Wait until Spring, Bandini
Wait until Spring, Bandini | |
---|---|
Autor/a | John Fante |
Orixe | Estados Unidos |
Lingua | inglés |
Xénero(s) | Novela, Realismo sucio |
Editorial | HarperCollins |
Data de pub. | 1938 |
[ editar datos en Wikidata ] |
Wait until Spring, Bandini ("Agarda até a primavera, Bandini") é unha novela escrita polo italo-americano John Fante, publicada por vez primeira en 1938. É o segundo volume (o primeiro por orde de publicación) da tetraloxía con Arturo Bandini como protagonista.
En 1989 foi levada ó cine co título homónimo de Wait until Spring, Bandini, dirixida por Dominique Deruddere coas actuacións de Joe Mantegna (Svevo), Ornella Muti (Maria) e Michael Bacall (Arturo).
Trama
[editar | editar a fonte]A novela narra a historia dunha familia pobre de inmigrantes italianos en Colorado, no inverno de 1928. Son o pai de familia, Svevo Bandini, a nai Maria, e os tres fillos, Arturo, August e Federico.
A historia está narrada por Arturo, o fillo máis vello, de 14 anos. O pai, Svevo, é albanel, pero sofre con desgusto a situación de vivir con débedas e condenado á inactividade polo ríxido clima invernal, refuxiándose no alcol e no xogo para esquecer, aínda que só sexa brevemente, a súa vida. Arturo ó mira ó mesmo tempo con admiración (polo feito de non resignarse á súa condición de "povero immigrato italiano") e con temor e odio por facer sufrir á nai, unha muller extremadamente devota que soporta pacientemente as trasnadas e as continuas ausencias do fogar do seu marido, refuxiándose tenazmente na súa fe.
Mentres tanto Arturo atopa o modo de evadirse da realidade no seu amor (non correspondido) por Rosa, a súa compañeira de clase, e na súa paixón polo béisbol.
A xa fráxil situación do fogar vese agravada pola visita da avoa materna, Donna Toscana, que sempre xulgou a Svevo como un inepto, e que non perde ocasión para reprochar á filla os "erros" que cometeu ó casar.
Narración
[editar | editar a fonte]A trama desenvólvese nunha imaxinaria cidade de Colorado, que se corresponde con Boulder, onde vivía a familia Fante. Pero Svevo non acaba de aclimatarse, acostumado ás montañas dos Abruzos.
A historia, traxicómica, adoita estar narrada en terceira persoa desde o punto de vista de Arturo. Algúns capítulos están narrados por Svevo, e outras partes son declaracións en primeira persoa de Arturo.