Saltar ao contido

Xerox Alto

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Ordenador Xerox Alto

Xerox Alto foi un ordenador desenvolvido por Xerox PARC en 1973 como un computador de uso individual, constituíndo un antecedente dos ordenadores persoais, aínda que non era un ordenador doméstico. Foi o primeiro ordenador cunha interface gráfica de usuario (GUI), valíase para iso dunha metáfora de escritorio e un rato e serviulle de referencia a Steve Jobs para o Apple Lisa e os primeiros modelos de Macintosh[1]

Desenvolvemento

[editar | editar a fonte]

Foi deseñado por un equipo dirixido por Charles P. Thacker[2], baseábase no oN-Line System que deseñara Douglas Engelbart. En decembro de 1972 Butler Lampson enviulle un memorando a Xerox PARC para a montaxe dos primeiros aparellos. Xerox subcontratou a Clement Designlabs para a realización dunha primeira tiraxe de 80 unidades, fabricándose nos dez anos seguintes uns 2000 computadores, pero non se creou unha versión comercial. Xerox doou 50 unidades a varias universidades norteamericanas e aínda que moitas organizacións amosaron interese en ter Xerox Alto para probalos, Xerox decidiu só manter catro lugares de ensaio: A Casa Branca, a Cámara de Representantes, Atlantic Richfield Company e as oficinas de Xerox en Santa Clara[3]

Arquitectura

[editar | editar a fonte]
Rato do Xerox Alto

Xerox Alto tiña unha unidade aritmético-lóxica bit-slice baseada no chip 74181 de Texas Instruments, un almacenamento de control ROM con expansión escribible e tiña 128 KB de memoria principal, expandible a 512 KB. O almacenamento realizábanse nun disco duro que usaba un cartucho extraíble de 2.5 MB, semellante os que empregaba o IBM 2310. A base da máquina e a unidade de disco estaban montadas nun armario compacto. A Unidade Central de procesamento (CPU) era un procesador microprogramado que utilizaba microcódigo para a maior parte das operacións de entrada/saída, en vez de hardware. A máquina de microcódigo realizaba 16 tarefas, unha para executar o conxunto de instrucións normal e o resto controlaban diferentes funcións, como a visualización, o refresco de memoria, o disco ou rede.

Contaba con conexión Ethernet e viña integrado cun monitor CRT con dous niveis (branco e negro) montado de forma vertical. Os seus dispositivos de entrada eran un teclado, un rato de tres botóns e un teclado de funcións opcional.

  1. Walter Isaacson Steve Jobs, páxina 145
  2. Memorando de Xerox Alto
  3. Douglas K. Smith Fumbling the Future: How Xerox Invented, Then Ignored, the First Personal Computer (1999) Bloomington:iUniverse, páxina 211