Wikipedia:Monicreques/Redacción rexeitada
![]() | Esta páxina contén un arquivo de conversas vellas ou contidos anteriores e mantense só para a súa consulta. Non edite esta páxina. Para retomar un fío vello diríxase á páxina de conversa actual. |
A redacción desta norma foi rexeitada. O seu único interese é arquivar o debate e a argumentación
Debate pechado. Por favor, non faga edicións neste arquivo.
![]() | Esta páxina en resumo: Calquera forma de intervir nun debate simulando personalidades, xogando coa identidade ou recrutando seareiros para desequilibrar acordos deberá ser combatida e bloqueada |
Calquera persoa pode editar na Wikipedia. Ademais, recoméndase encarecidamente que os usuarios que editan a wikipedia rexistren un nome de usuario. Así conformarase ao longo do tempo un historial de edicións e unha identidade wikipédica, que axuda os outros editores a relacionarse con el, que serve tamén como referencia para identificar os intervintes nos debates e conversas e que nos permite a todos e todas votar e crear unha comunidade maior.
Aínda que non é frecuente, algúns wikipedistas crean ás veces contas alternativas á súa conta principal, que é a que ten máis antigüidade e maior número de edicións. Porén, son moi poucos os casos en que deberían admitirse estas prácticas. En particular, non se poden usar contas alternativas para evitar o control, para confundir os demais, para facer edicións prexudiciais ou para provocar polémicas ficticias. O uso ilexítimo de contas alternativas debería desencadear unha acción de bloqueo.
Un monicreque é o unha conta alternativa que se usa co propósito de enganar. Non se pode empregar unha conta alternativa para votar máis dunha vez un mesmo tema ou para canear a aplicación das normas da wikipedia. Se alguén necesita empregar usuarios alternativos, debería sempre achegar ligazóns entre as distintas contas, de xeito que se evitasen as sospeitas de que anda a fedellar con monicreques.
Agrúpanse nestas normas antimonicreques todos os aspectos relacionados coa multiplicación de personalidades wikipédicas.
Os monicreques
[editar a fonte]Os wikipedistas aprezan o uso do consenso para tomar decisións e asumen que a maior parte da xente tenta axudar a Galipedia. Os monicreques válense desta boa fe para conseguir os seus fins de desequilibrar un debate ou de evitar as sancións. Por este motivo na Galipedia non se pode empregar monicreques e no suposto de que sexan utilizados tomaranse as medidas que cumpran para protexer a comunidade das súas accións, ben co bloqueo da conta principal ou ben, en casos extremos, coa expulsión da Galipedia.
Loxicamente, como en realidade son outra persoa, os monicreques adoitan ter unha maior familiaridade coas normas e recursos da wikipedia e cos seus procedementos de edición cós recén chegados. Xa que logo, dende o comezo ou case farán resumos de edición, entrarán en guerras de edición, participarán en debates sobre artigos para borrar ou votarán na elección de administradores. Tamén é moi posible que centren os seus obxectivos nun só artigo, e que reduzan as súas edicións a el.
Monicreques electorais
[editar a fonte]Como a Galipedia se apoia no principio de "unha persoa, un voto", os monicreques poden tentar interferir nas eleccións, nos debates de borrado e en xeral en todas aquelas conversas onde se producen acordos e discordancias, sumando votos extra á opinión da conta principal. Pero tamén interfiren cando realizan opinións redundantes ás xa emitidas, e que dan a impresión dun falso consenso aínda que non se estea votando. Tamén poden usarse maliciosamente para romper un debate, a modo de trol, que é outro xeito de influír na opinión da Galipedia.
Canear normas
[editar a fonte]As normas e as sancións van dirixidas contra as persoas, non contra as contas de usuario, así que un non pode valerse de monicreques para violar o espírito das normas sobre número de edicións, sobre bloqueos, sobre prohibicións ou sobre corentenas. O uso de monicreques con este fin debería acarrexar o reinicio do cómputo da sanción e incluso a súa extensión.
Facundos
[editar a fonte]Facundo era o nome do boneco co que o Mago Antón fixo os seus primeiros espectáculos como ventrílocuo. No contexto da wikipedia, un 'facundo' (en inglés 'meatpuppet') é un usuario que edita por boca doutro usuario. Aínda que a wikipedia parte da asunción da boa fe, e particularmente cos novos usuarios, débese desaconsellar e combater o recrutamento de novos wikipedistas que veñen á Galipedia co propósito de influír nun punto de vista, de realizar trocos concretos ou de aparentar un consenso irreal. Un editor novo que ten o mesmo comportamento ca outro nos mesmos contextos e que semella editar na Galipedia só para reforzar o posicionamento do outro, debe ser sancionado ao igual có usuario que fala por boca del.
