Xenovino
Xenovino | |
---|---|
Porta de castelo.
+I•A•N•V•A (flor) |
Cruz.
+•CVNRADVS•REX• |
Xenovino (1252). Conrado II (1252-1268). AU. 3,49 g. 20 mm. Ceca: Xénova. |
O xenovino (lígur: genovìn; italiano: genovino) foi unha moeda de ouro instituída na República de Xénova no século XII e cuñada desde o século XIII ata 1415, cando foi substituído polo ducado.
Caracterización
[editar | editar a fonte]Esta moeda tiña un peso de 3,49 gramos e un diámetro aproximado de 20 mm, e estaba cuñada en ouro de 24 quilates.[1][2]
A tipoloxía das primeiras emisións está caracterizada pola imaxe da porta dun castelo nos seus anversos (característica da moeda xenovesa), rodeada pola lenda +I•A•N•V•A ("porta" en latín"), que se pronuncia dun xeito moi semellante ao nome da propia cidade de Xénova no dialecto xenovés da lingua lígur.[2][3]
Pola súa banda, nos seus reversos amósase unha cruz rodeada pola lenda +•CVNRADVS•REX•, alusiva a Conrado II (1252-1268).[2][4]
Historia
[editar | editar a fonte]O xenovino foi creado mediante un edicto xenovés de 1149, aínda que a súa especie física non se cuñou ata un século despois.[5] As novas remesas de ouro que chegaron á Europa occidental que comezaron a chegar no século XIII procedentes do Sudán, a través das caravanas que cruzaban o Sáhara permitiron a Florencia e a Xénova o florecemento das súas cuñaxes neste metal.[3][6]
Neste contexto, o xenovino foi cuñado por vez primeira en 1952 a nome de Conrado II, pouco antes das primeiras emisións áureas florentinas.[1] Nesta primeira época, xunto coa unidade, cuñáronse tamén fraccións da oitava parte (ottavino) e da cuarta parte (quartarola)[7][8], e na época do Dux Simone Boccanegra (1339-1344 e 1356-1363) batéronse tamén cuartos e terzos (terzarola)[9].[5][10]
A partir do período de Boccanegra, as moedas de ouro amosan unha numeración consecutiva (por exemplo, DVX PRIMVS, DVX XVII etc.) en función do Dux que estivese no poder, o que permite aproximar a súa datación.[5]
Xa baixo o dominio francés, o rei Carlos VI (1396-1409) conservou a tipoloxía do xenovino. Os derradeiros xenovinos cuñados foron a nome do Dux Bernabé de Guano (DUX XVIII), que morreu apenas dez días despois de asumir o cargo, en 1415, polo que o número de exemplares cuñados foi moi escaso.[5]
O sucesor do xenovino foi o ducado, no propio 1415, que en Xénova conservou a tipoloxía da porta do castelo no anverso e a cruz no reverso.[5]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 "Genovino d'oro Arquivado 20 de setembro de 2020 en Wayback Machine.". Martinori, E. (1915). Páxinas 179-180.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 "1 Genovino I type". Numista.com
- ↑ 3,0 3,1 Cipolla, C. M. (2012). Le avventure della lira. Il Mulino. ISBN 978-8815240897
- ↑ "Genovino". Frey, A. R. (1916). Páxina 92.
- ↑ 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 "Genovino". En Münzen Lexikon. Reppa.de.
- ↑ Chapin Lane, F.; Kohl, B. G. (1987). Studies in Venetian social and economic history. Variorum. ISBN 978-0860782025. Páxina 348.
- ↑ "Quartarola". En Enciclopedia Italiana (1935). Treccani.
- ↑ Desimoni, C. D. (1890). Tavole descrittive delle monete della Zecca di Genova dal 1139 al 1814. Tip. del R. Istituto Sordo-Muti
- ↑ "Terzarola". En Enciclopedia Italiana (1935). Treccani.
- ↑ Janin, E. (1995). "Zecca di Genova: le frazioni del genovino d'oro". En A Campagna. Xaneiro/febreiro.. Artigo 8.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Xenovino |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Belaubre, J. (1996). Dictionaire de Numismatique mediévale occidentale. Leopard d'Or, París. ISBN 2-86377-121-3.
- Frey, A. R. (1916). A dictionary of numismatic names; their official and popular designations. American Journal of Numismatics. Vol 50.
- Martinori, E. (1915). La moneta. Vocabolario generale Arquivado 20 de setembro de 2020 en Wayback Machine.. Roma. Istituto italiano di numismatica.