Bandeira de Galicia
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
|
A bandeira galega, con orixe no século XIX, inspirada na bandeira da Comandancia Naval da Coruña, ten fondo branco e presenta unha franza azul dende o ángulo superior esquerdo ata o inferior dereito. A franxa azul posúe un ancho igual á terceira parte do alto da bandeira.
Índice |
[editar] Historia
Durante o século XIX houbo unha gran afluencia de emigrantes galegos cara América. Un dos principais portos de saída da emigración era A Coruña. A tradición conta que os emigrantes galegos pensaron que a bandeira da provincia marítima da Coruña que ondeaba no porto e nos transatlánticos era de feito a bandeira de Galicia.
Chegados ao novo continente, os emigrantes galegos comezaron a empregar a bandeira de matrícula da Coruña como bandeira galega. Anos máis tarde, a bandeira branca e azul cruzou o océano Atlántico de volta e foi adoptada en Galicia como a bandeira galega moderna.
"A Bandeira Galega só ten dúas cores: branco e azul. O fondo é branco, e dende o ángulo superior da esquerda ata o ángulo inferior da dereita, atravesando o centro, unha franxa de cor azul que debe ter de ancho a terceira parte do alto ou ancho total da bandeira", publicado no ano 1898 no xornal "O Eco de Galicia", A Habana, Cuba.
|
A Lei 5/1984, de 29 de maio de 1984 da Xunta de Galicia regula a actual bandeira galega. Nela lexíslase que a bandeira de Galicia ha de ter unha lonxitude igual a tres medios do seu ancho. É branca, cunha banda azul celeste dun ancho equivalente á cuarta parte do da bandeira, que a atravesa dende a parte superior ao asta, cara á parte inferior ao batente. Esta versión, sen escudo, denomínase en vexiloloxía -a ciencia que estuda as bandeiras-, "Bandeira Civil", e pode ser utilizada polos cidadáns, pero non pola administración pública, que debe, obligatoriamente, utilizar a "Bandeira Institucional", con escudo. Esta versión, con escudo, tamén pode ser utilizada pola poboación civil.
O cáliz aparece documentado como motivo principal do escudo de armas do Reino de Galicia dende finais do século XIII. Así aparece documentado como armas os reis de Galyce no armorial Segar de Inglaterra do ano 1282. A representación gráfica das armas do Reino de Galicia foi evolucionando continuamente a través dos séculos; do orixinario cáliz pechado nun relicario (armoriales Bergshammar, Suecia, 1436, e Gymnich, Flandres, 1445) pasouse á súa representación en forma aberta; o orixinal campo azul da bandeira diversificouse tamén en vermello e branco; e o orixinal cáliz en campo liso sen ningún engadido pasou a conter decoración diversa como anxos e un número variable de cruces, entre unha, seis, sete, ou en campo sementado. Equívocamente, moita xente pensa que as sete cruces corresponden ás cidades do antigo Reino de Galicia aínda que en realidade a súa orixe é meramente decorativa (Escudo de Galicia).
A representación moderna e oficial do escudo galego foi fixada no ano 1972 pola Real Academia Galega (RAG). A RAG propuxo á Xunta de Galicia conservar a memoria da bandeira galega antiga dentro da moderna. O resultado foi a superposición das armas ou escudo galego sobre a bandeira civil, formando o que en vexiloloxía denomínase "Bandeira Institucional". A bandeira "de estado", "institucional" ou "oficial" galega é a que debe figurar nos actos oficiais do goberno e institucións galegas.
"A bandeira de Galicia deberá levar cargado o escudo oficial cando ondee nos edificios públicos e nos actos oficiais da Comunidade Autónoma", Lei 5/1984 de Símbolos de Galicia, Artigo 2.2.
[editar] Outras Bandeiras e Símbolos Históricos
- O nacionalismo de esquerdas adopta a estreleira (bandeira galega coa estrela vermella) como símbolo de liberación nacional e social. Este símbolo é o máis usado en manifestacións nacionalistas ou partidos de futbol. É a bandeira da principal Central Sindical (CIG: Confederación Intersindical Galega) e dos partidos de esquerda nacionalista.
- O deseño do escudo de Castelao co texto "Denantes mortos que escravos" (1937). Consistía na serea sostendo o escudo cunha fouce e unha estrela [1].
- Durante a Marea Negra do Prestige tamén se usou a bandeira galega, con fondo negro e co texto de Nunca Máis.
- O Santo Graal é o símbolo histórico que máis longo ven representando a Galiza como institución política. O Santo Graal aparece documentado por primeira vez como armas dos reis de Galyce no Armorial Segar de Inglaterra do ano c.1282. A representación gráfica das armas do Reino de Galiza foi evolucionando continuamente através dos séculos; do orixinario Graal pechado nun relicario (armoriais Bergshammar, Suecia, 1436, e Gymnich, Flandres, 1445) pasouse á sua representación en forma aberta; o orixinal campo azul da bandeira diversificouse tamén en vermello e branco; e o orixinal Graal en campo liso sen ningún engadido pasou a conter decoración diversa como anxos e un número variable de cruces, entre unha, seis, sete, ou en campo sementado. A estandarización gráfica moderna das Armas ou Escudo de Galiza foi establecida no ano 1972 pola Real Academia Galega.
[editar] Notas
- ↑ "Non-nos quedaba máis que a fouce de ouro sobor dun fondo azul e a estrela vermella, como emblema do Traballo e da Liberdade. Ourelando o escudo compría deixar patente o martirio de Galiza. E a sirea, que pertence á heráldica galega, como símbolo mariño que fale do engado atlántico, orixe das nosas aventuras" ("Os novos símbolos da Nova Galiza" en Nova Galiza (Barcelona), 6, 1 de xullo, px. 2).