Non recrute 'facundos'. Non lles envíe artigos da Galipedia aos seus amigos, parentes ou aos grupos de presión que están de acordo con vostede, para que vaian á wikipedia e apoien o seu posicionamento nos debates. Se cre que non se lle fai caso abondo nunha conversa, o que debe facer é evitar ataques persoais, propor votacións ou usar calquera outro procedemento para resolver conflitos que estea debidamente consolidado e que non consista unicamente en mudar unha actitude tendenciosa pola súa contraria.
A comunidade wikipédica segue algúns modelos de comportamento que reducen o dano causado polos posibles 'facundos'. Por exemplo:
- O consenso nos debates e conversas non se basea unicamente no número de votos, senón nos argumentos que empregan os distintos editores e que se apoian nas normas e políticas da wikipedia. É estraño que un recén chegado entenda todo o catálogo de normas e prácticas da Galipedia ou que coñeza referencias que os usuarios veteranos aínda non mencionaron. Non é que a opinión dun novato valia menos, pero é máis difícil para un novato emitir unha opinión realmente valiosa.
- Nas votacións e nos procesos semellantes, non se valora da mesma forma os usuarios veteranos e os novos usuarios, particularmente se moitos destes expresan a mesma opinión ao unísono.
- En caso de conflitos, o comité de arbitraxe da wikipedia inglesa decidiu considerar como un só usuario a grupos de usuarios sobre os que existen dúbidas de se serán monicreques ou 'facundos' dalgún outro usuario.
Monicreques administradores
[editar a fonte]A Galipedia xa rexeitou enerxicamente os casos en que unha persoa controlaba varios usuarios con categoría de administrador. Se un administrador deixa de selo, e tempo máis tarde regresa cun novo nome e resulta elixido de novo como administrador, debe abandonar o uso da conta vella. Na historia da wikipedia inglesa, que ten un grandísimo número de usuarios e de tarefas de administración que realizar, só houbo tres casos de usuarios con contas alternativas lexítimas de nivel de administración, e en todos eles as tarefas e cometidos eran claramente distintos.
Homes de palla
[editar a fonte]Un tipo específico de monicreque é o que se coñece como homes de palla. A súa función é inmolarse nunha discusión presentando os peores argumentos posibles para que as posicións opostas defendidas polo seu operador acaben triunfando. As súas achegas son pobres e doadamente rebatibles, amosan lagoas de información e a miúdo son agresivos e intolerantes. O seu efecto é confundir o debate e inclinar a balanza para un lado interesado.
Contas alternativas
[editar a fonte]As contas alternativas son as segundas contas rexidas pola mesma persoa, sexan lexítimas ou ilexítimas. Tecnicamente, considérase que dúas contas son alternativas se as opera o mesmo editor, e se unha edición da conta B se sitúa despois e antes de dúas edicións da conta A. Porén, tamén poden considerarse contas alternativas determinadas situacións onde unha nova conta substitúe unha conta anterior xa pechada.
O solapamento de edicións entre dúas contas non é o único modo de detectar contas alternativas. O consenso tamén pode determinar que dúas contas son alternativas aínda se non se pisan no tempo ou se só unha está actualmente activa a partir do exame do historial das edicións.
Hai unha gran diferenza entre un editor que usa inaxeitadamente unha conta alternativa e un que manexa monicreques, e por esa razón, e grazas á presunción da boa fe, o editor que use indebidamente contas alternativas non ten por que ser castigado. Pero o uso inaxeitado de contas alternativas pode facer que se extremen as precaucións sobre ese editor e as súas contas alternativas futuras, e se reincidise, podería verse como un intento de canear as normas e as sancións da comunidade. Así que nese caso non estariamos a falar dunha conta alternativa, senón dun monicreque, e deberían tomarse as medidas axeitadas.
Usos ilexítimos
[editar a fonte]Evitar o control
[editar a fonte]As contas alternativas non deberían empregarse para facer cousas que non debe facer tampouco a conta principal. Ao usar unha conta alternativa, vostede consegue que non se lle poida seguir a pista nin detectar modelos de comportamento nas súas edicións. Tamén transgrede as normas da Galipedia crear contas alternativas ou editar contidos a través da IPs anónimas, para confundir os demais ou para evitar que os demais controlen, con todo dereito, as achegas e contribucións dos usuarios.
Poli bo, poli malo
[editar a fonte]En concreto, non se permite o uso de contas alternativas para pexar ou prexudicar as conversas e debates nestes sentidos:
- facer de "poli malo" e estorbar discusións ou crear polémicas artificiais. Non se pode consentir que alguén use unha conta boa para traballar e outra mala para prexudicar o debate.
