Wikipedia:Artigo destacado/xullo 2019
O raposo común (Vulpes vulpes), tamén coñecido como raposa ou golpe nalgunhas zonas ó norte de Galicia, é a meirande especie de raposo e un dos membros máis espallados no mundo da orde dos carnívoros, estando presente en todo o hemisferio norte dende o círculo polar ártico até o norte de África, América do Norte e Eurasia. Está clasificada como unha especie pouco preocupante pola IUCN. Provén de devanceiros máis pequenos de Eurasia durante o período Villafranchiense medio, e colonizou América do Norte pouco despois da glaciación de Wisconsin. Entre tódolos raposos, o raposo común representa a forma máis evolucionada en termos de alimentación carnívora. Ademais do seu tamaño maior, o raposo común diferénciase doutras especies de raposo pola súa grande habilidade de adaptarse a novos ambientes. No presente están recoñecidas corenta e cinco subespecies, que están divididas en dúas categorías: os meirandes raposos do norte, e os máis cativos, os raposos basais de Asia e o norte de África.
Os raposos adoitan estar xuntos en parellas ou pequenos grupos formados por familias, como dous pais adultos e as súas crías, ou un macho con varias femias con relacións de parentesco. As crías permanecen a carón dos seus pais para axudarlles a coidar novas crías. Aliméntanse principalmente de pequenos roedores, malia que tamén poden cazar coellos, galináceas, réptiles, invertebrados e crías de ungulados. É vulnerable ó ataque de depredadores meirandes, como lobos, coiotes, chacais dourados e félidos de tamaño medio e grande. A especie ten unha longa historia de asociación cos humanos, sendo cazada extensivamente como unha praga e pola súa pelaxe durante séculos, así como a súa representación no folclore e na mitoloxía de moitas culturas. Por mor da súa ampla distribución e gran poboación, o raposo común é un dos animais máis importantes para a industria da peletaría.