Wikipedia:Tamaño dos artigos
Esta páxina é un ensaio, non se trata dunha política ou guía oficial. Contén recomendacións ou opinións dun ou máis usuarios da Wikipedia. Algúns ensaios representan normas e usos amplamente aceptados pola comunidade, mentres que outros só representan puntos de vista minoritarios. Os ensaios teñen unha función orientativa e informativa, mais en ningún caso normativa. |
Esta páxina en resumo: Os artigos deberían ter un tamaño axeitado ó seu contexto, nin demasiado extensos nin demasiado curtos. |
Esta páxina contén unha visión xeral dos principais problemas relacionados co tamaño dos artigos. Hai tres medidas principais á hora de determinar o tamaño dun artigo:
- Tamaño da prosa: a cantidade de texto visible na redacción principal das diferentes seccións do artigo, sen incluír táboas, listas ou seccións de notas.
- Tamaño do código wiki: a cantidade de texto na ventá de edición da páxina completa, que coincide coa conta de caracteres do historial da páxina.
- Tamaño da páxina no navegador: tamaño total da páxina cando se carga no navegador web.
As consideracións relacionadas co tamaño dun artigo inclúen:
- Problemas de lectura, como a retención da atención do lector, a facilidade da lectura, organización, saturación de información etc.
- Problemas de edición, como tensións nas páxinas de conversa, debates sobre contribucións triviais, debates sobre como dividir un artigo etc.
- Problemas de contribución, como que os artigos deixen de medrar significativamente cando acadan un determinado tamaño, malia que aínda exista información dispoñible sobre o tema que poida engadirse
- Outros problemas técnicos, como limitacións dos navegadores, velocidades lentas de carga etc.
Cando un artigo é demasiado grande, pode ser axeitado dividilo en artigos máis pequenos para deixar parte destes noutros artigos propios, ou trasladar unha parte do artigo a outro xa existente. Cando un artigo é demasiado pequeno, pode darse tamén o caso de que deba combinarse con outro artigo máis xenérico xa existente. Este tipo de decisións requiren un consenso. A licenza da Wikipedia obriga a que cando se copia o contido dun artigo a outro novo ou xa existente, deba incluirse un resumo de edición indicando a páxina de orixe do contido trasladado.