Manuel Curros Enríquez
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Manuel Curros Enríquez, nado en Celanova o 25 de setembro de 1851 e finado na Habana o 7 de marzo de 1908, é un dos tres principais representantes do Rexurdimento da literatura galega, xunto a Rosalía de Castro e Eduardo Pondal.
Índice |
[editar] Traxectoria
Curros Enríquez nace en Celanova en 1851, na casa número 14 da rúa de San Roque. Era fillo do escribán Xosé María de Curros Vázquez (de Santiso-Melide) e de Petra Enríquez (de Vilanova dos Infantes). A pesar de que certos biógrafos indican que seu pai era un carlista, que sometía o seu fillo a malleiras frecuentes, o certo é que as modernas investigacións determinaron que, ben polo contrario, Xosé María de Curros defendeu sempre as ideas liberais. No tocante ás relacións pai-fillo, se ben que semella que, efectivamente, foron difíciles, convén desterrar definitivamente aquela imaxe duns maltratos que non se axustan á realidade. Asistiu á escola de don Manuel Rebollo e cando estivo preparado tivo que axudarlle a seu pai como escribente. En 1866 marchou cara a Madrid, á casa do seu irmán Ricardo, onde fixo o bacharelato e comezou a estudar Dereito, que non rematou.
A revolución de Setembro en 1868 fai que asuma os ideais democráticos. Ingresa de escribente no Concello de Madrid e visita os círculos literarios coa intención de facer alí carreira literaria, desa época é a lenda en castelán, El Maestre de Santiago. Dende 1871 vivía con Modesta Luisa Polonia Vázquez Rodríguez (natural de Pobra de Sanabria), coa que ten un fillo en 1873 e coa que casará en 1877. En 1873 comezou a súa carreira xornalística ao ingresar na Gaceta de Madrid e ao ano seguinte entra en El Imparcial, para o que cubriu, entre decembro de 1875 e febreiro de 1876, a terceira guerra carlista escribindo as Cartas del norte. Sucediulle na tarefa outro correspondente, Fauró, tras ser ferido de bala por un axudante do brigadier Mariné con quen compartía habitación segundo relata no tomo III o recompilador das súas obras completas para a Casa editorial Perlado, Páez y C.ª, Sucesores de Hernando (Madrid, 1910).
En 1877 gaña un certame poético en Ourense co poema "A Virxe do Cristal". Esta vitoria determinouno como poeta galego. Curros establécese en Ourense e traballa na Intervención da Administración Económica.
[editar] Aires d'a miña terra
En 1880 publicou Aires d'a miña terra, libro de poemas no que pon de manifesto o seu anticlericalismo ó considerar que a Igrexa non se achega ós pobres e necesidatos senón que só defende castes e privilexios. Nesta obra publica o poema Mirand’ó chau no que, entre outras cousas escribe o célebre verso S’eu fixen tal mundo, que o demo me leve. A reacción eclesiástica non se fixo esperar e o 28 de agosto dese mesmo ano 1880 o bispo de Ourense Cesáreo Rodrigo González condena e reproba o libro por conter "proposiciones heréticas, blasfemas, escandalosas”. Prohíbese ós fieles a lectura e posesión do libro e remátase excomungando a Curros. Simultaneamente, o bispo de Ourense denuncia diante das autoridades xudiciais o libro de Curros. O xulgado de Ourense procesouno por delito contra o libre exercicio dos cultos e ordenou o secuestro dos exemplares en poder do editor, desfixéronse os moldes, e Curros foi condenado a dous anos e 4 meses de cadea e ó pago dunha multa de 250 pesetas. Finalmente, foi absolto na Audiencia da Coruña.
Perdeu o posto de traballo ourensán e volta a Madrid en 1883 e ingresa na redacción de El Porvenir, xornal republicano, e en 1887 accedeu ao posto de redactor xefe de El País e en agosto de 1888 apareceu O divino sainete, que pasou desapercibido para a crítica galega polo seu ton anticlerical.
[editar] Curros na emigración
En 1894 decide emigrar cara a América. Acollido con entusiasmo á súa chegada, en La Habana dirixe un xornal, La Tierra Gallega e cando se suspendeu a súa publicación ingresou na redacción de El diario de las Familias e despois na do Diario de la Marina, no que apoia os autonomistas, o que lle causou problemas coas autoridades e acabou indispoñéndose coa maioría dos seus paisanos. En 1904 viaxa á Coruña, onde foi agasallado polos rexionalistas. De volta a La Habana, retoma as súas actividades no Diario de la Marina e foi un dos principais impulsores da creación da Real Academia Galega en 1906.
Curros Enríquez, xa moi enfermo, ingresou no hospital do Centro Asturiano ao negarse a facelo no do Centro Galego e alí morreu o 7 de marzo de 1908 e os seus restos mortais foron embarcados para Galicia.
[editar] Obras
- Cartas del norte (1875-1876)
- A Virxe do Cristal (1877)
- Aires da miña terra (1880)
- O divino sainete (1888)
[editar] Galería de imaxes
- Vexa o artigo principal en Galería de imaxes de Curros Enríquez
|
Versos dedicados a Rosalía. |
Placa de Curros Enríquez en Lugo. |
Monumento de 1911 adicado a Curros Enríquez na Alameda de Vigo. |
[editar] Véxase tamén
[editar] Bibliografía
- Casares, Carlos, Curros Enríquez, Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 978-84-7154-356-1.
