Lugo
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
| Lugo | |
|---|---|
| Vista da muralla romana e a catedral | |
| Situación | |
| Xentilicio[1]: | Lugués - Lucense |
| Xeografía | |
| Provincia: | Provincia de Lugo |
| Comarca: | Lugo |
| Poboación: | 95.416 hab. (2008) |
| Área: | 329,8 km² |
| Densidade: | 289,31 hab./km² |
| Entidades de poboación: | 55 parroquias |
| Capital do concello: | Lugo |
| Política (2007) | |
| Alcalde: | Xosé Clemente López Orozco (PSdeG-PSOE) |
| Concelleiros: | BNG: 4 PPdeG: 9 PSdeG-PSOE: 12 Outros: 0 |
| Eleccións municipais en Lugo | |
| Uso do galego[2] (2001) | |
| Galegofalantes: | 90,02 % |
| Sitio web oficial | |
| http://www.lugo.es/ | |
- Para outras páxinas con títulos homónimos véxase: Lugo (homónimos).
Lugo, fundada no ano 25 a.C., é unha cidade galega de orixe romana construída nas proximidades dun castro [3] e que está bañada polo río Miño. É a capital da provincia homónima e mais da comarca de Lugo. Con 95.416 habitantes é a cuarta cidade galega en poboación despois de Vigo, A Coruña e Ourense.
Índice |
[editar] Etimoloxía
No ano 26 a.C. chegou á que posteriormente sería a Gallaecia un corpo expedicionario romano ao mando de Caius Antistus Vetus para controlar o noroeste peninsular, e estableceu un campamento no territorio da actual Lugo no ano 25 a.C. ao que deu o nome de Lucus Augusti, orixinado posiblemente na divindade céltica Lugh de cidades como Lugano ou Lyon, e que se converteu na capital da Gallaecia lucense. Lucus Augusti significa "o bosque sagrado de Augusto" (fundador en xenit.).
[editar] Xeografía
A cidade atópase nun outeiro rodeado polos ríos Miño, Rato e Chanca. A diferenza de altitude entre o centro da cidade e as beiras fluviais é considerable e mentres no centro da cidade a altitude é de 465 metros sobre o nivel do mar, no Miño á altura do Paseo Fluvial a altitude é de tan só 364 metros. O concello de Lugo é o segundo máis extenso do país, con 332 quilómetros cadrados e 59 parroquias.
Cómpre destacar que o entorno da cidade foi declarado como Reserva da Biosfera pola UNESCO o 7 de novembro do ano 2002, supoñendo este recoñecemento como o máis importante a nivel internacional en canto á conservación das paisaxes e hábitats desta rexión atlántica europea. Ademais é de destacar a abondosa fauna que podemos atopar arredor do curso do río Miño pola cidade, sobre todo no tocante ás especies de aves. Todo este parque arredor do río abrangue unha ruta de parques duns 30 quilómetros de lonxitude.
Os outros dous ríos que atravesan a cidade son o Rato e o Mera, habendo arredor do primeiro outro importante parque rodeado de abondosas especies de árbores, ao igual que pasa arredor do río Mera.
[editar] Demografía
A poboación da cidade no ano 2008 era de 95.416 habitantes segundo o INE (93.450 no 2006, 92.271 no 2005, 91.426 no 2004, 91.158 no 2003).
| Evolución da poboación de Lugo - desde 1900 ata 2004 - | ||||
| 1900 | 1930 | 1950 | 1981 | 2004 |
| 26.959 | 31.137 | 53.743 | 72.574 | 91.426 |
| Fontes: INE e IGE
(Os criterios de rexistro censal variaron entre 1900 e 2004, e os datos do INE e do IGE poden non coincidir.) |
||||
[editar] Clima
O clima en Lugo é oceánico continental con invernos fríos e veráns suaves. A temperatura media anual é de 12,0º e as precipitacións abundantes (máis de 1.000 litros ó ano). Con todo, e debido ao seu afastamento do Atlántico, esta cifra de precipitación pode ser considerada baixa en comparanza con comarcas das Rías Baixas ou Santiago. A temperatura máis alta da historia rexistrouse en agosto do 1961, cando as temperaturas chegaron aos 39,6 °C[4]; e a temperatura máis baixa foi de -13,2 °C en febreiro de 1983[5].
