Wikipedia:Artigo destacado/abril 2010
O Eucalipto é un xénero (Eucalyptus) de plantas magnoliófitas da familia Myrtaceae. O xénero inclúe máis de 600 especies autóctonas de Australia que forman parte da flora característica do continente australiano, existindo apenas un pequeno número de especies propias dos territorios veciños da Nova Guinea e Indonesia. De feito, ningún continente está tan marcadamente caracterizado por un só xénero de árbore como acontece na Oceanía cos eucaliptos.
A especie do xénero eucalipto máis espallada ao longo do país é o eucalipto azul (Eucalyptus globulus Labill.). A FAO, nunha reclasificación da sistemática desta especie, utiliza a forma E. globulus Labill. subsp. globulus. J. S. Labillardiere foi quen identificou esta especie, en 1792, a partir de mostras recollidas en Tasmania.