Xemelgo
Chámanse xemelgos[1] dous ou máis irmáns que nacen dunha mesma xestación da nai, podendo ser idénticos ou non. Por extensión, os meniños nacidos de partos triplos, cuádruplos ou máis tamén son chamados xemelgos.[2] Malia non existir unha estatística precisa, estímase que un de cada 85 estados de gravidez vai con xemelgos.
Tipos de xemelgos
[editar | editar a fonte]Xemelgos bivitelinos
[editar | editar a fonte]Os xemelgos bivitelinos son dicigóticos ou multivitelinos, ou sexa, fórmanse a partir de dous óvulos. Nese caso prodúcense dous ovocitos e estes son fecundados por dous espermatozoides, formando así, dous embrións. Case sempre son formados en placentas diferentes e non comparten o saco amniótico. Os xemelgos fraternos non se asemellan moito entre si, poden ter, ou non, o mesmo grupo sanguíneo e poden ser do mesmo sexo ou non. En verdade son dous irmáns comúns que tiveron xestación coincidente. Representan o 66% de todas as xestacións de xemelgos, e neste tipo de xestación, un terzo ten sexos diferentes, mentres dous terzos o mesmo sexo. Un de cada millón de xemelgos deste tipo teñen cores diferentes, mesmo sendo do mesmo pai. É posíbel que xemelgos fraternos teñan pais diferentes.
Pode darse o caso de irmáns nacidos dun mesmo embarazo desenvolvidos a partir de dous óvulos que foron liberados do ovario simultaneamente e fertilizados na mesma relación sexual, porén tamén poden ser concibidos de cópulas distintas pero dunha mesma ovulación dupla. Poden ter ou non o mesmo sexo, e son diferentes tanto fisicamente como na súa constitución xenética e posúen dúas placentas e dúas membranas independentes e ben diferenciadas. A frecuencia dos xemelgos dicigóticos varía de acordo coa orixe étnica (máxima incidencia nas persoas negras, mínima nas asiáticas e intermedia nas brancas), a idade materna (máxima cando a nai ten de 35 a 39 anos) e a xenética, cunha maior incidencia da liña xenética materna que da paterna, aínda que os pais poden transmitir a predisposición á dupla ovulación aos seus fillos. En xeral, a proporción global é de dous terzos de xemelgos dicigóticos por cada un de monocigóticos (ou sexa, os xemelgos idénticos).
Xemelgos univitelinos
[editar | editar a fonte]Cando un óvulo é producido e fecundado por un só espermatozoide e se divide en dúas liñas celulares completas, dá orixe aos xemelgos idénticos, ou monocigóticos, ou univitelinos. Sempre posúen o mesmo sexo. Os xemelgos idénticos teñen o mesmo xenoma, e son clons un do outro. Só un terzo das xestacións xemelares son de xemelgos univitelinos. A pesar de seren considerados clons, os xemelgos idénticos non posúen as mesmas impresións dixitais. Iso débese ao feito de que, mesmo no pequeno espazo dentro do útero materno, os fetos teñen contacto con partes diferentes dese ambiente, o que confire pequenas variacións nas pegadas dixitais dos mesmos, tornándoos únicos.
Xemelgos xifópagos (siameses)
[editar | editar a fonte]Os xemelgos xifópagos, ou siameses, son monocigóticos, ou sexa, formados a partir do mesmo cigoto. Porén, nese caso, o disco embrionario non chega a se dividir por completo, producindo xemelgos que estarán ligados por unha parte do corpo, ou teñen unha parte do corpo común aos dous. O embrión de xemelgos xifópagos esta, logo, constituído de só unha masa celular, sendo desenvolvido na mesma placenta, co mesmo saco aminiótico.
Estímase que de entre 40 xestacións de xemelgos monocigóticas, unha resulta con xemelgos unidos por separación non completa.
Noutro tipo de xemelgos xifópagos (hoxe sábese que máis común) a unión acontece despois, ou sexa, son xemelgos idénticos separados que se unen nalgunha fase da xestación por partes semellantes: cabeza con cabeza; abdome con abdome; nádegas con nádegas etc. Cando vemos algunha nova de xemelgos que foron "separados" por cirurxía, trátase, case sempre, dun caso destes.
O termo "siameses" orixinouse dun famoso caso rexistrado deste fenómeno: os xemelgos Chang e Eng, que naceron no Siam, actual Tailandia, en 1811, pegados polo ombreiro. Casaron, tiveron 22 fillos e permaneceron unidos até o fin dos seus días, falecendo cun intervalo de 3 horas un do outro.
Múltiples
[editar | editar a fonte]O maior grao de xemelgos no que todos os bebés naceron e permaneceron vivos é de oito (óctuplos). Ata agora [cando?], no mundo enteiro, só foron rexistrados dous grupos de óctuplos. O primeiro caso ocorreu en decembro de 1998 en Texas[3] e o outro en xaneiro de 2009 en California, Estados Unidos[4]. No primeiro caso, sobreviviron sete meniños e no segundo, os oito.
As xestacións de máis de dous meniños representan o 1% de todas as xestacións de xemelgos. Poden ser idénticos, fraternos ou unha combinación dos dous tipos, meniños ou meniñas.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para xemelgo.
- ↑ Grávida de quadrigêmeos, mulher vira atração em Taubaté Arquivado 20 de marzo de 2012 en Wayback Machine., Terra Networks, consultado o 9 de xaneiro de 2012
- ↑ Óctuplos comemoram aniversário de 10 anos nos EUA
- ↑ "Mulher dá à luz óctuplos na Califórnia".