Granulación aracnoide
Granulación aracnoide | |
---|---|
Representación diagramática dun corte a través da parte superior do cranio, mostrando as membranas do cerebro, etc. (A etiqueta de "Arachnoid granulation" -granulación aracnoide- está arriba á dereita.) | |
Granulacións aracnoides vistas nunha autopsia, onde se retirou a dura máter pero a aracnoide permanece no seu sitio. | |
Latín | Granulationes arachnoideae |
As granulacións aracnoides, tamén chamadas vilosidades aracnoides ou villi aracnoides (un nome máis antigo é granulacións ou corpos de Pacchioni[1]) son pequenas protrusións da aracnoide[2] (a segunda capa ou meninxe que cobre o cerebro) que se estenden na membrana máis externa ou dura máter (a grosa capa externa menínxea). Fan protrusión nos seos venosos durais do cerebro e permiten que o líquido cefalorraquídeo saia do espazo subaracnoide e entre no torrente sanguíneo.
As granulacións máis grandes dispóñense ao longo do seo saxital superior, un grande espazo venoso que vai desde a parte frontal á posterior ao longo do centro da cabeza intracranialmente. Porén, están presentes tamén noutros seos durais.
Función
[editar | editar a fonte]A difusión a través das granulacións aracnoides cara ao seo saxital superior devolve o líquido cefalorraquídeo á circulación venosa.[3]
As granulacións aracnoides actúan como válvulas dunha soa dirección. Normalmente a presión do líquido cefalorraquídeo é maior que a do sistema venoso, deste modo, o líquido cefalorraquídeo flúe a través das granulacións cara ao sangue. Se a presión se inverte por algunha razón, o líquido non poderá pasar de volta ao espazo subaracnoide. A razón disto non se coñece. Suxeriuse que as células endoteliais do seo venoso crean vacúolos de líquido cefalorraquídeo, que se move a través das células e saen delas cara ao sangue.
A importancia das granulacións aracnoides para a drenaxe do líquido cefalorraquídeo é bastante polémica. Nalgúns informes unha gran porción (quizais a maioría) do líquido cefalorraquídeo drénase a través de vasos linfáticos asociados con segmentos extracraniais dos nervios craniais. Crese que unha gran proporción de líquido cefalorraquídeo abandona a bóveda cranial polos axóns do primeiro nervio cranial (nervio olfactorio) a través da súa extensión pola placa cribriforme.
Na superficie interna dos ósos craniais, hai pequenos ocos chamados fóvea granular producidos polas granulacións aracnoides.[4][5]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Nome dado en honra do anatomista italiano Antonio Pachioni. synd/392 en Who Named It?
- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para aracnoide.
- ↑ Martini, Frederick; Timmons, Michael; Tallitsch, Robert (2015). Human Anatomy (Eighth ed.). Boston: Pearson. p. 453. ISBN 978-0-321-88332-2.
- ↑ Linden Forest Edwards (1934). Anatomy for physical education, descriptive and applied. P. Blakiston's son & co., inc. p. 80. Consultado o 23 June 2012.
- ↑ Sir Henry Morris (1921). Morris's human anatomy. P. Blakiston's son & Company. p. 953. Consultado o 23 June 2012.
Galería
[editar | editar a fonte]Commons ten máis contidos multimedia sobre: Granulación aracnoide |
-
Óso parietal esquerdo. Superficie interna.
-
Óso frontal. Superficie interna.
-
Anxiografía de tomografía computarizada (CT) que mostra unha granulación aracnoide no seo transverso dereito.
-
Escáner de tomografía computarizada sen contraste dunha cabeza mostrando unha granulación aracnoide.