William Styron
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde agosto de 2012.) |
William Clark Styron, Jr., nado o 11 de xuño de 1925 e finado o 1 de novembro de 2006, foi un novelista e ensaísta estadounidense, premiado con importantes galardóns literarios.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]William Styron naceu no barrio histórico de Hilton Village, Newport News, Virxinia, no sur dos Estados Unidos, onde o autor medrou empapado da súa historia. O lugar dista arredor duns cen quilómetros de onde se produciu a revolta de escravos encabezada por Nat Turner que máis tarde Styron novelaría nun libro ben polémico.
Inda que os seus avós paternos tiñan sido propietarios de escravos, súa nai, ianqui, e seu pai, un sureño liberal, proporcionáronlle unha perspectiva máis ampla sobre as relacións raciais.
A súa nenez foi difícil. Seu pai, enxeñeiro naval, sufría depresión clínica, unha doenza que Styron herdou. Súa nai morreu en 1939, cando inda era neno, por causa dun cancro de mama despois de loitar durante unha década contra a enfermidade.
Styron educouse inicialmente na escola pública ata que foi enviado por seu pai a un internado episcopaliano, Christchurch School, na rexión de Virxinia denominada Tidewater. O autor ten dito que "de todas as escolas ás que fun ... só Christchurch obtivo de min algo máis que mero respecto; é dicir, afecto permanente e sincero."
Logo de graduarse, Styron estivo no Davidson College e ingresou en Phi Delta Theta, que abandonou para alistarse no corpo de Marines ao final da segunda guerra mundial. Chegou a tenente, pero os xaponeses rendéronse antes de que chegara a participar en accións bélicas no océano Pacífico.
Rematada a guerra matriculouse na universidade de Duke, onde se graduou en inglés. Alí foi onde publicou o seu primeiro relato, nunha antoloxía que recollía traballos de estudantes, baixo a evidente influencia de William Faulkner.
Obra e influencia
[editar | editar a fonte]Styron foi principalmente coñecido polas súas novelas, que inclúen
- Lie Down in Darkness (1951), que escribiu aos 25 anos;
- A longa Marcha (1956)
- Set This House on Fire (1961)
- As Confesións de Nat Turner (1967) (1967), narrada por Nat Turner, o xefe da revolta de escravos en Virxina en 1831; e
- A decisión de Sofía (1979), que trata, entre outros moitos temas o Holocausto.
A súa influencia e relevancia medrou coa publicación de Darkness Visible en 1990. Estas memorias, orixinariamente concibidas coma un artigo para unha revista, percorren o transo do escritor durante a súa depresión e a súa "cuasi-fatal noite de desesperanza máis alá de toda desesperanza."
Primeiras novelas
[editar | editar a fonte]Logo de graduarse en 1947, Styron traballou coma editor para McGraw-Hill en Nova York, algo que reflectiría negativamente en Sophie’s Choice, unha novela multifacética, e tamén autobiográfica. Fixo por que o despediran e púxose a traballar no seu primeiro proxecto narrativo serio, que desembocaría, tres anos despois, na novela Lie Down in Darkness (1951), unha especie de saga familiar ambientada en Virxinia. A novela foi fantasticamente recibida pola crítica, sendo incluso premiada: o prestixioso Premio Roma, concedido pola Academia Americana en Roma e a Academia Americana de Artes e Letras.
Xusto despois do premio foi novamente chamado a filas para participar na Guerra de Corea, onde finalmente non participou logo de librar en 1952 debido a problemas de visión. Todas estas vivencias persoais no exército, maioritariamente en Camp Lejeune en Carolina do Norte transformounas nunha novela curta, A longa Marcha, que publicou por capítulos durante 1953. En 1958 foi adaptada para o episodio Playhouse 90.
Styron pasou moito tempo en Europa. En París, cultivou amizades entre escritores coma Romain Gary, George Plimpton, Peter Matthiessen, James Baldwin, James Jones e Irwin Shaw, entre outros. O grupo fundou a revista Paris Review en 1953, unha publicación literaria que acadou moita sona.
O ano 1953 foi produtivo noutro sentido. Finalmente, e grazas ao Premio Prize, viaxou a Italia. Na Academia Americana, volveu atopar coa poeta de Baltimore, Rose Burgunder, a quen coñecera o outono anterior na Universidade Johns Hopkins. Casaron en Roma na primavera de 1953.
Algunhas das súas experiencias coláronse e inspiraron Set This House on Fire (1960), unha novela sobre intelectuais americanos expatriados na Riviera francesa. A novela recibiu, no mellor dos casos, críticas neutras ou indiferentes nos Estados Unidos, inda que a editorial cumpriu expectativas, no que a exemplares vendidos se refire. Con todo, en Europa, foi traducida ao francés e acadou a categoría de éxito de vendas, superando con moito a edición americana.
A controversia sobre Nat Turner
[editar | editar a fonte]Sobre a porta que dada acceso ao seu cuarto de traballo Styron colocou unha inscrición tirada de Gustave Flaubert que, traducida, ven dicindo que "trates de ser aburrido e ordenado na túa vida para poder ser violento e orixinal no teu traballo;" unha cita que resultaría ser profética, logo dalgúns anos, vistas as recepcións tan apaixonadas e variadas que tiveron os seus seguintes traballos.
Logo das primeiras malas críticas recibidas dende o inicio da súa carreira literaria, Styron empregou varios anos investigando e meditando os seus seguintes traballos. Un tempo no que compartiu o seu fogar con outros escritores, coma James Baldwin, que durante eses anos traballaba na súa obra Another Country, un libro duramente criticado por intelectuais próximos ao movemento reivindicativo afroamericano Black Power ao ter escollido a un branco coma protagonista da historia. Baldwin, tamén afroamericano, profetizou maiores problemas para o proxecto que Styron tiña entre mans. "Bill vai recibilas de ambos bandos," declarou nunha entrevista despois da publicación de As Confesións de Nat Turner en 1967.
Efectivamente, logo de recibir boas críticas por parte dos círculos literarios brancos, sendo agasallado incluso co Pulitzer en 1968, baseándose na idea de que era un traballo que viña por fin a sandar a fenda racial, e sendo tamén defendido o seu traballo por escritores afroamericanos coma Baldwin e tamén Ralph Ellison, a novela empezou a ser duramente anatemizada coma expresión encuberta dos vellos estereotipos raciais de tan longa tradición nos Estados Unidos.
Especialmente aguda foi a desafección expresada no grupo de ensaios contidos en John E. Clarke in William Styron's "Nat Turner": Ten Black Writers Respond (1968). Os cargos alegados son variados: apropiación indebida da voz do rebelde afroamericano por excelencia, falsificación intencionada da historia, ...
Pasaxes coma aquel en que Turner fantasea con violar a unha rapaza branca pola que sente unha forte atracción sexual e que resulta finalmente a única persoa á que é capaz de matar durante a revolta que instiga e protagoniza. Para moitos estas fantasías virían a xustificar, entre outras cousas, os linchamentos de afroamericanos que aínda se producían de cando en vez nos estados do sur.
Con todo, as vendas do libro foron enormes e o escritor seguiu a recibir outros premios, coma a Medalla William Dean Howells por parte da Academia Americana das Letras e das Artes.
A Decisión de Sofía
[editar | editar a fonte]Inda que o fervor que acompañou a publicación deste traballo en 1979 apenas igualou a que seguiu a As Confesións de Nat Turner, tamén suscitou reaccións a favor e en contra. Fundamentalmente a escolla dunha protagonista non xudía coma vítima do Holocausto provocou un forte debate.
A novela narra as vidas e relacións que se producen entre tres personaxes: Stingo, aprendiz de escritor e sureño, Nathan Landau, un xenio desequilibrado e xudeu, e Sofía, católica, polaca e supervivente ao campo de exterminio de Auschwitz.
Este libro tamén se converteu nun supervendas e recibiu numerosos premios; entre eles. o National Boowk Award en 1980. En 1982 apareceu unha película baseada na historia, protagonizada por Meryl Streep no papel de Sofía, Kevin Kline no papel de Nathan e Peter McNicol no de Stingo. A película recibiu cinco nomeamentos por parte da industria cinematográfica de Hollywood, sendo agasallada Meryl Streep co Óscar á mellor actriz protagonista dese ano.
Última etapa creativa
[editar | editar a fonte]En 1985, na gala onde lle era entregado o Prix mondial Cino Del Duca sentiu os primeiros síntomas dunha sombra que o perseguiu ata a súa morte e que afectou decisivamente o seu futuro creativo. Empezou entón unha dura loita contra a depresión, unha loita que recreou en Darkness Visible, un ensaio longo que publicou en 1985.
En 1995 publicou tres historias curtas baixo o título conxunto de Tidewater Morning, unha das cales, Shadrach, se converteu nunha película do mesmo título, codirixida pola súa filla Susanna, en 1998.
Styron morreu a causa dunha pneumonía o 1 de novembro de 2006, á idade de 81 anos en Martha's Vineyard. Está soterrado no West Chop Cemetery en Vineyard Haven, Dukes County, Massachusetts, Estados Unidos.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: William Styron |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- "Styron, William". Enciclopedia Galega Universal. Ir Indo. 1999-2002. ISBN 84-7680-288-9.
- Fernández del Riego, Francisco (1974). Letras do noso tempo. Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 978-84-7154-219-9.