Voo 995 de Spantax
Voo 995 de Spantax | |
---|---|
O avión do accidente.
| |
Resumo | |
Data | 13 de setembro de 1982 |
Causa | aborto de engalaxe |
Lugar | Aeroporto de Málaga |
Coordenadas | |
Finados | 50 |
Feridos | 110 |
Aeronave | |
Tipo de aeronave | McDonnell Douglas DC-10-30CF |
Operador | Spantax |
Rexistro | EC-DEG |
Pasaxeiros | 381 |
Tripulación | 13 |
Superviventes | 344[1] |
O voo 995 de Spantax era un voo chárter dende o Aeroporto de Madrid-Barajas ata o Aeroporto Internacional John F. Kennedy de Nova York con escala no Aeroporto de Málaga. Cando o avión, un McDonnell Douglas DC-10-30CF, estaba a engalar en Málaga, o piloto sentiu unha forte vibración e abortou a engalaxe. A tripulación perdeu o control do aparello e foi incapaz de paralo dentro da pista saíndose dela e golpeando unha caseta de formigón perdendo un motor. Posteriormente cruzou a autoestrada entre Málaga e Torremolinos golpeando varios vehículos antes de chocar contra un terraplén ferroviario e incendiarse. Realizouse unha evacuación de emerxencia no avión, pero 50 dos 394 ocupantes morreron no seu interior.
A causa do accidente foi o desprendemento de fragmentos da banda de rodadura do pneumático dereito do tren dianteiro, creando unha forte vibración. Sen saber as causas da vibración o piloto decidiu abortar a engalaxe, incluso cando superara a velocidade Vr (a velocidade de rotación). Este non era un procedemento estándar pero era considerado razoable ante circunstancias anormais.[1] Destacouse que o adestramento do piloto aó cubría fallos de motor durante a engalaxe e había unha falta de adestramento en fallos coas rodas.
O pasaxeiro Carlton Maloney, un especialista de audiovisuais da Pace University, estaba gravando unha cinta de son durante o accidente como parte dunha serie de gravacións de engalaxes e aterraxes. Cando se decatou de que algo ía mal comezou a informar do incidente e das súas consecuencias inmediatas. O locutor de Chicago Steve Dahl reproduxo a cinta de Maloney no seu podcast do 26 de marzo de 2010.[2]
Avión
[editar | editar a fonte]O McDonnell Douglas DC-10-30CF, con rexistro EC-DEG, realizara o seu primeiro voo o día 13 de abril de 1977 e posteriormente foi entregado á aeroliña Overseas National Airlines o 6 de xuño dese ano. Spantax recibiría o avión o 24 de outubro de 1978.[3] No momento do accidente o avión tiña pouco máis de 5 anos, e segundo a última revisión estaba en perfecto estado.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Ministerio de Fomento (ed.). "Informe do accidente" (PDF). Consultado o 29 de xaneiro de 2017.
- ↑ Time (ed.). "A Grisly Triptych of Disasters". Arquivado dende o orixinal o 02 de febreiro de 2017. Consultado o 29 de xaneiro de 2017.
- ↑ Airfleets (ed.). "EC-DEG". Consultado o 30 de xaneiro de 2017.