| Mes | xan | feb | mar | abr | mai | xuñ | xul | ago | set | out | nov | dec | Anual |
|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
| Temp. (ºС) | 6,0 | 6,7 | 9,3 | 11,0 | 13,0 | 16,3 | 18,2 | 18,7 | 16,7 | 13,1 | 8,9 | 6,2 | 12,0 |
| Prec. (mm) | 143 | 120 | 122 | 85 | 89 | 53 | 32 | 34 | 51 | 84 | 123 | 133 | 1067 |
| Mes | xan | feb | mar | abr | mai | xuñ | xul | ago | set | out | nov | dec |
|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
| Temp. mín. | 3,6 | 4,0 | 5,1 | 7,9 | 9,2 | 12,6 | 15,0 | 15,6 | 13,7 | 8,9 | 6,4 | 3,6 |
| Temp. máx. | 8,4 | 9,8 | 11,0 | 13,0 | 14,8 | 17,6 | 18,4 | 19,5 | 17,7 | 15,1 | 11,7 | 8,9 |
[editar] Historia
Lugo fundouse coma un campamento romano ao mando de Caius Antistus Vetus, nunha campaña coa fin de anexionar ó Imperio Romano o noroeste peninsular na época de Augusto. Así, en nome deste emperador, Paulo Fabio Máximo funda "Lucus Augusti" sobre este campamento militar, e a partir do ano 50 asístese á expansión da cidade, co asentamento de poboación indíxena dos castros próximos.
Tradicionalmente considerábase que as dúas vías perpendiculares que configuraban tódalas cidades romanas (o cardo e o decumano) seguían a ruta das actuais rúas San Pedro e Rúa Nova que se cruzaban na Praza do Campo, que sería o Foro. Con todo, recentes descubrimentos arqueolóxicos demostran que existía unha ampla praza pública que ocupaba dende a Rúa Doutor Castro (chamada das Dozarías) até a Rúa do Progreso, incluíndo gran parte da actual Praza de Santo Domingo, o que levou a reformularse a teoría anteriormente citada. Consérvanse multitude de pezas, xacementos romanos e mosaicos que aínda hoxe seguen aparecendo, sobre todo cando se levan a cabo obras no casco antigo.
Entre os anos 260 e 325 a cidade rodéase dunha muralla, no comezo do baixo imperio romano. A muralla, (declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO no ano 2000), consérvase íntegra, sendo o único caso único en todo o mundo[7][8]. A muralla rodea o centro da cidade, a catedral, o museo provincial, o concello e outros edificios de interese.
Trala conquista sueva, os suevos elevaron a igrexa lucense a sede metropolitana, pasando a depender dela os bispos de Astorga, Iria Flavia, Ourense e Tui. Durante este período perdeu a maioría da poboación, comezándose a recuperar no século X. A mediados do século VII, coa chegada do bispo Odoario, a cidade estaba nun estado lamentábel, así que tomou a decisión de sepultar os restos romanos e reconstruír a cidade. Así a urbe romana converteuse nun locus eclesiástico, núcleo do actual burgo.
Durante Alta Idade Media, a cidade estaba ocupado practicamente só polo clero. No ano 842 un grande exército galego reuniuse na cidade para conquistar Oviedo e entronizar a Ramiro I, o primeiro rei da dinastía galega.[9] En 1129 comezou a construción da catedral románica, deseñada polo mestre Raimundo de Monforte e adicada a Santa María, chamada Virxe dos Ollos Grandes.
Durante a Idade Media Lugo foi, ao igual que Santiago de Compostela, un centro de peregrinación, xa que a catedral contaba co especial privilexio, que aínda conserva na actualidade, de expor ao público unha hostia consagrada as vintecatro horas do día. No ano 1669 constitúese a Ofrenda do Reino de Galicia ao Sacramento, aínda hoxe festexada, o que converteu á cidade na capital espiritual de Galicia. Xa no século XVIII foille concedido a Lugo o privilexio de organizar as feiras de San Froilán, concretamente no ano 1754.
