Saltar ao contido

Victor Jollos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaVictor Jollos
Biografía
Nacemento12 de agosto de 1887 Editar o valor en Wikidata
Morte5 de xullo de 1941 Editar o valor en Wikidata (53 anos)
Actividade
Ocupaciónxenetista , botánico Editar o valor en Wikidata
Obra
Abreviación dun autor en botánicaJollos Editar o valor en Wikidata

Victor Jollos, nado en 1877 e finado en 1941, foi un biólogo, protistólogo e xenetista alemán, posteriormente estadounidense, de ascendencia rusa.

Jollos naceu o 1 de agosto de 1877 en Odesa, Ucraína (daquela parte do Imperio Ruso), pero os seu pais migraron a Alemaña cando era novo. Fixo os estudos de bacharelato en Heidelgerg, os de pregrao na Universidade de Berlín e de doutoramento na Universidade de Múnic. Estudou zooloxía, botánica e química. Estudou os protistas, especialmente Paramecium, e fundou, xunto con Richard von Hertwig, o primeiro instituto alemán de investigación protozoolóxica.[1]

Tamén estudou no Instituto Robert Koch (antes chamado Instituto de Doenzas Infecciosas), onde expuxo o seu concepto das Dauermodifikationen ou modificacións permanentes. Ao expoxer liñas puras de paramecios a toxinas ou calor elevada, atopou que aparecían caracteres novos nos paramecios (resistencia a toxinas ou á calor), que, segundo el, se herdaban durante centos de xeracións na descendencia. Moitos biólogos da época afirmaron que as Dauermodifiktionen eran a proba dunha herdanza citoplasmática dos caracteres de tipo lamarckista.[2][1]

En 1914 foi director do Instituto Robert Koch e despois estudou medicina na Universidade de Berlín, obtendo o título de médico.[3] Despois do final da primeira guerra mundial seguiu as súas investigacións no Instituto de Bioloxía Kaiser Wilhem. En 1925 traballou na Universidade de O Cairo invitado polo goberno exipcio, onde foi profesor de zooloxía. En 1929 volveu a Berlín, onde foi profesor auxiliar de zooloxía.[1]

Jollos contribuíu á teoría da ortoxénese. Segundo el había unha direccionalidade en evolución causada por factores externos, que podía estar dirixida por mutacións, e consideraba que factores ambientais, por exemplo altas temperaturas, podían causar mutacións específicas e predicibles herdables.[1]

En Berlín estudou as mutacións en Drosophila melanogaster, en concreto os efectos de factores ambientais, como as altas temperaturas, sobre o desenvolvemento das moscas, que segundo el causaban mutacións direccionais, como os ollos de cor branca, o que consideraba apoiaba a teoría ortoxenética.[1]

Cando chegou Hitler ao poder Jollos sufriu persecución por ter devanceiros xudeus, a pesar de que el era protestante. En 1933 tivo que deixar o seu posto como investigador en Alemaña e emigrou ao Reino Unido, onde traballou nun laboratorio da Universidade de Edinburgo e a finais de 1934 emigrou a Nova York aproveitando unha bolsa do Instituto de Educación Internacional e despois traballou na Universidade de Wisconsin, Madison ata 1937. Cando se lle acabou a bolsa pasou problemas económicos, non puido seguir investigando e tivo que vivir de diversas axudas.[1]

Morreu o 5 de xullo de 1941 en Madison, Wisconsin, deixando a súa familia na pobreza.[4][1]

Obras escollidas

[editar | editar a fonte]
  • (1921) Experimentelle Protistenstudien. Mit 12 Kurven im Text.
  • (1934) Inherited changes produced by heat-treatment in Drosophila melanogaster
  • (1932) Weitere Untersuchungen über die experimentelle Auslösung erblicher Veränderungen beiDrosophila melanogaster
  • (1931) Die experimentelle Auslösung von Mutationen und ihre Bedeutung für das Evolutionsproblem
  • (1914) Variabilität und Vererbung bei Mikroorganismen
  • (1933) Weitere experimentelle Untersuchungen zum Artumbildungsproblem
  • (1933) Die Übereinstimmung der bei Drosophila melanogaster nach Hitzeeinwirkung entstehenden Modifikationen und Mutationen
  • (1935) Sind Dauermodifikationen — "Schwachmutationen" und der "Parallelismus von Modifikationen und Mutationen" eine Stütze für das lamarckistische Prinzip?
  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 B. R. Erick Peirson. Victor Jollos (1887-1941). Embryo Project Encyclopaedia. Consultado o 16-09-2014.
  2. Erick Peirson. Victor Jollos (1887-1941). Research Gate. Setembro de 2014
  3. The experimental research program of Victor Jollos. Annals of the History and Philosophy of Biology 11/2006 ss. 121-126
  4. Victor Jollos 1887-1941 - Obituary Science. 19 de setembro de 1941. Vol 94, número 2438, pp. 270-272. DOI: 10.1126/science.94.2438.