Wikipedia:Preguntas máis frecuentes/Xeral
Aparencia
Volver á páxina de axuda. |
Preguntas máis frecuentes xerais
Que é a Wikipedia?
[editar a fonte]- A Wikipedia é unha enciclopedia en liña de contido libre que calquera pode editar. A tecnoloxía wiki na que está baseada permite a súa edición por calquera usuario desde un navegador web. O cofundador da Wikipedia, Jimmy Wales, describiuna como "un esforzo para crear e distribuír unha enciclopedia libre multilingüe da mellor calidade para calquera persoa do planeta na súa propia lingua". Deste xeito, a Wikipedia está dispoñible en moitas linguas e é desenvolvida de xeito colaborativo por centos de voluntarios co obxectivo de levar o coñecemento a aquel que ande á súa procura.
Que é a Galipedia?
[editar a fonte]- É o nome que a comunidade de editores lle deu á Wikipedia en galego. A Galipedia botou a andar o 8 de marzo de 2003. Agremon, o administrador galego máis antigo, foi o primeiro en empregar o alcume.
En que lingua podo escribir na Galipedia?
[editar a fonte]A Galipedia é unha enciclopedia en galego, seguindo a Normativa oficial do galego da RAG, polo que debes usar este idioma ao escribir artigos nela. Os artigos creados en calquera outra lingua serán borrados, pois xa existen as correspondentes versións da Wikipedia en máis de 270 linguas. Se tes dificultades coa lingua galega, podes buscar información na Normativa oficial do galego ou no Curso de lingua galega.
A quen pertence a Wikipedia?
[editar a fonte]- A quen pertence a enciclopedia? Os artigos albergados neste sitio libéranse por parte dos seus autores baixo a licenza CC-BY-SA (e, nos máis dos casos, tamén baixo a licenza de documentación libre de GNU), de modo que os artigos son de contido libre e poden ser reproducidos libremente baixo a mesma licenza. Véxase Wikipedia:Dereitos de autor para obter máis información sobre como podes empregar os contidos da Wikipedia.
- Por lei, as contribucións aínda pertencen ás persoas que as doaron. Esta xente non está vinculada pola licenza e poden usar a súa propiedade da maneira que queiran.
- A quen pertence a páxina web? A Wikipedia está xestionada por unha organización sen fins lucrativos, a Fundación Wikimedia, a cal tamén xestiona a operación dos proxectos irmáns da Wikipedia, xunto aos nomes dos seus respectivos dominios. Anteriormente, o sitio estaba aloxado nos servidores de Bomis, Inc., unha compañía da que Jimmy Wales é propietario en gran medida. Co anuncio da Fundación Wikimedia o 20 de xuño de 2003, a propietaria de todos os nomes dos dominios pasou a ser a Fundación. O sitio está mantido pola comunidade de wikipedistas guiados por uns principios expresados por Jimmy Wales.
Quen son os responsables dos artigos da Wikipedia?
[editar a fonte]- Ti mesmo! De feito, mesmo podes editar estas preguntas frecuentes, se consideras que a edición que farás é útil. Isto constrúese mediante o esforzo colaborativo. Milleiros de persoas contribuíron con información en diferentes partes deste proxecto, e calquera pode facelo; ti tamén. Todo o que necesitas saber é como editar unha páxina e ter algún coñecemento enciclopédico que queiras compartir. A enciclopedia dá aos usuarios bastante liberdade.
- Podes descubrir quen foron os responsables das versións máis recentes de calquera páxina premendo na ligazón "historial". Con todo, se ves un erro na última revisión dun artigo, animámoste a ser valente e corrixilo. Esta práctica é un dos mecanismos básicos que manteñen a fiabilidade da enciclopedia. Como resultado, a Wikipedia converteuse nunha das bibliotecas de información máis extensas dispoñibles na internet.
- Se non estás certo ou atopas unha redacción algo confusa, cita o material na páxina de conversa asociada e deixa unha pregunta para a seguinte persoa. Isto axuda a reducir os erros, as inexactitudes ou as carencias que teña o texto, e é unha cousa moi apreciada pola comunidade.
Pódense asinar os artigos?
[editar a fonte]- Non. A Wikipedia é unha enciclopedia na que pode colaborar libremente toda aquela persoa que o desexe. Un mesmo artigo puido ser editado por varias persoas, polo que non tería sentido que estivese asinado. De todos os xeitos, as túas contribucións quedan recoñecidas no historial da páxina, co teu nome de usuario ou co enderezo IP, se colaboras anonimamente.
- O que si debes é asinar os teus comentarios nas páxinas de conversa e mais nas votacións.
Como podo contactar co proxecto?
[editar a fonte]- Dada a enorme natureza colaborativa do proxecto, non existe un único punto de contacto. Jimmy Wales, Florence Devouard e o resto de membros do consello son incapaces de tratar pequenos problemas, e os correos electrónicos que se lles envíen serán simplemente redirixidos cara ao grupo de voluntarios. No canto disto, a Wikipedia mantén varias listas de correo, máis axeitadas para as preguntas sobre o proxecto. As listas atópanse en meta:mailing lists. Tamén existe unha lista de correo da Fundación e o proxecto Meta-Wiki para os asuntos sobre todos os proxectos.
