Wikipedia:Artigo destacado/xullo 2021
Os intentos de restauración de Carlos de Habsburgo foron dúas viaxes que realizou o último emperador austrohúngaro, Carlos I de Austria e IV de Hungría, a Hungría coa intención de recuperar o trono do reino. Ambos intentos resultaron infrutuosos e levaron ao exilio definitivo do antigo monarca, o afianzamento da rexencia e a abolición definitiva da dinastía Habsburgo no país.
O primeiro intento, realizado durante a Semana Santa de 1921, fracasou ante a negativa do rexente Miklós Horthy de entregar o poder a Carlos, quen se trasladou á capital húngara sen contar co apoio militar necesario para forzar a súa restauración. A hostilidade dos países veciños e da Tripla Entente, así como a falta de apoio militar suficiente, fixeron que desistise aos poucos días e regresase a Suíza.
O 21 de outubro de 1921 voou en avión de novo a Hungría onde reuniu un continxente de soldados partidarios da súa causa para marchar sobre Budapest. Esta vez logrou chegar ata as aforas da capital sen apenas incidentes, pero alí houbo de enfrontarse aos grupos armados que Horthy e os seus seguidores rapidamente lograron reunir e que lograron vencer ás súas forzas, en parte grazas á traizón do xeneral Pál Hegedüs, comandante destas, quen se confabulou con Horthy. Derrotado, o ex-emperador e a súa esposa foron entregados á Entente, que os enviou ao seu exilio final na illa portuguesa de Madeira.