Así pois durante a Idade Moderna, Lugo foi protagonista dun certo auxe, inda que outras cidades próximas coma Mondoñedo ou Ribadeo disputábanlle a supremacía, pola importancia comercial da primeira e a puxanza industrial da segunda. Non foi até a división do estado en provincias de 1833 e a creación das deputacións que Lugo converteuse na máis importante do que hoxe denominan a provincia de Lugo, ao converterse na capitalidade, decisión motivada sobre todo polo céntrico da cidade amurallada, o que supuxo un crecemento en poboación e extensión que é constante até hoxe en día. Este auxe foi reforzado coa chegada do primeiro ferrocarril á cidade en 1875. Ademais as xa nomeadas feiras de San Froilán tiveron unha extraordinaria importancia económica, que xunto co ferrocarril, fixeron de Lugo o principal centro de comercio de gando vacún da península.[9]
Durante esta época, o 2 de abril de 1846, co pronunciamento do Coronel Miguel Solís, en Lugo comeza a chamada Revolución Galega de 1846, que remataría co fusilamento dos Mártires de Carral. En 1908 fundouse o que actualmente é o único xornal elaborado na cidade: El Progreso, que no seu momento tivo que competir con outros coma La Voz de la Verdad. No ano 1905 accede á alcaldía Ánxel López Pérez, que dirixiu á cidade durante sete mandatos (até 1930), facendo grandes refornas na cidade, aínda que non exento de polémica.
En 1936 durante a Guerra Civil foron asasinado un gran número de republicanos da cidade, sendo lembrados estes feitos nos poemas de Luís Pimentel. No 1972 e promovida polo Concello e a Dirección Xeral de Belas Artes, procedeuse á demolición dos 130 edificios e 1.429 alpendres que estaban encostados á muralla polo exterior e impedían a observación do monumento. A obra significou quizás a meirande remodelación do aspecto da cidade dende tempo dos romanos. O último gran fito da historia da cidade sucedeu no ano 2000, cando a muralla foi declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO.
[editar] Monumentos de interese
- Muralla romana
- Artigo principal: Muralla de Lugo.
Trátase do principal monumento da cidade. É a única muralla romana do mundo que conserva todo o seu perímetro orixinal das innumerábeis que existían no antigo Imperio Romano. Ten máis de dous quilómetros de extensión e foi declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO o 30 de novembro do ano 2000, e irmandada dende o día 6 de outubro de 2007 coa Gran Muralla Chinesa de Qinhuangdao. Arrodea o centro da cidade, incluíndo a catedral, o museo provincial, o concello e outros edificios de interese. A muralla constaba de 85 torres elevadas con grandes fiestras, hoxe só consta de 71 cubos ao nivel do adarve. Das torres só queda un resto delas, A Mosqueira.
A muralla conta hoxe en con dez portas (cinco antigas e cinco novas, abertas a partir de 1853 por necesidades do crecemento urbano) que unen o recinto antigo co ensanche da cidade. O adarve, cunha anchura de ao redor de catro metros, que hoxe é un paseo ao que se accede por escaleiras unidas ao paramento interior, que á súa vez é un miradoiro da cidade vella.
- Catedral de Santa María
- Artigo principal: Catedral de Lugo.
Comezouse a construír no ano 1129 polo mestre Reimundo de Monforte. A obra orixinal é románica, con planta de cruz latina. A comezos do século XVI construíuselle un pórtico á porta do norte; e a finais reconstruíuse a torre do reloxo, na Praza de Santa María. No 1710 fíxose o claustro, obra de Frei Gabriel de Casas e Fernando de Casas Novoa. Finalmente, debido ao mal estado da primitiva fachada románica, derrubouse e construíuse a actual neoclásica. Ten o "privilexio" de albergar unha hostia consagrada en permanente exposición as 24 horas do día, esta exposición é única no orbe católico, o cal se reflicte no escudo da cidade (e a súa vez do Reino de Galicia), coa lenda Hic hoc mysterivm fidei firmiter profitemvr (Aquí confesamos firmemente este misterio da fe), en referencia ó misterio da consagración e do corpo de Cristo e que se trasladou ó propio escudo de Galicia), museos, institutos, ó campus universitario, ó Parque de Rosalía de Castro, etc.
- Termas romanas
Lugo tamén conta cun balneario de augas termais de orixe romana, declaradas Monumento Histórico-Artístico no 1931. Atópanse dentro das instalacións do Hotel Balneario de Lugo á beira do río Miño, preto da ponte romana. A construción destes baños é contemporánea á fundación da cidade no ano 15 a.C., sendo a parte máis impresionante das instalacións romanas conservadas o Apodycterium, estancia na que se espían os usuarios.
- Ponte Romana
- Artigo principal: Ponte Romana de Lugo.
Coñecida tamén como a ponte vella, está situada no itinerario que comunicaba Lucus Augusti con Bracara Augusta (a actual Braga) sobre o río Miño. Conta cunha lonxitude total de 104 m e 4 m de largura, feita enteiramente a base de pedra e lousa e composta por sete arcos. Na Baixa Idade Media a ponte romana de Lugo sufriu restauracións de certa importancia, tendo que facer na Idade Moderna varias reparacións para finalmente, en 1893, ser ancheada e modificada no seu aspecto ao suprimírselle varios elementos. Con todo, pese a todas estas modificacións os fundamentos da obra son en boa parte os orixinais.
