Ourense
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
| Ourense | |
|---|---|
| Ponte Romana sobre o Miño. | |
| Situación | |
| Xentilicio[1]: | Ourensán - Auriense |
| Xeografía | |
| Provincia: | Provincia de Ourense |
| Comarca: | Ourense |
| Poboación: | 107.057 hab. (2008) |
| Área: | 84,5 km² |
| Densidade: | 1.266,95 hab./km² |
| Entidades de poboación: | 21 parroquias |
| Capital do concello: | Ourense |
| Política (2007) | |
| Alcalde: | Francisco Rodríguez Fernández (PSdeG-PSOE) |
| Concelleiros: | BNG: 6 concelleiros PPdeG: 13 concelleiros PSdeG-PSOE: 8 concelleiros Outros: - |
| Eleccións municipais en Ourense | |
| Uso do galego[2] (2001) | |
| Galegofalantes: | 89,92 % |
| Sitio web oficial | |
| www.ourense.es | |
Ourense (xentilicio: Ourensán) é a terceira cidade de Galicia por poboación despois de Vigo e da Coruña, capital da provincia do seu nome. Segundo o INE, tiña 107.186 habitantes no 2007 (57.396 mulleres e 49.790 homes) (108.600 en 2004) e é cabeza da comarca homónima.
Está atravesada polos ríos Miño, Barbaña e Loña. É coñecida como "A cidade das Burgas" debido á sona das súas famosas fontes de augas termais (a auga sae a 60-68ºC). Destacan como monumentos a Catedral de Ourense (Século XII) co seu Pórtico do Paraíso e o Santo Cristo, a ponte Romana, O Claustro de San Francisco, as igrexas da Trindade e San Domingos, e o conxunto do seu casco antigo, en proceso de recuperación. Cidade Termal por excelencia, ademais das Burgas o visitante pode gozar das augas termais do balneario da Chavasqueira (de inspiración xaponesa), O Tinteiro, Muiño da Veiga e Outariz. Están moi próximos á capital os centros balnearios da Arnoia, Baños de Molgas, Laias e O Carballiño.
Índice |
[editar] Etimoloxía
Bautizada polos romanos como "A cidade de ouro" (Auriense) pola súa abundancia neste metal precioso, foi unha importante cidade da provincia romana de Hispania ata que se esgotaron as súas reservas deste mineral, que se atopaba no Río Miño. Un topónimo relacionado é o da próxima praia fluvial de Oira.
Tamén se cre que o nome da cidade ven do latín aquare urente (Augas abrasadoras), ou do xermánico Warmse (Lago quente), polas coñecídas fontes de augas termais, As Burgas, (nome derivado do latín Burca que significa pila), unha das moitas que existen no Concello.
[editar] Historia
- Artigo principal: Historia de Ourense.
Aínda que había asentamentos castreños á beira do Miño e do Loña como os de Valdegola, Oira e San Tomé a cidade ten a súa orixe no asentamento romano a caron das Burgas e da guarnición da ponte romana.
Situada preto da Vía Nova que unía Bracara Augusta (hoxe Braga en Portugal) con Asturica Augusta (hoxe Astorga) a cidade mantivo importancia tras a época romana pola sua ponte e situación central na antiga Gallaecia.
Foi corte real dos suevos crese que durante o reinado de Carriarico/Teodomiro que foi o que fundou a primeira igrexa dedicada a San Martiño de Tours.
Tras as incursións árabes e normandas do século X, iníciase unha lenta recuperación. En 1084 o bispo Ederonio restaura a catedral, hoxe Igrexa de Santa María Nai.
Mais será durante o bispado de don Lourenzo cando dona Tareixa de Portugal concede a xurisdición da cidade ao bispo e aos seus sucesores en 1122 situación que se mantería ata o século XVII.
Ao longo da Idade Moderna Ourense foi cidade de cregos, nobres e funcionarios sendo a súa industria a do viño, manténdose ata as pragas de finais do XIX. Neste século a cidade vai incrementar a sua poboación coa construción da Estrada Villacastín-Vigo, e a nova liña férrea Monforte-Vigo tamén crece a cidade que se espalla máis aló do tradicional casco vello.
