Saltar ao contido

Xustiza distributiva

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A xustiza distributiva fai referencia a unha distribución xusta dos bens dunha sociedade. O concepto inclúe a cantidade de bens dispoñibles, o proceso mediante o cal estes bens se distribúen e os resultados da asignación dos bens entre os membros da sociedade.

Frecuentemente contrastado coa xustiza procesal e relacionada coa administración da lei, a xustiza distributiva concéntrase nos procesos. En filosofía e ciencias sociais, este campo recibiu unha atención considerable, e é fundamental nas ensinanzas sociais da Igrexa Católica.

Na psicoloxía social, a xustiza distributiva é definida como a imparcialidade percibida acerca de como os custos e recompensas son compartidos por (ou distribuídos entre) os membros dun grupo. Por exemplo, cando traballadores dun mesmo emprego perciben diferentes salarios, os membros do grupo pode que sintan que non existe xustiza distributiva.

Para determinar se unha distribución é xusta, apélase ás normas distributivas establecidas no proceso. Unha norma é o estándar de comportamento que é requirido, desexado ou designado como norma dentro dun grupo particular. Se as recompensas e os custos son asignados segundo as normas distributivas designadas polo grupo, hai xustiza distributiva.

Tipos de normas distributivas

[editar | editar a fonte]

O utilitarismo

[editar | editar a fonte]

O utilitarismo é un tipo de teoría agregacionista consecuencialista sobre a distribución. Chámase así porque estas correntes defenden que o criterio para saber cal das dúas situacións é mellor é aquela na que hai maior valor global. Isto quere dicir que se todo o valor posible no mundo o tivera unha persoa sería mellor que calquera situación na que houbese menos valor global.

Unha das variantes desta corrente é o utilitarismo da media, o cal busca unha media total o máis elevada posible. Isto produce que entre en xogo con maior peso a repartición entre os individuos. É dicir, o anterior caso sería unha situación moi mala porque sairía unha media moi baixa.

A esta teoría da distribución obxectóuselle que, para ela, o benestar dun individuo non vale tanto ou igual que o benestar do resto de persoas. Outras destas críticas é a de John Rawls, que entende que o utilitarismo daría lugar a todo tipo de discriminacións.

O igualitarismo

[editar | editar a fonte]

Para as persoas que defenden o igualitarismo, o importante é obter a mellor distribución posible, pois é algo malo que algúns individuos estean peor que outros. Por iso, a concepción igualitarista da xustiza é substantiva —sendo o importante os resultados— e comparativa. A postura que soamente ten en conta a igualdade denomínase igualitarismo puro. Pero, en xeral, acéptase que é bo tanto que exista máis igualdade como utilidade, de forma que o igualitarismo é compatible co utilitarismo. Quen seguen esta postura serían igualitaristas pluralistas.

Pero estes valores poden entrar en conflito, tendo que elixir que valor é máis importante. Así, xorden dúas posturas ben diferenciadas: o igualitarismo télico e o igualitarismo deóntico. Para o primeiro, a igualdade ten un valor intrínseco, isto é, é un ben en si mesmo. En cambio, para o segundo, non é negativo en si mesmo que unhas persoas estean peor ca outras, senón que a igualdade debe buscarse por algunha outra razón moral.

Así, mentres que para o enfoque télico a desigualdade é mala, para o enfoque deóntico esta é inxusta. Un caso no que se observan ben as súas diferentes posturas é aquel no que existe unha desigualdade respecto á cal non se pode facer nada. Mentres que para o igualitarismo télico esta situación é negativa, para o igualitarismo deóntico non se pode dicir nin que sexa negativa nin que sexa positiva, pois non se pode facer nada.

O maximin

[editar | editar a fonte]

O criterio maximin é defendido polo filósofo norteamericano John Rawls. Unha distribución maximin busca aumentar o valor daqueles que se atopan na posición máis desfavorecida fronte a aqueles que están nunha situación mellor, establecendo así unha xerarquía entre os diferentes estados posibles. Consiste en reverter a situación daqueles que se atopan na situación de maior desvalor intentando que esta sexa o máis favorable posible. En palabras de Rawls, “a regra maximin dinos que debemos xerarquizar as alternativas conforme aos seus peores resultados posibles”.

O prioritarismo

[editar | editar a fonte]

O prioritarismo é unha forma de consecuencialismo agregado que nos indica que unha situación será tanto máis xusta ou beneficiosa na medida na que se consigan satisfacer as necesidades de todo o mundo, priorizando aqueles que se atopen en situacións máis desvantaxosas.

Á diferenza do maximin proposto por John Rawls, o prioritarismo non ten soamente en consideración o benestar dos membros máis desfavorecidos, senón que os prioriza de cara a conseguir un maior benestar xeral. Este benestar xeral, non obstante, é valioso na medida na que beneficia os máis desfavorecidos, e non na medida na que dá lugar a unha repartición máis equitativo dos recursos, como sería o caso do utilitarismo.

O prioritarismo en ocasións é criticado pola súa arbitrariedade, xa que establecer que hai que dar prioridade ós desfavorecidos non implica nin trae consigo ningún tipo de criterio que nos permita esclarecer en que medida, cantidade ou proporción debemos realizar esa priorización, correndo o risco de caer en inexactitudes ou neglixencias.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Barry, Brian, (1989) Theories of Justice, Hemel Hempstead: Harvester-Wheatsheaf.
  • Scarre, Geoffrey (1996) Utilitarianism, Londres: Rutledge.
  • Rawls, John (2002) Justicia como equidad, Barcelona: Paidós.
  • Rawls, John, (1971) A Theory of Justice. Cambridge, Massachusetts: Belknap Press of Harvard University Press.
  • Parfit, Derek (1997)  Equality and priority, Oxford: Blackwell Publishers.