Hoxe en día segue a ser utilizada, sendo unha das dúas pontes coas que conta a cidade, malia que vén de se licitar en xaneiro de 2009 unha terceira a uns 1.200 metros río abaixo, á altura do Campus Universitario.
- Casa do Concello
- Artigo principal: Casa Consistorial de Lugo.
Atópase na cabeceira da praza Maior, é considerado como unha das obras máis importantes do barroco civil galego. Foi proxectado por Lucas Ferro Caaveiro e erixido en 1738. A fachada principal do consistorio ten unha composición de dúas alturas, a inferior posúe un soportal con oito arcos de medio punto apoiados sobre nove alicerces e no andar de piso as oito portas-fiestra dispostas sobre os arcos inferiores dan paso a dúas balconadas de forxa de ferro sustentadas por ménsulas decoradas. A torre do reloxo, foille engadida en 1871.
As placas da fachada están en relación directa co barroco compostelán, sendo a súa decoración moi semellante á deseñada por Casas e Novoa na capela dos Ollos Grandes. A fachada complétase con escudos e unha cornixa moldurada con seis gárgolas sobre outros tantos pináculos. Esta composición péchase con dúas torres nas esquinas de corpo único. O peite da sección central ten unha cartela orlada que sinala a José Vaamonde, rexedor da cidade en 1738.
- Pazo de San Marcos
Este pazo está situado na rúa de San Marcos, sendo na actualidade a sede da Deputación Provincial. É un enorme edificio de dous andares, estando na súa parte traseira a muralla, onde se atopan os xardíns da Deputación. Posúe tamén unha sala de exposicións.
- Pazo Episcopal
É o actual pazo de residencia dos bispos de Lugo, é de estilo barroco e sitúase fronte á catedral, na praza de Santa María. Está presidida polo escudo do bispo Xil Taboada, baixo cuxo pontificado se acabou de facer a obra.
- Outros pazos urbanos
- Casa do Rexedor Santiso.
- Casa dos Montenegro.
- Casa dos Saavedra.
- Pazo de Dona Orraca.
- Pazo da Maza.
- Pazo de Orbán.
- Pazo do Marqués de San Martiño de Ombreiro.
- Prazas da cidade
- Praza Maior: é o centro vital da cidade, lugar de encontro dos lucenses. Luís Pimentel chamoulle "sala de visitas da miña vila". Nela podemos atopar a Casa do Concello, as estatuas adicadas aos fundadores da cidade, un pequeno paseo con placas e bustos adicados a escritores do país, o "quiosco da música" e o edificio do Círculo das Artes.
- Praza do Campo: trátase dunha pequena praza de forma triangular no corazón da cidade vella, moi preto da catedral, e atópase rodeada de edificios con soportais. No centro da praza hai unha fonte cunha estatua adicada a San Vicente Ferrer.
- Praza do Campo Castelo: nesta praza destaca o que queda do antigo cárcere episcopal barroco, que se levantou no lugar que ocupara o castelo medieval e o edificio que fai esquina coa praza Maior, construído en 1898. Hai unha estatua ao escritor Ánxel Fole e parques, onde se poden ver ao aire libre restos atopados do antigo Lugo.
- Parque de Rosalía de Castro
- Artigo principal: Parque de Rosalía de Castro.
É un parque situado no centro da cidade, aberto a mediados do século XX a modo de Cidade Xardín. Conta cunha extensión de preto de dúas hectáreas, onde se poden atopar diversas construcións, coma un Palco da Música, un estanque ou xogos infantís, a parte dun miradoiro dende onde se pode ver o río Miño en case toda a súa extensión ao seu paso pola cidade.
O parque acada especial relevancia durante as celebración das festas de San Froilán, pois serve de espazo para atraccións, barracas e quioscos.
- Igrexa de San Domingos
Situada na praza de Santo Domingo, actualmente está vinculada ao convento ocupado polas monxas agostiñas. Antigamente pertenceu ao convento dos PP. Dominicos, do que hai constancia desde 1274. As obras do cruceiro están datadas a mediados do século XIV.
- Igrexa de San Froilán
Situada na praza de Ferrol, preto da Porta Falsa.
- Igrexa de San Francisco
Esta igrexa, agora parroquial de San Pedro, está situada na praza da Soidade, contigua ao Museo Provincial.