- facer de "poli malo" e entrar en conflitos mentres o "poli bo" intervén nos debates como administrador presuntamente neutral protexendo a páxina ou aplicando a regra das tres reversións.
Usos lexítimos
[editar a fonte]Hai pouquísimos casos onde o uso de contas alternativas é lexítimo e axeitado. Estes son os casos en que os editores poden empregalas:
Separar contribucións e cuestións de seguridade
[editar a fonte]- Un editor que faga contribucións moi importantes nun campo onde teña unha sona de coñecemento e calidade de edición, pode crear un usuario alternativo para facer achegas puntuais noutros campos marxinais que, en certa forma, poderían luxar a súa reputación (por exemplo, se unha especialista en química orgánica crea unha conta alternativa para publicar unhas imaxes das súas vacacións no sur de Turquía co fin de ilustrar artigos).
- Como algúns computadores públicos poden ter troianos ou virus ladróns de contrasinais, pódese empregar ocasionalmente e dende estes computadores unha conta alternativa para que a habitual non se vexa afectada polos ataques, ataques que poden acabar danando o conxunto da Galipedia.
- Un editor de personalidade real coñecida ou coñecible no seu contorno, pode crear unha conta alternativa para realizar artigos de carácter polémico que lle poidan representar problemas na súa vida diaria ou no seu traballo; por exemplo, se un executivo dunha empresa téxtil realiza artigos sobre explotación laboral infantil. De todos os xeitos, débese ter presente que a Galipedia debe presentar a información conforme un punto de vista neutral).
Contas espellismo
[editar a fonte]As contas espellismo, chamadas en inglés contas doppelgänger, son contas rexistradas polos editores para evitar que sexan creadas e vandalizadas por outros usuarios. Por exemplo, se existe un editor chamado Nepomuceno, este pode crear unha nova conta chamada Nepomuzeno para evitar que algún vándalo a cree e a empregue con fins perversos. Estas deberían estar marcadas cun modelo específico ({{ContaEspellismo}}), ou redireccionar directamente á conta de usuario habitual. A conta espellismo non se debe usar nunca para facer ningún tipo de edición.
Lavar o pasado
[editar a fonte]Se ten vostede un mal historial como editor da Galipedia, abondoso en vandalismos, desputas ou ataques persoais, e decide mudar a súa forma de proceder, pode deixar de usar a conta antiga e trocala por unha nova para comportarse ben a partir de agora. Con todo, debe ter presente que:
- Se segue editando os mesmos artigos ou se o seu xeito de redactar e de actuar é tan recoñecible que pode ser identificado rapidamente, é fácil atar os cabos e que reciba un castigo aínda maior. Se de verdade muda a súa forma de actuar, vai ser moi difícil que se poidan atar eses cabos.
- Se segue usando as dúas contas ao mesmo tempo, é posible que un checkuser se decate e o recoñeza.
Este método de lavar o pasado é unha xenerosa opción que lle ofrece a Galipedia: non se aproveite dela nin a empregue para enganar ou prexudicar os demais.
Bots
[editar a fonte]Os editores que operan bots (programas de edición automática ou semiautomática) deben crear usuarios específicos e someter previamente eses usuarios á aprobación da comunidade (véxanse as normas para aprobación de bots).
Contas comunitarias
[editar a fonte]As contas comunitarias, aquelas que son operadas por distintas persoas, deben ser aprobadas especificamente e só en casos moi contados. Na historia da Galipedia, en varias ocasións usáronse contas colectivas para o traballo nas escolas. Aínda que obviamente foron creadas de boa fe, eses rexistros poden utilizarse despois e manipularse para incidir nas votacións ou para impedir a rastrexabilidade da edición. Tendo en conta que non podemos coñecer qué sucede cando acaba un exercicio ou un traballo escolar destas características, é aconsellable evitar tamén nestes casos as contas múltiples.
Porén, é moi posible que os medios técnicos convirtan en única solución viable a creación dunha conta colectiva no marco desas escolas. Neses casos deberase solicitar a aprobación da conta colectiva, e manterase un rexistro de contas colectivas para evitar que actúen en votacións, en conversas, etc. Ademais, as contas colectivas deberán estar marcadas claramente como tales na súa páxina de usuario, o que facilitará tanto o labor docente como o dos demais editores da Galipedia.
Para evitar conflitos innecesarios de IP os usuarios pertencentes a un proxecto educativo deberían incluír un marcador que os recoñeza como tales, que ligue cara ao usuario do proxecto, e que categorice a todos estes usuarios. Ademais os proxectos educativos deberían ter outro marcador para que se censasen e categorizasen correctamente. Para todas estas cuestións, véxase Como traballar coa Galipedia nas escolas.