Durante o século XX este crecemento mantívose, Ourense continuou a ser o centro administrativo da provincia gañando un notable pulo comercial vencellado a emigración procedente de Zamora, Logroño e León que aparace atraída polas novas vías de comunicación.
Actualmente Ourense é un importante nó de comunicacións onde se cruzan tres autoestradas, catro Estradas Nacionais, así como catro vías de ferrocarril. A estación Ourense-Empalme, unha das dúas estacións coa que conta a cidade, é a máis importante de Galicia, dende onde se centralíza todo ao tráfico ferroviario do noroeste da península.
[editar] Xeografía
- Altura máxima de 134 metros
- Latitude: 42º 19' 48" N
- Lonxitude: 07º 52' 12" W
- Superficie: 85,2 km².
[editar] Clima
A situación climatolóxica de Ourense é moi especial. Conta cun clima oceánico cunha forte influencia do clima continental. A situación xeográfica da cidade, metida nun val, fai que os veráns sexan dunha extrema dureza acadando a maioría das veces temperaturas superiores aos 35°C en verán. En inverno as temperaturas son baixas, aínda que a maioría das veces non baixan dos 0°C. A temperatura máxima máis alta rexistrada na historia foi de 42,6ºC en xullo de 1990 e a temperatura mínima máis baixa foi de -8,6ºC o día de Nadal de 2001.
| 1931-1960 | xan | feb | marz | abr | mai | xuñ | xull | agost | set | out | nov | dec | TOTAL |
|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
| Temp. media (°C) | 6,9 | 7,7 | 10,8 | 12,6 | 16,0 | 19,4 | 22,1 | 21,4 | 19,2 | 14,7 | 10,0 | 7,7 | 14,0 |
| Precipitacións (mm) | 90 | 78 | 99 | 56 | 62 | 42 | 17 | 20 | 43 | 89 | 95 | 128 | 818 |
[editar] Demografía
Segundo datos do INE do 2006, o concello de Ourense conta con 108.137 habitantes situados polo centro urbano e as 21 parroquias das que consta o concello. A densidade de poboación é de 1271 habitantes por quilómetro cadrado.
[editar] Evolución da poboación
| Evolución da poboación de Ourense - desde 1900 ata 2004 - | ||||
| 1900 | 1930 | 1950 | 1981 | 2004 |
| 15.194 | 21.579 | 55.574 | 94.346 | 108.600 |
| Fontes: INE e IGE
(Os criterios de rexistro censal variaron entre 1900 e 2004, e os datos do INE e do IGE poden non coincidir.) |
||||
[editar] Política
Ourense é a capital da provincia, así mesmo cabeceira dunha comarca e partido xudicial. Ourense é a sé da Audiencia e Xulgados Provincias, Deputación Provincial de Ourense, as delegacións da Xunta de Galicia e de varios organismos da Administración Xeral do Estado como a Subdelegación do Goberno, Comisaría da Policía Nacional, INSS e outros.
Tras as eleccións municipais do 2007 o goberno da cidade é unha coalición do PSdeG e o BNG sendo o alcalde Francisco Rodríguez.
[editar] Economía
A maior parte da cidadanía de Ourense traballa no sector servizos, aínda que tamén ten importancia o sector secundario, xa que a cidade conta con numerosas fábricas relacionadas coa química e os seus derivados. A cidade tamén recibe a influencia do Parque Tecnolóxico de Galicia, que aínda que non se atopa no concello de Ourense, aporta grandes beneficios á cidade.
[editar] Lugares de interese
[editar] Monumentos
Ourense dispón dun amplio patrimonio histórico entre o que cabe destacar os seguintes monumentos e lugares:
- Catedral de San Martiño
- As Burgas
- Igrexa da Santísima Trinidade
- Ponte Maior
- Pazo de Velle
- Pazo provincial de Ourense
- Igrexa de Santo Domingo
- Pazo de Oca-Valladares
- Igrexa de Santa María Nai
- Ponte de Loña
- Praza Maior
- Praza do Trigo
- Praza do Ferro
[editar] Teatros e cines
[editar] Museos
- Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense
- Museo Municipal de Ourense
- Museo Catedralicio de Ourense, de arte sacra.
