Saltar ao contido

Voo 8243 de Azerbaijan Airlines

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Voo 8243 de Azerbaijan Airlines
Embraer 190 accidentado
Resumo
Data  25 de decembro de 2024
Causa  baixo investigación
Lugar  preto do aeroporto de Aktau
Orixe  aeroporto Heydar Aliyev
Destino  aeroporto de Grozni
Finados  38
Feridos  29
Aeronave
Tipo de aeronave Embraer 190AR
Operador  Azerbaijan Airlines
Rexistro  4K-AZ65
Pasaxeiros  62
Tripulación  5
Superviventes  29

O voo 8243 de Azerbaijan Airlines era un voo regular internacional de pasaxeiros entre o aeroporto Heydar Aliyev en Bakú, Azerbaidján, e o aeroporto de Grozni en Rusia. O 25 de decembro de 2024, o Embraer 190AR que operaba o voo de Azerbaijan Airlines quedou gravemente danado polo que se cre que foi un mísil anti-aéreo ruso durante a aproximación do avión a Grozni. O avión intentou desviarse pero finalmente acabou esnafrándose preto do aeroporto de Aktau en Kazakhstán con 62 pasaxeiros e 5 tripulantes a bordo. 38 desas persoas morreron no accidente, incluídos os dous pilotos e un asistente de voo, mentres que 29 ocupantes sobreviviron con feridas.

Uns 40 minutos despois da engalaxe, cando o avión entraba no espazo aéreo ruso e aproximábase a Grozni, a tripilación informou da perda de axudas de navegación GPS debido a interferencias. O aeroporto tamén informou de condicións de néboa. Cando o avión chegaba ao seu destino, 81 minutos despois de engalar, os pasaxeros escoitaron unha explosión e metralla impactou a aeronave. Nas transmisións de radio os pilotos atribuíron a explosión a un golpe con aves e solicitaron un desvío. Iniciaron protocolos de emerxencia, incluíndo un código Squawk 7700 (emerxencia xeral) no transpondedor, e redirixiron o voo sobre o mar Caspio cara Aktau.

As imaxes do escenario do accidente revelaron perforacións na sección de cola, danos que os expertos consideraron inconsistentes cun impacto de aves pero que se asemellan ao impacto dun mísil terra-aire.[1] O 26 de decembro Euronews informou que, citando fontes do goberno de Azerbaidján, o avión fora impactado durante o voo por un mísil ruso durante os esforzos para repeler un ataque de drons ucraínos no aeroporto de Grozni. A metralla da explosión feriu a varios pasaxeiros e tripulantes de cabina.[2] O 27 de decembro, The New York Times informou de que os investigadores de Azerbaidján crían que un sistema de defensa aérea ruso Pantsir-S1 danara o avión antes de estrelarse.[3]

O 28 de decembro o presidente ruso Vladimir Putin pediu desculpas ao presidente de Azerbaidján, İlham Əliyev, polo "tráxico incidente" do avión no espazo aéreo ruso. Dixo que drons ucraínos tiñan como obxectivo Grozni nese momento e que as defensas aéreas rusas rexeitaran estes ataques, pero non confirmou que o voo fora derrubado nin recoñeceu a responsabilidade rusa.[4] O 29 de decembro o presidente Əliyev dixo que Rusia derrubara accidentalmente o avión, acusando aos rusos de tentar ofuscar e "calar" o accidente e esixiu a total admisión da culpa, castigo para os responsables e indemnización para as vítimas e as súas familias.[5]

O avión implicado era un Embraer 190AR fabricado en 2013 don rexistro 4K-AZ65 e chamado Gusar, pola cidade do mesmo nome.[6][7] Estaba impulsado por dous motores General Electric CF34-10E6,[8] e pasara o seu último mantemento o 18 de outubro dese mesmo ano.[6] O aparello voou por primeiro vez o 22 de xullo de 2013 e era propiedade de Azerbaijan Airlines. Desde 2013 o avión foi operado pola aerolínea, agás de 2017 a 2023, cando voou baixo a súa filial Buta Airways.[7][9] A aeronave tiña 11 anos no momento do accidente.[10]

  1. "Growing evidence suggests Azerbaijan Airlines flight was targeted by missile strike - Türkiye Today" (en inglés). Consultado o 2025-01-04. 
  2. "Exclusive: Russian missile caused Aktau crash, investigation confirms". euronews (en inglés). 2024-12-26. Consultado o 2025-01-04. 
  3. Mazaeva, Milana; Nechepurenko, Ivan (2024-12-27). "A Strange Banging Sound, Chaos and Prayers Before a Plane Crashes". The New York Times (en inglés). ISSN 0362-4331. Consultado o 2025-01-04. 
  4. "Putin apologizes for Azerbaijan Airlines crash without saying Russia at fault". POLITICO (en inglés). 2024-12-28. Consultado o 2025-01-04. 
  5. "Azerbaijan's president says crashed jetliner was shot down by Russia unintentionally". AP News (en inglés). 2024-12-29. Consultado o 2025-01-04. 
  6. 6,0 6,1 "Latest full technical control of aircraft, crashed near Aktau, conducted in October of this year". Apa.az (en inglés). Consultado o 2025-01-05. 
  7. 7,0 7,1 "Технические данные самолета Embraer E-190, разбившегося в Казахстане". Коммерсантъ (en ruso). 2024-12-25. Consultado o 2025-01-05. 
  8. Kaminski-Morrow, David. "Over 30 survive Azerbaijan Embraer 190 crash in Kazakhstan: ministry". Flight Global (en inglés). Consultado o 2025-01-05. 
  9. Ferreira, Carlos (2024-12-25). "A maior parte dos sobreviventes do acidente com o Embraer no Cazaquistão estava sentada na cauda". AEROIN - Notícias de Aviação (en portugués). Consultado o 2025-01-05. 
  10. "Azerbaijan Airlines E190 Crashes in Kazakhstan". airwaysmag.com. Consultado o 2025-01-05.