconsin