Saltar ao contido

Voo 148 de Air Inter

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Voo 148 de Air Inter
O avión do accidente meses antes
Resumo
Data  20 de xaneiro de 1992
Causa  erro do ATC
Lugar  Barr, Francia
Coordenadas 
Orixe  aeroporto de Lión Satolas
Destino  aeroporto de Estrasburgo
Finados  87
Feridos  9
Aeronave
Tipo de aeronave Airbus A320-111
Operador  Air Inter
Rexistro  F-GGED
Pasaxeiros  90
Tripulación  6
Superviventes  9

O voo 148 de Air Inter era un servizo regular de pasaxeiros dende o aeroporto de Lión Satolas ata o aeroporto de Estrasburgo. O 20 de xaneiro de 1992 o Airbus A320 que operaba a ruta esnafrouse nas montañas Vosges, preto de Mont Sainte-Odile, mentres realizaba un circuíto para aterrar no aeroporto de Estrasburgo. 87 das 96 persoas a bordo morreron, mentres que as nove restantes resultaron feridas.[1]

O aparello era un Airbus A320-111, con rexistro F-GGED e número de serie 15. Voara por vez primeira o 4 de novembro de 1988 e fora entregado a Air Inter o 22 de decembro. No momento do accidente levaba acumuladas un total de 6 316 horas de voo.[1][2]

Accidente

[editar | editar a fonte]

O voo 148, comandado polo capitán de 42 anos Christian Hecquet e o primeiro oficial de 37 Joël Cherubin, saíu do aeroporto de Lión Satolas. Mentres era vectorizado para unha aproximación VOR/DME á pista 05 do aeroporto de Estrasburgo esnafrouse ás 19:20:33 CET contra as montañas a unha altura duns 800 metros.[1]

O pilotos non tiveron ningún aviso do inminente impacto porque Air Inter non tiña equipado ese avión cun sistema de alerta de proximidade ao terreo (GPWS).

O accidente ocorreu pola noite, con nubes baixas e neve lixeira. Porén, a resposta dos equipos de emerxencia foi lenta, xa que os primeiros en atopar o lugar do accidente foron os xornalistas catro horas despois.

O voo 148 foi o terceiro dunha serie de accidentes causados, polo menos en parte, polo que se cría que era unha falta de familiaridade dos pilotos co sofisticado ordenador do Airbus A320. A Oficina de Investigación e Análise para a Seguridade da Aviación Civil (BEA) cre que o voo 148 se esnafrou debido a que os pilotos configuraron sen querer o piloto automático no modo de Velocidade Vertical, en vez de no modo de Ángulo de Traxectoria do Voo, insertando "33" por "3.3° como ángulo de descenso", o que para o piloto automático significaba unha taxa de descenso de 3 300 pés (1 000 m) por minuto.[1]

Os investigadores determinaron que non houbo unha única causa do accidente, senón que múltiples factores contribuíron ao desastre. Na aproximación ao aeroporto o control de tráfico aéreo avisou incorrectamente á tripulación de que o avión estaba á dereita da pista, causando que os pilotos experimentasen unha gran carga de traballo. Cando os investigadores ingresaron a velocidade de descenso, que fora establecida nun simulador de voo, o avión inicialmente non se esnafrou. Investigacións posteriores revelaron, porén, que cando se introducía unha pequena cantidade de turbulencias, o sístema de seguridade do piloto automático aumentou aínda máis o ángulo de descenso, engadíndose así á cadea de eventos que levaron ao accidente.[3]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 "Informe do accidente". BEA. Arquivado dende o orixinal o 13 de xuño de 2012. Consultado o 2019-1-5. 
  2. "Air Inter F-GGED (Airbus A320 - MSN 15) | Airfleets aviation". www.airfleets.net. Consultado o 2019-01-05. 
  3. "The Final Blow". Mayday. Tempada 9. 2010. Discovery Channel Canada / National Geographic Channel.