Xeotéxtil
Os xeotéxtiles son unhas teas empregadas en obras de enxeñaría, especialmente cando se trata de construcións onde interveñen diferentes tipos de solos, cumprindo diversas funcións.
Funcións
[editar | editar a fonte]- Separar estratos diferentes, evitando a mestura indesexada dos materiais, por exemplo delimitando unha capa de drenaxe de area grosa do resto dun terraplén construído en arxila, evitando así que os fluxos internos de auga arrastren o material fino e chegue a colmatarse a capa drenante.
- Evitar a mestura indesexada de solos con características diversas, por exemplo evitando a mestura do material dun terraplén ou dique co material orixinal que se encontra debaixo.
Fabrícanse gran cantidade de xeotéxtiles con moi variadas características:
- Algúns xeotéxtiles teñen un espesor dalgúns cm, e unha estrutura permeable. Estes empréganse en drenes.
- Outros xeotéxtiles son impermeables, estes poden ser utilizados para impermeabilizar canles ou presas, xa sexa recubríndoos cunha capa de terra ou utilizándoos para aumentar a impermeabilidade de revestimentos de cemento.
- Algúns xeotéxtiles son resistentes á tracción, estes poden ser utilizados para aumentar a resistencia do solo fronte a deslizamentos, puidéndose formar taludes estruturados con xeotéxtiles.
Conceptos
[editar | editar a fonte]- Tecidos: As fibras oriéntanse en dúas direccións (trama e urda).
- Non tecidos: As fibras que conforman o xeotéxtil están dispostas ó chou.
- Filamentos continuos: Os filamentos do xeotéxtil non tecido que conforman o produto final son infinitos.
- Fibras cortadas: Os filamentos do xeotéxtil que compoñen o produto final posúen lonxitudes determinadas.
- Agullados, punzonados ou aburatados: Os filamentos do xeotéxtil non tecido únense mediante unión mecánica a través de agullas dispostas na parte inferior e superior da napa de filamentos e que entran e saen a gran velocidade da napa cohesionando e entrelazando os filamentos.
- Termosoldados: Os filamentos están unidos mediante calor a través dun proceso de termofusión.
Xeotéxtiles segundo a súa forma de fabricación
[editar | editar a fonte]Tecidos: A malla está tecida con fibras en dúas direccións.
- Tecidos planos.
- Tricotados.
Non Tecidos: Fibras entrelazadas en forma aleatoria ligadas mediante procesos mecánicos, térmicos ou químicos con filamento continuo.
- Agullados.
- Termosoldados.
Mixtos: A malla componse de fibras cortadas.
- Agullados.
- Agullados e termoselados.
Tipos
[editar | editar a fonte]Os xeotéxtiles agullados de fibra cortada non sometidos ao proceso de termofusión son materiais cunha mínima resistencia mecánica, xa que ao non haber unión entre os seus elementos e non estar ligados entre si, poden ser perforados con facilidade ante a aplicación dunha forza perpendicular porque ábrense as súas fibras sen ofreceren resistencia, ao mesmo tempo os esforzos de tracción sepáraas desenlazándoas.
Os xeotéxtiles só termosoldados non teñen espesor, a súa elongación é menor que os agullados.
Os xeotéxtiles agullados de filamento continuo, ou agullados e termosoldados, posúen alta resistencia mecánica para evitar a rotura, tamén posúen espesores adecuados para cumpriren coa súa función de drenaxe e función de protección das xeomembranas e funciona con efecto colchón.
Propiedades
[editar | editar a fonte]O xeotéxtil é unha malla composta por fibras sintéticas cuxas funcións principais baséanse na súa resistencia mecánica á perforación e tracción, e á súa capacidade drenante.
Serven na construción de sub-bases de estradas e ferrocarrís, en presas, evitan posibles erosións, realizan funcións de drenaxe en canles, muros de contención etc.
Os xeotéxtiles serven para separar terras de diferente granulometría estabilizando o terreo, para protección de láminas impermeabilizantes.
Separación
[editar | editar a fonte]A separación impide o contacto entre dúas superficies de distintas propiedades físicas, o cal evita a súa mestura e contaminación, aínda que permite o fluxo libre de líquidos filtrándoos a través do xeotéxtil, pode ser entre dúas capas diferentes: p. ex. de solo achegado ou entre solo natural e de achega. Para evitar a mestura de materiais debe soportar as cargas estáticas e dinámicas do material de achega e do tráfico durante a súa colocación, así como tamén a retención de finos.
O polipropileno mantén ao téxtil estable ante a alcalinidade do cemento e inerte fronte aos diversos elementos químicos presentes no terreo.
Nos xeotéxtiles para separación deben terse en conta os seguintes aspectos:
- Resistencia á tracción.
- Resistencia ao punzonamento.
- Elongación á rotura.
- Perforación dinámica por caída libre de cono.
- Abertura de poros eficaz.
- Espesor do xeotéxtil.
Filtración
[editar | editar a fonte]A filtración é a propiedade de retención dun material de certas partículas sometidas a forzas hidrodinámicas, á vez que permite o traspaso de fluídos. A función de filtro debe garantir a súa estabilidade hidráulica.
Nesta función de filtración deben terse en conta os seguintes parámetros:
- Permeabilidade.
- Abertura eficaz dos poros.
- Espesura do xeotéxtil.
Drenaxe
[editar | editar a fonte]A drenaxe é o proceso mediante o cal se realiza a pasaxe dun lugar a outro dun fluído evacuándoo. Desta xeito efectúase a eliminación por evacuación polo xeotéxtil sen producir o lavado de finos.
Nesta función de drenaxe deben terse en conta os seguintes parámetros:
- Permeabilidade no plano do xeotéxtil.
- Espesura do xeotéxtil.
Reforzo
[editar | editar a fonte]Certos xeotéxtiles posúen propiedades mecánicas que permite a súa utilización como reforzos, diminuíndo o nivel de cargas sobre o terreo porque realiza un traballo homoxeneizando as cargas sobre unha superficie extensa, mellorando tamén a calidade de soporto do solo.
Consideramos dous tipos de reforzos:
- Reforzo na tracción, eliminando as forzas de envorcadura. Por ex.: en muros de contención, por intercalación do xeotéxtil cara ao interior do muro.
- Estabilización do solo mediante confinamento de partículas evacuando por supresión a auga contida.
Nesta función de reforzo deben terse en conta os seguintes parámetros:
- Curva de deformación.
- Resistencia mecánica á tracción, punzonamento e desgarro.
- Fluencia, fatiga e fricción contra o terreo.
Protección
[editar | editar a fonte]A función de protección permite que o sistema xeotécnico non se deteriore. O xeotéxtil actúa protexendo xeomembranas impermeables; de modo que impide que se produzan danos mecánicos de abrasión ou punzonamento.
Nesta función de protección deben terse en conta os seguintes parámetros:
- Resistencia ao punzonamento.
- Perforación dinámica por caída libre de cono.
- Espesura (efecto colchón para protección da xeomembrana).
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Xeotéxtiles (en castelán)