- Igrexa de Santiago A Nova
Atópase situada na rúa da Raíña, é a parroquial de Santiago dende 1859.
[editar] Distincións da cidade
A partir da designación do principal monumento da cidade, a muralla, coma Patrimonio da Humanidade o 2 de decembro do 2000, a cidade recibiu unha serie de recoñecementos máis. Por exemplo cómpre destacar que, o 7 de novembro do ano 2002, a propia UNESCO designou a parte central da provincia de Lugo, na que está incluída totalmente o concello, como Reserva da Biosfera "Terras do Miño".
Pouco despois debido ao auxe das festas patronais da cidade estas foron declaradas de Interese Turístico Nacional, ademais de a propia cidade como Municipio Turístico Galego. Estase a estudar tamén a presentación das festas do Arde Lucus como candidata a recibir os galardóns de Interese Turístico Galego e Interese Turístico Nacional.
[editar] Museos
A cidade amurallada conta cunha gran variade de museos, entre os que se atopan o Museo Provincial, o Centro de Interpretación da Muralla, o Centro Arqueolóxico San Roque, a Casa dos Mosaicos, a Sala Porta Miñá ou o Museo Diocesano. Estase a construír un novo museo interactivo sobre a cidade.
[editar] Economía
Lugo é unha cidade de servizos, como corresponde á capital dunha provincia deste tipo. As principais actividades son as comerciais, a administración (delegacións da Xunta, de organismos estatais...) e servizos sanitarios e educativos. O incremento constante da poboación da cidade fai da construción un dos principais sectores económicos do municipio.
A industria é moi escasa e dedícase case en exclusiva á transformación de produtos agrícolas (lácteas,cárnicas, madeira...). A reducida presenza de industrias, a ausencia de medianas e grandes empresas e certo estancamento económico fan de Lugo unha das cidades menos desenvolvidas de Galicia.
Porén, hoxe en día estase a converter nun importante núcleo comercial e de servizos, destacando o campus universitario especializado en Ciencias Agrarias (con carreiras como veterinaria, ou as enxeñarías Agrícolas e de Montes...), sendo unha das urbes universitarias máis importantes de Galicia, só superada por Santiago.[10]
[editar] Festas e gastronomía
Lugo é famosa polas súas tabernas da Rúa Nova, Rúa da Cruz (tamén coñecida coma Rúa dos Viños) e Praza do Campo. Tamén podemos atopar unha rica gastronomía. Entre os seus pratos típicos están o polbo á feira, o lacón con grelos, o caldo galego, a empanada, as anguías, as troitas... Entre a repostería destacan as filloas (que poden ser feitas con sangue de porco), os freixós, as tellas e as orellas.
[editar] San Froilán
- Artigo principal: Festa de San Froilán.
Son festas adicadas ao patrón da cidade entre o 4 e o 12 de outubro. Estas festas de Interese Turístico Nacional reúnen tódolos anos multitude de visitantes de todo o país e de fóra, chegando na súa edición do 2008 a reunir a 1.035.000 persoas.[11] Dende tempos remotos durante os días que van do 4 ao 12 de outubro celébranse unha serie de actos festivos cuxas xornadas principais son a do patrón (día 5) e o domingo seguinte, chamado Domingo das Mozas, onde a xente engalánase cos traxes tradicionais e onde antes a tradición dicía que as familias do rural daban permiso a acudir a este día das festas aos seus fillos.
Tradicionalmente foi unha feira do ámbito rural con bailes, actuacións teatrais e competicións deportivas. Hoxe en día a estas actividades súmanselle muchas outras, coma concertos, feiras de artesanía... aínda que o máis típico é a visita as barracas e sobre todo visitar as casetas onde, durante todo o mes de outubro, pódese degustar o polbo á feira...
[editar] Arde Lvcvs
- Artigo principal: Arde Lvcvs.
Con preto de medio millón de visitantes esta festa conmemora o pasado romano da cidade de Lugo. Son tres días de actividades lúdicas nos que se recrea a vida da cidade no imperio romano, con circos romanos, carreiras de cuadrigas, loitas de gladiadores, desfiles militares romanos, gardas nas portas da muralla, venta de escravos, vodas celtas... onde a xente da cidade viste con traxes de romano ou de celtas, participando en tódalas actividades.
