Xilulosa 5-fosfato
Xilulosa 5-fosfato | |
---|---|
Nome IUPAC | (2,3,5-Trihidroxi-4-oxopentil) dihidróxeno fosfato |
Outros nomes | D-xilulosa-5-P 5-O-fosfonato-D-xilulosa [1] |
Fórmula empírica | C5H11O8P |
Masa molecular | 230,109 g/mol |
Estado físico/Cor | |
Número CAS | 60802-29-1 |
Propiedades | |
Densidade | |
Punto de fusión | |
Punto de ebulición | |
Solubilidade en auga |
A xilulosa 5-fosfato [2] ou xilulosa-5-fosfato [3][4] é unha molécula do monosacárido D-xilulosa cun fosfato esterificado no carbono 5. Trátase dun azucre de 5 carbonos (pentosa) cun grupo cetona (cetosa) no carbono 2, fosforilado no carbono 5. Intervén na ruta da pentosa fosfato e no ciclo de Calvin da fase escura da fotosíntese. Ademais desta función nesas rutas metabólicas, investigacións recentes atoparon que este azucre exerce tamén unha función no control da expresión xénica ao promover o factor de transcrición ChREBP (Carbohydrate Response Element Binding Protein) nos estados nos que hai abundancia de glicosa na célula.[5] Este factor media a activación de varios encimas regulatorios da glicólise e lipoxénese.
Na ruta da pentosa fosfato
[editar | editar a fonte]Na ruta da pentosa fosfato a xilulosa 5-fosfato intervén en varias reaccións da fase non oxidativa desa ruta. Orixínase a partir da isomerización da ribulosa 5-fosfato pola acción do encima ribulosa 5-fosfato epimerase.
A xilulosa 5-fosfato formada reacciona despois cunha molécula de ribosa 5-fosfato en reacción catalizada pola transcetolase, orixinando unha molécula de gliceraldehido 3-fosfato e outra de sedoheptulosa 7-fosfato.
Outra reacción da ruta na que intervén ten lugar ao final da ruta e tamén está catalizada pola transcetolase. A xilulosa 5-fosfato e a eritrosa 4-fosfato reaccionan dando lugar a unha molécula de gliceraldehido 3-fosfato e outra de frutosa 6-fosfato.
No ciclo de Calvin
[editar | editar a fonte]Na fase rexenerativa do ciclo de Calvin da fase escura da fotosíntese, a xilulosa 5-fosfato intervén en reaccións que son as mesmas da ruta das pentosas, pero que funcionan en sentido contrario [6]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ ChemSpider 5-O-phosphonato-D-xylulose
- ↑ CHEBI D-xylulose 5-phosphate
- ↑ PubChem compuond Xylulose-5-phosphate
- ↑ MeSH xylulose-5-phosphate
- ↑ Iizuka K, Horikawa Y (2008). "ChREBP: a glucose-activated transcription factor involved in the development of metabolic syndrome". Endocr. J. 55 (4): 617–24. PMID 18490833.
- ↑ A. Lehninger. Principios de Bioquímica. (1988). Omega. Páxinas 665. ISBN 84-282-0738-0.