Saltar ao contido

Wikipedia:Artigo destacado/novembro 2024

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O cancro de mama ou carcinoma de mama é o cancro que se desenvolve no tecido mamario. Entre os sinais de cancro de mama están a aparición dun nódulo na mama ou preto da mama na zona da axila, alteracións na forma ou na aparencia da mama, como retracción da mamila, pel da mama, aréola ou mamila con aparencia escamosa, vermella ou con vultos, ou mesmo sensibilidade na mamila e secreción ou perda de líquido pola mamila. En persoas coa doenza diseminada, pode verificarse tamén dor ósea, ganglios linfáticos avultados, falta de aire e ictericia.

Entre os factores de risco para o desenvolvemento de cancro de mama cóntanse ser de sexo feminino, a idade, a obesidade, a falta de exercicio físico, o consumo de alcohol, a terapia hormonal substitutiva durante a menopausa, a radiación ionizante, a idade precoz da primeira menstruación, ter fillos en idade tardía ou non ter tido fillos. Entre o 5 e o 10% dos casos son causados por xenes herdados dos pais da persoa, entre os cales están o BRCA1 e o BRCA2. O cancro da mama desenvólvese polo xeral nas células do revestimento das canles mamarias e dos lóbulos onde se produce o leite. Os cancros que se desenvolven nas canles son denominados carcinomas ductais, mentres que os que se desenvolven nos lóbulos son denominados carcinomas lobulares. Existen 18 sub-tipos de cancro da mama. Algúns cancros desenvólvense a partir de condicións premalignas como o carcinoma ductal in situ. A diagnose de cancro da mama é confirmado a través dunha biopsia do nódulo en cuestión. Unha vez realizada a diagnose, realízanse máis exames para determinar se o cancro se diseminou fóra da mama e a que tratamentos pode responder.