Saltar ao contido

Voces Ceibes

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Voces Ceibes
OrixeSantiago de Compostela, Galicia Galicia,
Período1968 - 1974
Xénero(s)Canción protesta
MembrosBenedicto
Xavier del Valle
Guillermo Rojo
Xerardo Moscoso
Vicente Araguas
Margariña Valderrama
Alfredo Conde
Miro Casabella
Xaime Barreiro Gil
Tino Álvarez
Suso Vaamonde
Bibiano

Voces Ceibes foi un colectivo musical galego que tivo a súa existencia entre 1968 e 1974, nos anos finais da ditadura franquista.

Formación

[editar | editar a fonte]

Nos comezos de Voces Ceibes tivo o seu papel o concerto que o 9 de maio de 1967 ofreceu Raimon no estadio universitario de Santiago. Naquela altura existía un movemento de canción protesta en boa parte do mundo occidental, e en particular na Península Ibérica[1].

Pero a primeira aparición pública do colectivo galego tivo lugar case un ano despois, nun recital de música galega organizado no paraninfo da facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela o 26 de abril de 1968. Ao recital acudiron 2.000 persoas e os folletos de promoción foran redactados por Xesús Alonso Montero. Neste primeiro concerto participaron Benedicto coas cancións "Eu son a voz do pobo", "Un home", "Loitemos" e "Carta a Fuco Buxán"; Xavier con "Monólogo do vello traballador", "María Soliña", "Romance incompleto" e "Longa noite de pedra"; Guillermo Rojo con "Quen tivera vinte anos", "Tirade ao chan os fusiles", "A vós irmáns", "Señor, eu fun poeta"; Xerardo Moscoso con "Deuda cumprida" e "Réquiem Nº II" e Vicente Araguas con "Comunión", "A cea" e "Eles non sabían cantar". Como se pode comprobar, os poemas de Celso Emilio Ferreiro formaban a parte fundamental do repertorio, a canda composicións propias.

En maio dese ano realizouse unha xuntanza no hotel Compostela de Santiago para organizar un colectivo de canción galega ó xeito dos cataláns Els setze jutges ou os vascos Ez dok amairu. A ela acudiron Vicente Araguas, Benedicto, Xavier, Xerardo Moscoso, así como Margariña Valderrama e Alfredo Conde. O colectivo, que tiña como características sobranceiras cantaren unicamente en galego e a canción social e belixerante, déuselle o nome de Voces Ceibes a proposta de Margariña Valderrama e Alfredo Conde.

Consolidación

[editar | editar a fonte]

En xuño de 1968, e por mediación de Salvador García Bodaño, chegouse a un acordo con Edigsa de Barcelona para publicar o primeiro disco de cada un dos catro compoñentes. En outono de 1968 realizouse a gravación en Barcelona: chegáronse a poñer no mercado dez singles.

A finais dese outubro realizaron trece actuacións en varias localidades galegas (Vigo, Ourense, A Coruña, Ferrol, Pontevedra...) e o 1 de decembro tivo lugar a actuación máis importante, no teatro Capitol de Santiago. Nela tocaron Benedicto, Xavier, Guillermo Rojo, Xerardo Moscoso, Vicente Araguas e xa daquela tamén, Miro Casabella. A ela asistiu o que sería co tempo primeiro presidente elixido por sufraxio universal da Xunta de Galicia, Xerardo Fernández Albor[2]. Chegaron a cantar en Estudio abierto, un programa moi popular de Televisión Española, presentado por José María Íñigo[2].

O 25 de xaneiro de 1969 o goberno declarou o estado de excepción que supuxo a paralización dos recitais. En 1969 actuaron en París. En 1970 Xavier deixa Voces Ceibes e entra Xaime Barreiro Gil. Benedicto marchara a facer o servizo militar, e Guillermo Rojo acaba deixando tamén o colectivo. No decembro de 1970 entra durante breve tempo Tino Álvarez. Na primavera de 1971 deixouno Miro Casabella e entraron Suso Vaamonde e Bibiano. A presenza da policía nos concertos comezou a facerse habitual e así, por exemplo, no concerto de maio de 1971 no monte da Rocha, en Baiona, tocan Suso Vaamonde, Benedicto, Xerardo Moscoso e Vicente Araguas, entre un gran despregamento policial[2].

En 1972 participaron na gravación do disco colectivo Cerca de mañana con Lluís Llach, Elisa Serna, Julia León, Pablo Guerrero, Xavier Ribalta, Imanol Larzábal, Adolfo Celdrán e Juanele, que saíu ó mercado en 1973 fóra de España.

As pelexas internas que xa levaban tempo furando no colectivo fixeron que o grupo desaparecese en decembro de 1974.

Compoñentes

[editar | editar a fonte]

Posteriores

[editar | editar a fonte]
  1. Carta de Manuel María a Xosé Neira Vilas (1969), cit. in Voces Ceibes, corenta anos despois Arquivado 28 de decembro de 2009 en Wayback Machine., blog do Diario Cultural, Radio Galega, 4/12/2008
  2. 2,0 2,1 2,2 Xosé Manuel Estévez, in Voces Ceibes, corenta anos despois Arquivado 28 de decembro de 2009 en Wayback Machine., blog do Diario Cultural, Radio Galega, 4/12/2008

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]