O emprego de contas colectivas sen autorización previa é moi probable que remate en bloqueo.
Identificación de contas alternativas
[editar a fonte]Se alguén usa unha conta alternativa, debe incluír en todo momento ligazóns entre unha e outra que permitan a identificación clara e sen ambigüidades entre eles. Para facelo, debe aplicar o modelo {{ContaAlternativa}} na alternativa e {{ContaMestra}} na principal.
Marcaxe e tratamento de presuntos monicreques
[editar a fonte]O proceso contra un presunto monicreque debe abrirse a través da páxina Wikipedia:Presuntos monicreques explicando os motivos que se desprenden das dúas edicións. No momento en que haxa un checkuser funcionando na Galipedia, poderase ademais acudir á información facilitada por este sistema para identificar correctamente os monicreques. Débense bloquear os monicreques e os seus operadores, e tamén se deben marcar axeitadamente as súas páxinas de editor e de conversa.
Avisos
[editar a fonte]Se cres que alguén está a usar monicreques ou facundos, e queres que se investigue a cuestión, debes deixar aviso na páxina Wikipedia:Presuntos monicreques e seguir as instrucións que se recollen nela. Nalgúns casos, ademais, pode ser interesante incluír os avisos no taboleiro dos administradores.
Checkuser
[editar a fonte]Na Galipedia aínda non existe ningún checkuser propio. Pero é posible acudir a checkusers comúns para desvelar a existencia de monicreques nalgúns casos complexos, posto que rastrexan os servidores e os logs das edicións. Os checkusers deberían empregarse unicamente en casos contados e ben razonados, polo que as situacións que non sexan extremas ou onde se queira satisfacer a simple curiosidade no marco de debates correntes, seguramente acabarán nunha solicitude rexeitada. Con todo, é importante sinalar que os checkusers identifican a existencia de monicreques, pero non demostran a súa inexistencia.
Acusacións non demostradas
[editar a fonte]Nalgúns casos seguramente non se poida demostrar a existencia de monicreques, máis ca nada porque este tipo de contas argallan todo tipo de renarterías para camuflárense. Ademais, aínda que se poidan percibir coincidencias en intereses e en estilos de edición, quizais non sexa doado coñecer tan ben as dúas contas como para establecer inequivocamente unha relación de operador-monicreque. Hai que ter en conta que determinadas cuestións polémicas poden ser panais de mel que atraian distintos editores, moitas veces con puntos de vista ideolóxicos, políticos ou relixiosos semellantes.
Se te acusan de ser un monicreque e non o es, non o tomes como algo persoal. Sigue facendo as cousas ben e o teu historial de edicións falará por ti.
Bloqueo
[editar a fonte]Cando se identifique un monicreque, a súa conta debe quedar bloqueada a perpetuidade, agás que sexan contas anónimas presentadas cunha IP, co que deberían terse en conta as restricións de bloqueo que operan sobre este tipo de usuarios. Os operadores deberán tamén ser bloqueados durante o tempo que estime axeitado o administrador.
Marcaxe
[editar a fonte]Existen diversos marcadores para sinalar os editores que poden estar ou están implicados nun caso de monicreques. Aquí ofrécense uns exemplos, aínda por elaborar, e que non forman parte da norma.
Marcaxe como posíbel monicreque
[editar a fonte]- Conta sospeitosa - {{Monicreque|1=Nome do usuario|proba=[[Ligazón da proba]]}}
- IP sospeitosa - {{IPMonicreque|1=Nome do usuario|proba=[[Ligazón da proba]]}}
Marcaxe como monicreque
[editar a fonte]- Páxina de usuario {{Monicrequeprobado|1=Nome do usuario|proba=[[Wikipedia:Presuntos monicreques/Nome de usuario]]}}
- Páxina de usuario identificada por un checkuser {{Monicrequecheckuser|1=Nome do usuario|actuación do checkuser]]}}
- Páxina de conversa bloqueada: {{Bloqueopormonicreque}}
- Páxina do operador do monicreque: a conta principal do operador deberá incluír o marcador {{Operador de monicreques}}
Marcaxe e tratamento de contas alternativas ilexítimas
[editar a fonte]Como xa vimos, non se debe empregar contas alternativas, e facelo pode acabar igualmente en bloqueo. Débese usar o consenso para clarificar cando o uso dunha conta alternativa é lexítimo ou ilexítimo, e tamén para bloquear un destes usuarios, se ben en casos claros tamén é unha decisión que pode tomar autonomamente un administrador. O debate sobre estas cuestións debería ser cando menos dunha semana. Cando exista unha decisión, débese notificar no taboleiro dos administradores e un destes debe pechar o debate con modelos ao principio e ao remate do artigo.