[editar] Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo
Os delegados das sete cidades antigas cidades do Reino (A Coruña, Lugo, Ourense, Santiago de Compostela, Mondoñedo, Betanzos e Tui) acoden cada ano para cumprir coa súa centenaria promesa de dotar dunha renda anual coa que iluminar o Altar Maior. A comitiva diríxese á catedral dende o pazo do Concello e, acabada a ofrenda, acompaña ao Santísimo na procesión pola cidade. Este acto desenvólvese o segundo domingo despois da festividade de Corpus Christi e foi declarado de Festa de Interese Turístico Galego.
[editar] Outras festas
Outras festas dignas de mención son as do barrio da Milagrosa, que se celebran a primeira fin de semana de setembro, o Entroido, as Letras Galegas ou o Magosto.
[editar] Barrios
A cidade de Lugo componse de numerosos barrios, moitos coa súa propia personalidade e arquitectura debido á súa construción repartida durante toda a historia da cidade.
- Centro - Recinto amurallado
Tamén coñecido como o casco vello, é a zona máis antiga da cidade, que fica dentro da muralla romana. É o centro comercial e administrativo, ademais da zona onde se atopan a meirande parte dos monumentos. Dentro deste barrio está a Praza Maior, o centro neurálxico de Lugo e a praza pública máis concorrida. Tamén neste barrio atópase a zona dos viños onde se poden atopar restaurantes e tabernas tradicionais. Hoxe en día está sufrindo unha profunda rehabilitación.
- San Roque
Un dos barrios máis céntricos e dos máis antigos da cidade. Conta cunha capela erixida en 1732 por Lucas Ferro Caaveiro. Neste barrio xuraban os bispos gardar os Foros da cidade. Tamén destacan os Xardíns, adicados a Xoán Montes e a residencia de anciáns, que data de 1886.
- Recatelo
Tamén barrio do Parque. Esta zona é a máis antiga da cidade fora do recinto amurallado, onde hai documentación de antigas domus romanas anteriores ao propio recinto defensivo. Este barrio alberga o Parque de Rosalía de Castro, e é ademais o barrio onde se celebran as principais actividades festeiras tanto do San Froilán como do Arde Lucus. Ademais neste barrio atópanse os Xulgados da cidade e numerosas institucións de ensinanza.
- A Cheda
Este barrio atópase ás beiras do río Miño, na súa ribeira esquerda. Acolle o campo de fútbol da cidade, un importante centro comercial e o Pazo de Feiras e Exposicións. Seguindo dende este barrio pola beira do río atópase o Balneario de Lugo, onde están as antigas termas romanas da cidade.
- A Ponte - San Lázaro
Atópase cruzando a Ponte Romana. Neste barrio atópase a igrexa de San Lázaro, que constitúe un fito do Camiño Primitivo de Santiago. Neste barrio atópase o río Clube Fluvial, un centro recreativo con piscinas e actividades de hostalaría. Ao redor de todos estes barrios a carón do río atopamos un paseo cun percorrido total duns trinta kilómetros,[12] integrando o río Miño na vida dos lucenses. Este espazo verde está considerado como Reserva da Biosfera.
- A Tolda
Tamén chamada a Tolda de Castela, chamada así por ter sido lugar de paraxe de viaxantes de negocios das terras castelás. Atópase na confluencia dos ríos Fervedoira e Miño, preto da zona máis moderna da cidade, a Acea de Olga.
- Acea de Olga
Situado na parte sur da cidade é un dos barrios máis novos de grandes avenidas, e onde se atopa a zona universitaria, que acolle o Campus da Universidade de Santiago. Este barrio foi erixido sobre as antigas aldeas de Fingoi e Magoi, nomes cos que tamén é coñecida esta zona. Neste barrio tamén se atopa a zona coñecida como Augas Ferreas, tamén moi preto do Campus.
- O Carme
É un barrio moi próximo ao centro urbano, entre a muralla e a Cheda, onde aínda se poden atopar pequenas hortas con leitugas e tomates, a parte de incluso galiñeiros e coelleiras, aínda que este tipo de actividade desaparece pouco a pouco cara unha maior urbanización.
- A Milagrosa
É o barrio máis populoso da cidade. Atópase na zona da avenida d'A Coruña, e é un barrio grande, obreiro e cunha notable actividade comercial e de hostalería. Neste barrio atópase o Parque da Milagrosa, un dos máis importantes da cidade e a igrexa do mesmo nome. Esta zona foi chamada o Agro do Rolo, polo que pasaba o acueduto romano do que hoxe a penas quedan restos.
- A Piringalla
Barrio situado á beira do barrio da Milagrosa a camiño até o de Garabolos. É unha zona onde se está a desenvolver unha importante actividade comercial.
