Wikipedia:Artigo destacado/outubro 2009
A Declaración de Arbroath foi unha declaración de independencia do Reino de Escocia, asinada o 6 de abril de 1320 en Arbroath por 51 señores feudais. A declaración consistiu nunha carta enviada ao papa Xoán XXII, onde lle solitaban ao pontífice que recoñecese a soberanía de Roberto I de Escocia sobre o territorio escocés. A Declaración, que aínda se conserva hoxe, é unha das tres misivas que debeu recibir o papa, canda unha do clero e outra do propio monarca escocés.
Logo das guerras que enfrontaron a escoceses e ingleses a comezos do século XIV, e que remataran coa vitoria das tropas comandadas por Roberto I de Escocia, o monarca inglés Eduardo I seguía a facer incursións e ataques sobre o terreo dominado por Roberto I. Este decide acudir ás instancias internacionais á busca de recoñecemento, e diríxese ao Papa de Roma.