Vic Buckingham
Biografía | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Nacemento | 23 de outubro de 1915 Greenwich, Reino Unido | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Morte | 26 de xaneiro de 1995 (79 anos) Chichester, Reino Unido (pt) | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Altura | 178 cm | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Actividade | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Ocupación | futbolista, adestrador de fútbol | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Período de actividade | 1934 - 1949 | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Nacionalidade deportiva | Inglaterra | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Deporte | fútbol | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Posición de xogo | Extremo esquerdo | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
|
Victor Frederick Buckingham, coñecido como Vic Buckingham, nado en Greenwich o 23 de outubro de 1915 e finado en Chichester o 26 de xaneiro de 1995, foi un futbolista e adestrador inglés. Desenvolveu toda a súa carreira como futbolista no Tottenham Hotspur, na segunda división inglesa. Como adestrador gañou a FA Cup de 1954 co West Bromwich Albion, co que ademais acabou subcampión da liga esa mesma tempada. Adestrou durante dous períodos o AFC Ajax, levando o equipo a gañar a Eredivisie de 1960 e facendo debutar en 1964 a Johan Cruyff. En 1971 gañou a Copa do Xeneralísimo co FC Barcelona e foi subcampión de liga. Tamén pasou polos bancos do Fulham FC, o Sheffield Wednesday e de varios equipos gregos. Está considerado como un pioneiro da filosofía futbolística coñecida como fútbol total, que posteriormente desenvolveu o seu pupilo Johan Cruyff.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Entrou no Tottenham Hotspur en 1934 e xogou a primeira tempada no filial deste, o Northfleet United. Na seguinte campaña debutou co primeiro equipo na Segunda División, onde acumulou durante os seguintes anos 230 partidos, primeiro como centrocampista defensivo e máis tarde como defensa.
Comezou a súa carreira como adestrador na Universidade de Oxford entre 1949 e 1950. A continuación dirixiu o equipo de afeccionados conxunto das universidades de Oxford e Cambridge, o Pegasus. Con este equipo gañou en 1951 a FA Amateur Cup, derrotando ao Bishop Auckland na final por 2-1, ante unha multitude de 100.000 persoas no estadio de Wembley.[1] Entre 1951 e 1953 dirixiu o Bradford Park Avenue.
En 1953 foi contratado polo West Bromwich Albion como substituto de Jesse Carver que regresou a Italia. Gañou a FA Cup en 1954, derrotando na final ao Preston North End de Tom Finney por 3-2, e estivo a piques de sumar un segundo título esa mesma tempada, ao acabar segundo na liga.[2]
En 1959 converteuse no adestrador do Ajax de Ámsterdam, co que gañou a Eredivisie 1959/60. Por motivos persoais deixou o club a finais de maio de 1960, un par de semanas antes de rematar a tempada 1960/61.[3]
A continuación fichou polo Sheffield Wednesday, subcampión do campionato inglés 1960/61, onde substituíu a Harry Catterick. Adestrou o Wednesday ata o seu despedimento en 1964, obtendo tres sextos postos consecutivos na liga.[4]
Para a tempada 1964/65 regresou ao Ajax, onde o seu único éxito foi facer debutar a Johan Cruyff. Por outra banda, os malos resultados, incluída unha derrota por 4-9 en Rotterdam ante o Feyenoord, fixeron que o Ajax caese preto da zona de descenso. Foi substituído por Rinus Michels.
De regreso a Inglaterra, uniuse ao Fulham FC de Londres a metade da tempada 1964/65. Adestrou o club ata 1968, cando acabou descendendo.
Despois dunha breve etapa en Grecia foi contratado en 1969 polo FC Barcelona. Co club catalán gañou a Copa do Xeneralísimo 1970/71, tras derrotar por 4-3 na prórroga da final ao Valencia. Esa mesma tempada o Barcelona foi subcampión da liga, por detrás do propio Valencia, despois de rematar empatados a puntos. Foi de novo substituído por Rinus Michels.
En febreiro de 1972 foi contratado polo Sevilla FC para tentar evitar o descenso, pero non o conseguiu. Despois volveu a Grecia, onde se converteu no adestrador do Olympiacos, co que acabou terceiro na liga. O seu último traballo como adestrador foi co AS Rodos, equipo tamén da primeira división grega, e co que non puido conseguir a permanencia.
Vida persoal
[editar | editar a fonte]Era fillo de Annie Elizabeth Jenkins e William George Buckingham.[5] Casou con Lilian Emma King e tivo tres fillos.[5] Morreu aos 79 anos en Chichester.[6]
Palmarés
[editar | editar a fonte]West Bromwich Albion
- FA Cup (1): 1954.
Ajax
- Eredivisie (1): 1959/60.
Barcelona
- Copa do Xeneralísimo (1): 1970/71.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Ward, Andrew; Williams, John (2009). Football Nation : Sixty Years of the Beautiful Game. Londres: Bloomsbury Publishing. p. 42.
- ↑ "Vic Buckingham". fulhamfc.com (en inglés). Consultado o 8 de marzo de 2022.
- ↑ "Spurgeon trainer van Ajax". De Volkskrant (en neerlandés). 1 de maio de 1961. p. 10.
- ↑ Davies, John (10 de abril de 1964). "Wednesday sack Buckingham". Daily Mail (en inglés). p. 20.
- ↑ 5,0 5,1 "Victor Frederick Buckingham" (en neerlandés). Consultado o 8 de marzo de 2022.
- ↑ "OBITUARIES:Vic Buckingham" (en inglés). 30 de xaneiro de 1995. Consultado o 8 de marzo de 2022.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Datos do adestrador en BDFutbol (en castelán).
- Nados en Greenwich
- Nados en 1915
- Finados en 1995
- Futbolistas de Inglaterra
- Centrocampistas de fútbol
- Xogadores do Tottenham Hotspur FC
- Adestradores de fútbol de Inglaterra
- Adestradores do West Bromwich Albion FC
- Adestradores do AFC Ajax
- Adestradores do Fulham FC
- Adestradores do FC Barcelona
- Adestradores do Sevilla FC
- Adestradores do Olympiakos FC