- Albeiros
Un barrio con moita personalidade propia, xa que é unha antiga aldea que foi engulido pola cidade, mais que mantén ás súas características, sendo un dos barrios máis pintorescos e característicos da cidade.
- Fonte dos Ranchos
Neste barrio atópase o actual hospital da cidade, sendo un importante punto de comunicacións e unha das arterias principais da cidade, sendo a saída da cidade cara a Ponte Nova, que leva cara Santiago de Compostela e Ourense. Cómpre destacar que no ano 2007 foi construída unha gran fonte chamada multimedia, na que a iluminación se sincroniza coa música.
- Paradai
Barrio próximo ao centro da cidade, que ao igual que outros barrios mestura as modernas construcións coas máis tradicionais. No ano 2009 sufriu un importante troco tralas obras de urbanización que sufriu, o que o converterá nunha das máis importantes arterias de comunicación da cidade.
- Fontiñas
Un dos barrios con maior densidade de poboación da cidade e importante núcleo comercial e de comunicacións, que conecta a zona noroeste da cidade coa zona do Campus Universitario. Conta co Parque dos Paxariños, un espazo natural que baixa do alto da cidade até as zonas fluviais.
- A Chanca
A Chanca é un barrio que mestura a cidade e a construción rural, a medio camiño entre o centro da cidade e a zona residencial de Castelo, contando hoxe cun importante paseo fluvial ao redor dos ríos Rato e Fervedoira, outra importante paraxe natural de Lugo. Neste barrio atópase a Ponte da Chanca, unha gran ponte utilizada para a rede de ferrocarrís dende 1874.
- Sagrado Corazón
Este barrio é unha zona residencial, de pasado obreiro, situado ao norte da cidade ás beiras do Parque-Paseo do Rato.
- As Gándaras
Outra zona residencial que mestura as novas construción de grandes bloques de edificios con antigas casas, volcado especialmente cara o Polígono Industrial, ao que se atopa moi próximo. Arredor deste barrio e o anterior, concretamente na zona de San Cibrao é onde se situará o Novo Hospital de Lugo.
- O Ceao
Zona industrial da cidade, atópase case ao 100 por 100 da súa capacidade de desenvolvemento, motivo o cal levou á construción dunha nova zona industrial nas proximidades deste.
- Alto de Garabolos
Tamén coñecido sinxelamente como Garabolos, atópase ao final do polígono industrial e dunha das máis importantes arterias da cidade, a Avenida da Coruña. Neste barrio atópanse numerosas empresas adicadas ao sector automobilístico así como o cuartel de bombeiros e un importante centro comercial.
[editar] Deporte
Na cidade destacan equipos profesionais como Breogán, Azkar ou o Ensino. Todos eles amplamente coñecidos pola súa participación de maneira frecuente nas máximas categorías estatais na loita con cidades moito maiores e importantes a nivel económico.
O Club Baloncesto Breogán, actualmente participante na Liga LEB Ouro, é un dos clubes históricos no baloncesto español (ocupa a novena posición nese ránking) cunha das mellores afeccións en relación poboación-público[Cómpre referencia]. Tras moitos anos na máxima categoría nacional, a liga ACB, descendeu na temporada 2005/06 á LEB. O club logrou a súa mellor clasificación na temporada 84-85, ocupando a sexta posición, o que lle permitiu disputar unha competición europea, a Copa Korac, a seguinte campaña. Algúns xogadores importantes de baloncesto da cidade son Manel Sánchez, Tito Díaz, Suso Fernández ou Fran Vázquez (actualmente no FC Barcelona). A canteira do Breogán está representada polo Club Baloncesto Estudiantes, que disputa actualmente na Liga EBA.
O Azkar Lugo FS xoga actualmente na División de Honra da Liga Nacional de fútbol sala. Trala súa consolidación como un dos fixos da categoría a aposta pola canteira parece que comeza a ser clara nunha cidade na que o fútbol-sala ten o maior número de fichas federativas. No seu palmarés destaca a Recopa de Europa de fútbol sala do ano 2005, disputada en Lugo.
No fútbol destaca o CD Lugo, actualmente en Segunda B, que na temporada 92-93 competiu en Segunda División A. Algúns futbolistas lugueses de sona son o porteiro Diego López (Villarreal CF), Roberto Trashorras (FC Barcelona) ou Paulo Álvarez (Deportivo).
