Voo 980 de ALM
Voo 980 de ALM | |
---|---|
DC-9 semellante ao do accidente
| |
Resumo | |
Data | 2 de maio de 1970 |
Causa | erro do piloto |
Lugar | mar Caribe |
Coordenadas | |
Orixe | Nova York-JFK |
Destino | aeroporto Princesa Xuliana |
Finados | 23 |
Feridos | 37 |
Aeronave | |
Tipo de aeronave | Douglas DC-9-33CF |
Operador | ALM |
Rexistro | N935F |
Pasaxeiros | 57 |
Tripulación | 6 |
Superviventes | 40 |
O voo 980 de ALM era un servizo regular entre o Aeroporto Internacional John F. Kennedy de Nova York e aeroporto Princesa Xuliana en Sint Maarten, Antillas Neerlandesas. O día 2 de maio de 1970, tras varios intentos de aterraxe sen éxito, o avión quedou sen combustible e realizou unha amaraxe de emerxencia no mar Caribe, a uns 48 km de St. Croix, con 23 mortes e 40 superviventes.
Avión e tripulación
[editar | editar a fonte]O aparello era un bimotor Douglas DC-9-33CF operado en nome de ALM Antillean Airlines por Overseas National Airways (ONA), sendo o avión e a tripulación de voo de ONA e a tripulación de cabina de ALM. Estaba rexistrado nos Estados Unidos como N935F.[1] O voo levaba 57 pasaxeiros e 6 tripulantes. A tripulación de voo estaba formada polo capitán de 37 anos Balsey DeWitt, o primeiro oficial de 25 Harry Evans II, e o navegador de 35 Hugh Hart. A tripulación de cabina estaba formada polo sobrecargo Wilford Spencer e os asistentes de voo Tobias "Tito" Cordeiro e Margaret Abraham.[2]
Accidente
[editar | editar a fonte]O voo 980 foi normal ata chegar ao Caribe. Despois de que fose autorizado a descender a 10 000 pés (3 000 m), o control de tráfico aéreo rexional (ATC) avisou de que o tempo en Sint Maarten estaba por debaixo dos mínimos para aterrar. O capitán elixiu desviarse a San Xoán, pero pouco despois a torre de Sint Maarten avisou o voo de que a meteoroloxía mellorara o suficiente como para poder aterrar. O avión realizou unha aproximación inicial a Sint Maarten, pero non foi capaz de ver a pista a tempo para aliñarse antes de aterrar e anunciou unha aproximación frustrada.
O voo 980 fixo despois un segundo intento de aterraxe, pero novamente sen éxito debido ao aliñamento coa pista. A tripulación fixo un terceiro intento, pero estaba demasiado alto para aterrar con seguridade. Despois de avaliar a situación do tempo e do combustible, a tripulación elixiu desviarse a St. Croix, e recibiu un vector e unha autorización. Nese momento a tripulación decatouse dunha posible discrepancia entre os indicadores de combustible e a cantidade que calcularan de combustible restante. O capitán avisou o ATC da súa intención de amarar e comezou unha aproximación baixa sobre a auga. O voo 980 amarou no mar Caribe ás 3:49 pm hora local.[2]
Aínda que os pilotos acenderon os sinais para abrochar os cintos de seguridade antes da amaraxe, na cabina de pasaxeiros non se chegou a entender ben que o avión estaba a piques de tocar. Por conseguinte, un número descoñecido de pasaxeiros e tripulantes estaban de pé ou non tiñan abrochado o cinto cando o avión golpeou a auga.
O avión quedou relativamente intacto despois da amaraxe, pero afundiuse despois do accidente a unha profundidade duns 1 500 metros, sen que nunca fose recuperado. O accidente causou 23 mortes e deixou feridos 37 dos 40 superviventes. Os dous pilotos sobreviviron. A recuperación dos superviventes con helicópteros comezou unha hora e media despois da amaraxe, e o derradeiro en ser rescatado, o primeiro oficial, foi recollido unha hora despois.[2]
Os esforzos de escate incluíron undades da Garda Costeira, da Armada e do Corpo de Marines estadounidenses, e varios superviventes foron rescatados por helicóptero.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "FAA Registry - N935F". registry.faa.gov. Arquivado dende o orixinal o 12 de outubro de 2018. Consultado o 2019-01-08.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 "Informe do accidente" (PDF). NTSB. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 22 de marzo de 2014. Consultado o 2019-1-8.