Wikipedia:Artigo destacado/marzo 2015
Os Estados Confederados de América (en inglés: Confederate States of America (C.S.A.)), tamén chamados a Confederación e Estados Confederados, foi un Estado formado polos once estados meridionais dos Estados Unidos de América entre 1861 e 1865. Como a súa existencia nunca foi recoñecida no plano internacional, a súa fronteira setentrional é incerta, pero ao leste limitaba co Océano Atlántico e ao sur tiña fronteira con México e o golfo homónimo. O goberno confederado reclamaba un territorio de 1.995.392 km² e unha poboación de 9.103.332 habitantes, dos cales 3.521.110 eran escravos, segundo o censo de 1860.
Sete estados proclamaron a súa secesión dos Estados Unidos antes de que Abraham Lincoln fose investido presidente, catro máis fixeron o mesmo despois de que a Guerra Civil dos Estados Unidos comezase coa Batalla de Fort Sumter. Os Estados Unidos de América ("a Unión") sostivo que a secesión era ilegal e negou o recoñecemento á Confederación. Aínda que os gobernos europeos non recoñeceron oficialmente a creación desta Confederación, o Reino Unido vendeu buques de guerra e abasteceunos de subministracións por intereses comerciais.