Westland Dragonfly
Westland Dragonfly | |
---|---|
Tipo | helicóptero de rescate ou comunicacións |
Fabricante | Westland Aircraft |
Primeiro voo | 5 de outubro de 1948 |
Introducido | 1950 |
Principais usuarios | Royal Navy Royal Air Force |
Produción | 1949 - 1954 |
Unidades construídas | 149 |
Variantes | Westland Widgeon |
O Westland WS-51 Dragonfly foi o primeiro helicóptero construído polo fabricante británico Westland Aircraft. Tratábase dunha versión anglicizada do Sikorsky S-51 estadounidense e foi usada principalmente pola Royal Navy como helicóptero de busca e rescate.[1]
Deseño e desenvolvemento
[editar | editar a fonte]O 19 de xaneiro de 1947 asinouse un acordo entre Westland Aircraft e Sikorsky para permitir a fabricación baixo licenza dunha versión británica do S-51 no Reino Unido. Esta estaría impulsada polo motor radial de 500 CV Alvis Leonides. Unha versión modificada tamén foi desenvolvida por Westland como o Westland Widgeon, pero foi un fracaso comercial.
Tras atrasos causados pola necesidade de modificar e converter os planos estadounidenses para reflectir elementos de orixe británica e para substituír o motor polo Alvis Leonides 50 de construción británica, o prototipo realizou o seu primeiro voo dende Yeovil o 5 de outubro de 1948 pilotado por Alan Bristow. Só pasaran 16 meses desde que comezaran os traballos da construción do prototipo, rexistrado G-AKTW.
Tras avalialo chegaron os primeiros pedidos dos militares británicos. A Royal Navy pediu 13 Dragonfly HR.1 e a Royal Air Force 3 Dragonfly HC.2.
Historial operativo
[editar | editar a fonte]Un total de 72 helicópteros Dragonfly entraron en servizo co Fleet Air Arm da Royal Navy nas funcións de adestramento, rescate aéreo-marítimo e comunicacións. A primeira unidade en ser equipada co modelo foi o 705 Naval Air Squadron, que se cre que é o primeiro escuadrón de helicópteros que se formou fóra dos Estados Unidos. O Dragonfly foi o primeiro helicóptero de construción británica en ser usado pola armada e o primeiro en operar dende un buque británico en probas no RFA Fort Duquesne en 1951.[2] Un Dragonfly dirixiu a sección de helicópteros durante a revisión da frota tras a coroación de Isabel II en 1953.[3]
Unha actualización planificada dos Dragonfly da armada ao estándar Widgeon cunha cabina máis grande, e que sería coñecída como Dragonfly HR.7, foi abandonada en 1957 debido a recortes en defensa.[3] Foi substituído no servizo británico polo Westland Whirlwind, tamén derivado dun deseño de Sikorsky, a finais dos anos 50. Usáronse Dragonfly nas operacións de axuda na inundación do mar do Norte de 1953 e varios deles foron usados pola RAF para a evacuación de vítimas durante a Emerxencia Malaia.[2]
Fabricáronse tamén 51 WS-51 civís. Algúns deles foron usados por Pest Control Ltd para a fumigación de cultivos e outros voaron como transporte executivo para Silver City Airways, Evening Standard Newspapers e Fairey Aviation. Aeronaves exportadas operaron en Xapón, Congo Belga, México e Noruega.[4]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Westland Dragonfly HR. Mk.5". helimuseum.com. Consultado o 2024-05-10.
- ↑ 2,0 2,1 "Westland Dragonfly HR.5". North East Land Sea and Air Museums. Consultado o 2024-05-10.
- ↑ 3,0 3,1 Beaver, Paul (1987). Encyclopaedia of the Fleet Air Arm since 1945. Wellingborough, Northamptonshire: P. Stephens. ISBN 978-0-85059-760-8.
- ↑ Jackson 1974, pp. 618-619
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Jackson, A.J. (1974). British Civil Aircraft Since 1919 – Volume Three. Putnam & Company Limited. ISBN 0-370-10014-X.