Wikipedia:Artigo destacado/abril 2015
Lois I de España, chamado «o Ben Amado» ou «o Liberal», nado en Madrid o 25 de agosto de 1707 e finado na mesma vila o 31 de agosto de 1724, foi rei de España durante menos dun ano sendo o seu reinado, de 229 días o máis breve da Historia de España (sen contar o goberno de Filipe o Fermoso).
Foi bautizado como Lois Filipe Fernando Xosé, en honor aos reis Lois IX de Francia e Fernando III de Castela, era o fillo primoxénito do primeiro Borbón español Filipe V e a súa primeira esposa María Luísa de Savoia, e polo tanto, bisneto de Lois XIV de Francia, por liña paterna, e de Vítor Amadeu II de Savoia, pola materna.
Foi o primeiro membro da Casa de Borbón nado en terras castelás, o que fixo que os casteláns lle demostrasen unha esperanza cega e lle mostrasen sempre unha gran simpatía. O seu nacemento, en plena Guerra de Sucesión, serviu a Filipe V como método de propaganda, e, por isto, a mesma raíña mostraba orgullosa o bebé, exclamando diante do pobo: «Este é Luisillo, o voso paisano!». O 7 de abril de 1709, con tan só dous anos, Filipe V convocou as cortes a fin de que xurasen a Lois como príncipe de Asturias e sucesor da coroa.