Violante do Ceo
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (pt) Violante de Ávila da Silveira Montesinos 1601 Lisboa, Portugal |
Morte | 1693 (91/92 anos) Lisboa, Portugal |
Relixión | Igrexa católica |
Actividade | |
Ocupación | poetisa, escritora |
Orde relixiosa | Orde dos Predicadores |
Descrito pola fonte | Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron Library of the World's Best Literature |
Violante de Ávila da Silveira Montesinos, nada en Lisboa o 30 de maio de 1607 e finada na mesma cidade o 28 de xaneiro de 1693, foi unha relixiosa dominica e escritora en lingua portuguesa e castelá, máis coñecida como Violante do Ceo.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Os seus pais eran Manuel Silveira Montesinos e Helena da França de Ávila, muller procedente dunha influente familia vinculada á nobreza portuguesa.
Desde nova recibiu formación cultural e mostrou talento para a literatura. Segundo o testemuño do padre Francisco de Santa María, con doce anos representou ante Filipe III unha comedia da súa autoría titulada La transformación por Dios que, como ocorre con outras pezas da autora, non se conserva.[1]
O 29 de agosto de 1630, aos 29 anos, ingresou no convento dominico de Nossa Senhora do Rosário. Sobre a toma desta decisión, algúns estudosos apuntaron que podería estar propiciada por un desengano amoroso; concretamente, sor Violante decidiría profesar cando o seu avó (que asumira as funcións paternas tras a morte de Silveira Montesinos) decidiu rexeitar a petición de man realizada por Paulo Gonçalves de Andrade.[2] En calquera caso, parece que a vida de sor Violante no mosteiro seguiu a desenvolverse cunha intensa actividade social e cultural. No convento recibiu visitas de amizades entre as que se contaban artistas e personalidades como Manuel de Faria e Sousa, Miguel Botelho de Carvalho ou António Figueira Durão, que lle dedicaron textos no Proemio ás súas Rimas Varias.
O 28 de xaneiro de 1693, ao oitenta e cinco anos, sor Violante do Ceo morreu no convento onde pasara a maior parte da súa vida.
Obra
[editar | editar a fonte]A obra de sor Violante resulta particular dentro da historia da literatura portuguesa por ser a segunda muller deste territorio que logrou publicar unha obra propia, despois de que Bernarda Ferreira de Lacerda editase España Libertada. Igual que Ferreira, Violante escribiu parte da súa obra en castelán, para o que hai que ter en conta que Portugal permaneceu unido a España desde 1580 até 1640. O bilingüismo foi corrente noutros autores contemporáneos como Gil Vicente, Sá de Miranda ou Francisco Manuel de Melo.[3] De feito, Violante seguiu usando as dúas linguas mesmo despois da independencia portuguesa.
A obra de sor Violante é extensa e, na súa maior parte a autora puido vela publicada en vida. Resultou crucial a publicación do seu primeiro libro completo, Rimas varias de la madre Soror Violante del Cielo, religiosa en el monasterio de la Rosa de Lisboa. Dedicadas ao Excelentísimo señor Conde Almirante, e polo seu mandado, sacadas á luz, o libro foi publicado en 1646 en Ruán, na Imprenta de Maurry. Nel preséntanse 97 poemas, sesenta dos cales son de contido amoroso e moitos deles escritos en español.
Antes da publicación destes poemas xa apareceran outros textos de sor Violante, como a canción dedicada a Lope de Vega con motivo da morte deste en 1635 (Si crédito, si gloria). Ao longo da súa vida a autora produciu varias pezas similares, pero foi tras a súa morte cando apareceu o seu segundo volume propio, Parnaso lusitano de divinos, e humanos versos (1733).
Con respecto ao seu contido, a obra de sor Violante do Ceo chamou a atención polo aceso dalgúns dos seus poemas e pola exaltación dun erotismo pouco habitual en autoras do seu tempo. Ás veces, estas expresións amorosas parecen dirixidas a alguén real, chamado ocultamente como Silvano ou Lauso, que probablemente sería Paulo Gonçalves de Andrade. A pesar desta vertente na súa obra, nalgunhas composicións incluídas no Parnaso laméntase por escribir poesía amorosa no seu pasado, mostrando posteriormente predilección pola dedicada ao amor divino. Xunto con esta temática, tamén se contan entre os seus poemas un gran número de panexíricos: elixías a amigas desaparecidas, poemas dedicadas a compañeiras ou adulación de grandes personaxes.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Mendes, Margarida Vieira (1994). "Introdução", en Violante do Céu Rimas Várias de Soror Violante do Céu, Lisboa: Presença, p. 12.
- ↑ Olivares, Julián e Elisabeth S. Boyce (2012). Tras el espejo la musa escribe. Lírica femenina de los Siglos de Oro. Madrid: Siglo XXI, p. 192.
- ↑ Pociña López, Andrés José (1998). Sóror Violante do Céu (1607-1693). Madrid: Ediciones del Orto, p. 15.
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Violante do Céu (1994): Rimas Várias de Soror Violante do Céu. Presença.
- Pociña López, A. J. (1998): Sóror Violante do Céu (1607-1693). Edicións do Orto.
- Caballé, A. (ed.) (2004). La vida escrita por las mujeres, IV. Por mi alma os digo. De la Edad Media a la Ilustración. Lumen.