- Por outra banda, se o que desexas é poñerte en contacto cun usuario en particular, déixalle unha mensaxe na súa páxina de conversa persoal. Moitos dos usuarios tamén teñen rexistrados enderezos de correo electrónico, aos que enviar a túa mensaxe a través da ligazón "Enviar un correo electrónico a este usuario" que haberá na súa páxina de usuario.
- Outro xeito de que nos chegue a mensaxe é mediante a sección "xeral" da nosa Taberna. Escribe aló a túa mensaxe e de seguro alguén cha responderá.
Que é Nupedia?
[editar a fonte]- Nupedia, unha enciclopedia máis formal, foi a predecesora da Wikipedia. O proxecto agora xa non existe.
Debo crear unha conta? Podo editar os artigos de xeito anónimo?
[editar a fonte]- Os editores en posesión dun nome de usuario contan con varios beneficios. A reputación positiva gáñase con traballo de calidade, que se consegue mediante un historial de edicións recoñecido pola comunidade. Ademais, algúns colaboradores comproban que ás veces é difícil pórse en contacto cun usuario anónimo para axudalo co seu traballo e responder as súas preguntas.
- Por outra banda os wikipedistas con nome de usuario son máis anónimos ca aqueles non rexistrados. Isto débese a que calquera pode ollar o enderezo IP dun usuario que non accedeu ao sistema cando editou; o IP do usuarios rexistrados queda agochado. Por este motivo, se estás preocupado polo anonimato e mais a protección dos teus datos, seica é preferible que crees unha conta.
- Porén, a edición sen ter rexistro acéptase sen problemas. Moitos valiosos usuarios elixiron esta opción. As desvantaxes disto é que non poden mover páxinas ou editar algunhas que están protexidas fronte á edición para previr vandalismos.
Como sabedes que a información é correcta?
[editar a fonte]- Partindo da base de que calquera pode editar os artigos, si, é posible que haxa publicada información parcial, desactualizada ou incorrecta. Non obstante, dado que hai moita outra xente lendo os artigos e levando conta das contribucións do resto a través da páxina especial dos cambios recentes, aquilo incorrecto normalmente corríxese de contado. En consecuencia, a fiabilidade do conxunto da enciclopedia mellórase en cada momento. Animámoste a que corrixas artigos e proporciones referencias útiles que avalen os contidos.
Como evitades que os vándalos arruínen os artigos?
[editar a fonte]- Todas as modificacións feitas nunha páxina quedan rexistradas nun "historial de revisións", de modo que calquera desfeita realizada neles pode ser substituída por unha versión vella. Con este propósito, os cambios recentes feitos na Wikipedia aparecen automaticamente nunha páxina especial para que a comunidade os controle.
- Hai moita xente que dedica un chisco a revisar a lista de cambios recentes. Os usuarios interesados en páxinas en concreto poden engadilas ás súas listas de vixilancia para recibiren notificacións das actualizacións das mesmas. Ademais, calquera dos moitos lectores que visitan a Wikipedia pode corrixir a información vandálica ou errónea.
- Para cortar un problema recorrente, os artigos poden ser protexidos temporalmente e/ou o usuario pode ser bloqueado para que non poida editar.
Semella que o sitio X está a violar os dereitos de autor da Wikipedia. Vós sabédelo?
[editar a fonte]- Todo o texto presente na Wikipedia atópase baixo a licenza Creative Commons recoñecemento compartir igual (CC-BY-SA), e case sempre tamén baixo a licenza de documentación libre de GNU (GFDL). Temos identificados máis de 100 sitios que empregan contidos da Wikipedia, todos eles categorizados por grao de conformidade en Wikipedia:CC-BY-SA Compliance (en inglés) e Wikipedia:GFDL Compliance (en inglés). Wikipedia:Mirrors and forks (en inglés) ten máis información, incluíndo o proceder se alguén viola a licenza CC-BY-SA ou a GFDL.
Que software wiki executa a Wikipedia?
[editar a fonte]- A Wikipedia e os demais proxectos da Wikimedia empregan o software MediaWiki para facilitar a edición colaborativa e almacenamento de páxinas de historial.
- Para obter máis información sobre MediaWiki, bótalle un ollo:
- ao artigo sobre MediaWiki e
- á páxina web de MediaWiki.
Que pasa se dúas persoas editan un mesmo artigo á vez?
[editar a fonte]- Véxase Axuda:Conflito de edición para obter máis detalles.
Como de grande é a Wikipedia?
[editar a fonte]- Nestes intres a Wikipedia ten 216.251 artigos en total só na súa versión en galego.
- As páxinas Especial:Estatísticas e Wikipedia:Estatísticas teñen máis información sobre datos do proxecto.
Que podo facer ante contidos difamatorios ou unha invasión do anonimato?
[editar a fonte]- Grazas ao seu deseño, é moi doado editar a Wikipedia e simplemente reverter a información errónea ou daniña ti mesmo. No entanto, debido a que cada revisión queda rexistrada, cómpren algúns pasos especiais para eliminar por completo a edición do rexistro.
- O mellor é pedir axuda a un administrador en Wikipedia:Taboleiro dos administradores/Problemas varios para que se encargue disto.