Victoriano Marcos
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 20 de outubro de 1903 Ourense, España |
Morte | 1 de xuño de 1958 (54 anos) México |
Causa da morte | morte accidental, accidente de tráfico |
Actividade | |
Ocupación | político, militar, administrador |
Victoriano Marcos Alonso, nado en Ourense o 20 de outubro de 1903 e finado en México o 1 de xuño de 1958, foi un político e militar galego.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Fillo de José Marcos. Empregado de banca na sucursal do Banco de España de Ourense, onde colaborou en La Zarpa.[1] Membro do Sindicato de Banca da UGT dende 1931. Despois trasladouse ao Banco de España en Santiago de Compostela, onde foi presidente do Centro Republicano Federal de Izquierda Gallega e redactor do seu órgano Galicia Federal. A finais de 1932 foi trasladado a Madrid.[2]. Estivo exiliado na Unión Soviética pola súa participación na folga xeral revolucionaria de 1934. Regresou a Madrid en 1936 e ingresou no PSOE.
Co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 incorporouse ás Milicias, tomou o mando do batallón Largo Caballero, constituído o 2 de agosto, e participou na guerra co grao de maior. Durante a guerra pertenceu ao PCE. Ao rematar foi detido e condenado en Consello de Guerra celebrado en Alcalá de Henares en setembro de 1939, a 30 anos de prisión. Pasou polas cadeas de Alcalá de Henares (1939), Forte de San Cristovo de Pamplona (1940), Figueirido (agosto de 1940 a xuño de 1943), Ourense (xuño a setembro de 1943) e Burgos, ata que en marzo de 1944 saíu en liberdade vixiada. Foi detido novamente en febreiro de 1945, pasando polas cadeas de Ourense e A Coruña. Saíu en liberdade provisional en xullo de 1946 marchando a Madrid, onde contactou coa organización socialista clandestina. En novembro de 1947 exiliouse en México. Pertenceu á Agrupación Socialista Española do PSOE. Morreu en 1958 en accidente de coche cando viaxaba a Puebla.