En baloncesto feminino o Porta XI Ensino participa na Primeira División da Liga Feminina. Os seus maiores logros foron o pase á final da Copa da Raíña en 2001 e a clasificación para as semifinais da Liga na temporada 03-04. En voleibol, destaca o equipo feminino Emevé. En deportes individuais cabe destacar ós medallistas olímpicos en piragüismo Ramos Misioné e Chilares, xunto a outros piragüistas como Pedro Cuesta e Valladares. En atletismo destaca a olímpica María Abel, e no golf Katia Fernández. Foi famoso o falecido motociclista José Luís López Mella.
Cabe destacar tamén a ampla tradición aeronáutica da cidade. O Real Aeroclub de Lugo conta na actualidade cunha gran flota de aeronaves lixeiras. Organiza anualmente unha concentración aeronáutica na que se dan cita varias disciplinas, desde a competición ata a divulgación do mundo da aviación. A súa base é o aeródromo de Rozas, unha pista de importantes dimensións para a que existen proxectos de ampliación nun futuro.
[editar] Galería de imaxes
- Artigo principal: Galería de imaxes de Lugo.
|
Seminario e á dereita o antigo cárcere provincial, onde estivo, por exemplo, Gregorio Sanz |
[editar] Cidades irmandadas
Dinan (Bretaña)
Viana do Castelo (Portugal)
Qinhuangdao (China)
Gran Muralla Chinesa (China) (Irmandada á Muralla de Lugo)
[editar] Lugueses de sona
- Froilán, patrón da cidade e bispo de León (823-905).
- Xoán Montes Capón, compositor (1840-1899).
- Amador Montenegro Saavedra, escritor e xornalista, fundador do semanario A Monteira (1864-1932).
- Gustavo Freire, compositor (1885-1948).
- Luis Benigno Vázquez Fernández Luis Pimentel, escritor (1895-1958).
- Ángel González López Ánxel Johán, escritor e pintor (1901-1965).
- Ánxel Fole Sánchez, escritor (1903-1986).
- Juan Rof Carballo, médico e ensaísta, fillo do eminente veterinario Juan Rof Codina (1905-1994).
- Xulia Minguillón Iglesias, pintora (1906-1965).
- Francisco Martín Iglesias, escritor (n. 1940).
- Xosé Lois García Fernández, escritor (n. 1945)
- Serafín Fanjul, arabista e catedrático de Literatura Árabe (n. 1945)
- Pilar García Negro, política e escritora (n. 1953)
- Sabela Álvarez Núñez, escritora (n. 1954).
- Ricardo Varela Sánchez, político (n. 1955).
- Claudio Rodríguez Fer, escritor (n. 1956).
- Antonio Mourelos Vázquez, actor (n. 1959)
- Fernando Xavier Blanco Álvarez, político (n. 1959)
- Jenaro Castro Muíña, xornalista, presentador de informativos na TVE (n. 1961)
- Miguel-Anxo Murado López, escritor e xornalista (n. 1965).
- Liborio García Ferreiro, xornalista televisivo (n. 1968).
- Xulio Pardo de Neyra, historiador e filólogo (n. 1968).
- Luis López Tosar, actor (n. 1971).
- Silvia Jato, modelo e presentadora de televisión (n. 1971).
- María Abel, atleta que participou nos Xogos de Sydney (2000) e Atenas (2004) (n. 1974).
- María Yáñez Anllo, xornalista, editora e guionista (n. 1978)
[editar] Lugares de Lugo
Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Lugo vexa: Lugares de Lugo.
[editar] Parroquias
[editar] Notas
- ↑ Véxase no Galizionario.
- ↑ Datos de 2001 publicados en 2004.
- ↑ Un castro revoluciona a historia de Lugo
- ↑ Axencia Estatal de Meteoroloxía. Temperatura máxima anual absoluta
- ↑ Axencia Estatal de Meteoroloxía. Temperatura mínima anual absoluta
- ↑ Refírese ao mes coa media de temperatura máis baixa e máis alta dos 29 anos de estudo.
- ↑ Paxina da UNESCO, criterio para a designación da Muralla de Lugo como Patrimonio da Humanidade
- ↑ Paxina do Concello de Lugo con datos sobre a Muralla
- ↑ 9,0 9,1 Historia de Lugo
- ↑ Lugo, xeografía
- ↑ O San Froilán atraeu a Lugo a máis dun millón de persoas
- ↑ Cidade e Barrios
[editar] Véxase tamén
[editar] Ligazóns externas
|
|
||||
|---|---|---|---|---|
|
|