- Museo Internacional de Cornamusas, exposición de gaitas e cornamusas procedentes de todo o mundo.
- Centro de exposicións Caixanova, exposicións temporais nas que teñen cabida todo tipo de manifestacións artísticas, con especial presenza artes plásticas.
- Colección de trens Fernández Pacheco Outeiriño, reflicte a historia e evolución do ferrocarril universal a través de máis de 4.000 pezas.
[editar] Personalidades de Ourense
- Valentín Lamas Carvajal, escritor e xornalista (1849-1906).
- Vicente Martínez-Risco Agüero, pai do galeguismo contemporáneo (1884-1963).
- Florentino López Cuevillas, investigador e arqueólogo (1886-1958).
- Ramón Otero Pedrayo, escritor e intelectual (1888-1976).
- Xosé Ramón Fernández-Oxea (Ben-Cho-Shey), escritor, mestre e investigador (1896-1988).
- Eduardo Blanco Amor, escritor e xornalista (1897-1979).
- Álvaro de las Casas Blanco, escritor e dramaturgo (1901-1950).
- Alexandre Bóveda Iglesias, intelectual e político (1903-1936).
- Xaquín Lorenzo Fernández Xocas, etnógrafo e escritor (1907-1989).
- Julio Iglesias Puga, xinecólogo, pai do artista Julio Iglesias (1915-2005).
- José Ángel Valente, escritor, poeta e ensaísta (1929-2000).
- Xaime Quesada Porto, pintor, escultor e escritor (1937-2007).
- Xosé Luís Méndez Ferrín, escritor (n. 1938).
- Felisa Manzano Conde, actriz (n. 1942)
- María Antonia Iglesias, xornalista (n. 1945).
- Constantino Dacosta Simón, empresario, presidente do grupo EROSKI (n. 1946)
- Miguel Ángel González Suárez, ex futbolista, porteiro do Real Madrid e internacional con España (n. 1947).
- Elena Salgado Méndez, política e Ministra de Administracións Públicas(n. 1949).
- María Xesús Pato Díaz, poetisa e política (n. 1955).
- Francisco Xosé Fernández Naval, escritor e poeta (n. 1956).
- Bieito Iglesias Araúxo, escritor (n. 1957).
- Elena Espinosa Mangana, política e Ministra de Agricultura (n. 1960).
- Maxo Barjas, actriz (n. 1960).
- Alberto Núñez Feijoo, político (n. 1961).
- Manuel Outeiriño, poeta, xornalista e ensaísta (n. 1962).
- Anxo Carbajal, actor (n. 1965).
- Marta Bobo, ximnasta retirada (n. 1966).
- Xaime Quesada Blanco, pintor e fillo de Xaime Quessada (1975-2006).
- Miryam Gallego, actriz (n. 1976).
- Cristina Pato, gaiteira e pianista (n. 1980).
- Los Suaves, grupo de rock creado en Ourense en 1980.
- Sonia Casasnovas Pumar, actriz (n. 1984).
- Adolfo Dominguez, Deseñador
- Bimba&Lola, (Sobriñas A.Domínguez), Deseñadoras
- Lamatumbá, Grupo de musica Galega
[editar] Ourense na cultura popular
- As nenas de Pontevedra
son o mesmo cas de Ourense,
son sin quitarlle nin porlle
como tódalas mulleres.
[editar] Galería de imaxes
- Artigo principal: Galería de imaxes de Ourense.
[editar] Lugares de Ourense
Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Ourense vexa: Lugares de Ourense.
[editar] Parroquias
[editar] Véxase tamén
|
|
||||
|---|---|---|---|---|
|
|
[editar] Ligazóns externas
- Páxina do Concello de Ourense
- Páxina do Cámpus Universitario de Ourense
- Páxina oficial de turismo da cidade de Ourense
- Páxina de ocio e información de Ourense
[editar] Referencias
- ↑ Véxase no Galizionario.
- ↑ Datos de 2001 publicados en 2004.